O Servizo Galego de Saúde vén de abrir un expediente disciplinario contra o doutor Javier Castrillo, xefe do servizo de Xinecoloxía do Hospital de Verín e un dos referentes da mobilización que hai un ano se levou a cabo en protesta polo paridoiro do hospital comarcal.
O expediente, que podería provocar a súa inhabilitación profesional durante dous anos, parte da negativa de Javier Castrillo a trasladar unha nai e o seu bebé ao hospital de Ourense
Segundo publica o Xornal do Támega, o expediente, que podería rematar coa súa inhabilitación, ten a súa orixe nuns feitos que tiveron lugar o 30 de novembro do pasado ano. Aquel día naceu un neno no paridoiro do hospital, cuxo peche fora xa decretado pola Consellaría de Sanidade. O bebé naceu sen complicacións pero a instrución da pediatra de garda era que a nai e o seu neno fosen derivados ao Hospital de Ourense. O doutor Castrillo opúxose, alegando que non esxistían razóns médicas para facelo. Porén, finalmente foron trasladados.
A oposición de Castrillo á decisión adoptada pola outra profesional está considerada polo Sergas como unha falta grave e podería rematar nunha inhabilitación profesional de ata dous anos.
Algúns compañeiros e compañeiras de Castrillo no Hospital de Verín ven no expediente aberto pola Consellaría de Sanidade "unha clara venganza contra unha das persoas que máis se significou na loita contra a súa decisión de pechar o paridoiro, sobre todo contra un profesional como a copa dun pino e querido entre a poboación, que sempre tivo un exquisito trato co resto dos seus compañeiros", segundo recolle o Xornal do Támega.
O conflito motivado polo paridoiro de Verín comezou a finais de novembro do pasado ano. A mobilización social obrigou á Xunta a dar volta atrás na súa decisión
A protesta contra o peche do paridoiro desenvolveuse ao longo dos meses de decembro, xaneiro e febreiro, con masivas manifestación en Verín e tamén en Compostela, onde o 9 de febreiro milleiros de persoas ateigaron a Praza da Quintana en defensa da Sanidade Pública.
Finalmente, esa primeira semana de febreiro o Hospital de Verín recuperou a atención aos partos tras cubrir o Sergas unha das dúas prazas convocadas. O xefe de Xinecoloxía amosou nese momento a súa "satisfacción" pero acusou a Xunta de colocarlle "un estigma" aos profesionais: "Fixéronnos moito dano". "Aquelas acusacións de falta de pericia, aquela alución aos criterios de calidade que logo brillaron pola súa ausencia, a pretensión dun consentimento reforzado... Algunhas cousas con intención e outras sen ela, pero prexudicaron moito a nosa imaxe", explicaba Castrillo en referencia a declaracións de cargos do Sergas e da propia Xunta.