O equipo de Xinecoloxía e Obstetricia do Hospital Público de Verín recorre o peche da atención aos partos no centro. Os tres profesionais presentaron este pasado martes un recurso de alzada ante a xerencia da área sanitaria contra o acordo que impuxo a supresión do paridoiro para que quede "sen efecto" e se proceda a "prover ao servizo de parto dos necesarios recursos humanos para que non quede desatendido".
O equipo de Xinecoloxía e Obstetricia do hospital presentou un recurso de alzada ante a xerencia ao entender que non ten competencia para suprimir un servizo
Os tres doutores entenden, tal e como explican no recurso ao que tivo acceso Praza.gal, que, "legalmente, nin o xerente executivo nin a xerencia de xestión poden suprimir un servizo xa existente". E tiran de normativa e lei para advertir de que esa facultade "compete aos órganos superiores", en concreto, á Consellería de Sanidade, que debería ademais seguir un curso legal para unha decisión na que deberían intervir o Consello Galego de Saúde, o Consello da Xunta, o Parlamento galego e "mesmo o Ministerio de Sanidade".
Nunha extensa argumentación, os doutores Javier Castrillo, Rogelio Viñán e Sonia María García, destacan que o Decreto 168/2010 que regula a estrutura organizativa da xestión integrada do Sergas establece que entre as funcións desta están as de xestionar e organizar os recursos, establecer os obxectivos ou dirixir a actividade, pero non a de acabar cun servizo xa existente. En cambio, advirten de que a Lei de Saúde atribúe á Consellería as competencias para actualizar a carteira de servizos ou prover directamente de servizos sanitarios, así como "a autorización para a creación, modificación, traslado e supresión ou peche de centros, servizos e establecementos sanitarios".
Os profesionais entenden que a supresión"foi ditada por un órgano incompetente" e que incumpre coa "equidade e equilibrio territorial" que propugna a Lei de Saúde
"Está claro", din no recurso, "que a supresión dun servizo corresponde á Consellería de Sanidade". Xa que logo, consideran que a fin da atención aos partos "foi ditada por un órgano manifestamente incompetente" e sería unha orde "radicalmente nula", que podería provocar "responsabilidades" ao seu autor "polos prexuízos que se poidan producir ás persoas usuarias e á cidadanía en xeral", ademais de "carecer de motivación".
O recurso explica tamén que a Lei de Saúde establece a "promoción da equidade e do equilibrio territorial no acceso e a prestación a servizos sanitarios" como un dos principios reitores da administración sanitaria. Segundo o equipo de Xinecoloxía e Obstetricia, isto "impón que unha zona territorial tan extensa como a que cobre o Hospital de Verín (...) non se deba atender só a criterios de números sobre as asistencias anuais aos pacientes, senón a non deixar xamais sen as debidas atencións zonas territoriais extensas como as que nos ocupa". "A súa poboación ten dereito tamén a ser atendida, sobre todo en casos de urxencias".
É aí onde os doutores alertan da "improcedencia de fondo do acordo impugnado" ao reparar no feito de que "o primeiro que debe ter cuberto un hospital público son as emerxencias". "Unha placenta previa sangrante non ten tempo de espera", din citando outros casos como "sufrimento fetal agudo ou hemorraxias puerperais" que non se poden atender "no tempo axustado pola supresión do servizo de partos, con grave risco para a vida do paciente".
De feito, o equipo médico solicita tamén no recurso que durante a tramitación deste, e para "evitar que se poidan producir males que poidan dar lugar a responsabilidades tanto disciplinarias como penais e/ou civís", se suspenda o acordo impugnado "coa debida provisión dos recursos humanos para atender urxencias sanitarias".
O recurso alude tamén á "improcedencia" dun acordo que impide atender emerxencias nun parto e pide que se suspenda ou se dean protocolos claros de como actuar
No caso de que non se acordase esta suspensión, os profesionais reclaman que se lles dean a eles e ás mulleres embarazadas "ordes concretas ou un protocolo concreto de actuación" para cando xurda unha emerxencia "poder proceder en consecuencia e saber quen asume a responsabilidade no suposto de que suceda algún infortunio durante os traslados". No primeiro parto no paridoiro logo de ser pechado, e despois de que se evitase o traslado da nai para evitar riscos, o xinecólogo de garda puxo o caso en coñecemento do xuíz de garda para "salvagardar" a súa responsabilidade.
Consultadas por Praza.gal, fontes expertas xurídicas consideran axeitado o recurso e coinciden en que a supresión do paridoiro pode tratarse "dun acto nulo de pleno dereito, tanto por ser adoptado por autoridade administrativa manifestamente incompetente como por omitir o procedemento necesario para variar a carteira de servizos sanitarios". Ademais, advirten de que a nulidade podería basearse tamén na omisión da preceptiva negociación cos representantes sindicais dos traballadores ao ser un acto que muda substancialmente as condicións de traballo dos profesionais.