"Todos os problemas da Atención Primaria parten do mesmo: falta de persoal e anos de recortes e desinvestimento"

Consulta de atención primaria nun centro sanitario galego © Xunta

A Atención Primaria é a base do sistema sanitario e os seus centros e profesionais resolven a maioría das patoloxías e problemas de saúde da poboación e son, en calquera caso, a porta de entrada aos restantes niveis de atención. A pandemia tensionou a totalidade do sistema sanitario e amosou moitas das súas eivas, problemas estruturais -principalmente de falta de persoal- que no caso da Atención Primaria se veñen arrastrando dende hai anos. 

Os responsables de Sanidade de CIG e CC.OO destacan principalmente o "déficit de persoal" como a causa dos problemas actuais

O comezo do verán puxo ao descuberto numerosos problemas en centros de saúde, con dificultades crecentes para a atención da cidadanía, motivadas principalmente pola falta de persoal. Hai uns días o BNG presentou unha batería de iniciativas no Parlamento galego para "achegar solucións" á situación de “deterioro” na que se atopa a Atención Primaria en Galicia. Unha situación que segundo o BNG "vén de lonxe" e é consecuencia "dos recortes levados a cabo polo PP durante os últimos 12 anos". Isto "quedou ao descuberto con toda a crueza coa pandemia e, agora, coa chegada do verán, os problemas vense agravados”, sinalaba a portavoz nacionalista de Sanidade, Montserrat Prado.

Mobilización de persoal da atención primaria do Sergas, o 26 de outubro de 2019 en Santiago CC-BY-SA EM

María Xosé Abuín, secretaria nacional de CIG-Saúde, destaca principalmente o "déficit de persoal" como a causa dos problemas actuais, unha situación á que se une o "cansazo acumulado" durante o último ano e medio de pandemia. Así mesmo, subliña que "neste momento temos unha situación agravada polo repunte de contaxios". "Este repunte parece que non van sobrecargar demasiado os servizos hospitalarios, pero si van provocar unha maior carga de traballo na atención primaria", alerta.

Abuín denuncia que o papel da Atención Primaria foi "invisibilizado" e "ocultado", poñendo só o énfase "no traballo que se fai nos hospitais". "Á Consellaría de Sanidade non lle interesaba poñelo en valor polos problemas que existen de falta de persoal", di

Abuín reivindica o papel imprescindible xogado pola Atención Primaria durante a pandemia, tanto na atención temperá de positivos coma no tratamento e seguimento das persoas que superaron a enfermidade e que agora poden sufrir secuelas. "Hai que lembrar que todas as persoas que se contaxiaron co virus ou que estiveron en contacto estreito cunha persoa contaxiada, agás os ingresos hospitalarios. foron atendidas pola atención primaria", explica. Porén, denuncia que o papel da Atención Primaria foi "invisibilizado" e "ocultado", poñendo só o énfase "no traballo que se fai nos hospitais". "Á Consellaría de Sanidade non lle interesaba poñelo en valor polos problemas que existen de falta de persoal", di.

"As mortes non se evitan só con máis camas de UCI ou con máis camas de hospital; evítanse con detección temperá, co seguimento dos contaxios, con estratexias áxiles que permitan aos equipos de Atención Primaria atender ás persoas contaxiadas ou en risco"

Nas últimas semanas tamén a Asociación Galega de Medicina Familiar e Comunitaria alertou de que "a debilidade do noso sistema sanitario débese aos anos de desinvestimento en recursos humanos e en formación". Destacando ademais a importancia da Atención Primaria na loita contra a pandemia: "a resposta a esta e a outras pandemias futuras debe ter como prioridade a prevención e a detección temperá. Por iso é polo que os equipos de Atención Primaria e de Saúde Pública deben dispor dun número de profesionais adecuado e coa formación necesaria para levar a cabo esas tarefas". "As mortes non se evitan só con máis camas de UCI ou con máis camas de hospital; evítanse con detección temperá, co seguimento dos contaxios, con estratexias áxiles que permitan aos equipos de Atención Primaria atender ás persoas contaxiadas ou en risco, de forma segura e eficaz", engadía un comunicado conxunto das principais entidades de Medicina de Familia do Estado.

"Temos moitísimas enfermeiras e enfermeiros vacinando e que proceden de centros de saúde e que non se substitúen con outras e outros enfermeiros", alerta González

Semellante é a análise de Javier González, secretario xeral de CCOO-Sanidade, que destaca que estamos a vivir "os problemas habituais de falta de persoal de cada verán e, ademais, algún problema engadido". "Por exemplo, temos moitísimas enfermeiras e enfermeiros vacinando e que proceden de centros de saúde e que non se substitúen con outras e outros enfermeiros", comenta. De igual xeito, destaca que agora está agromando "moito traballo acumulado" dos últimos meses: "hai moita xente agardando por probas e citas, sobre todo en especializada, persoas que non puideron acceder durante a pandemia e que agora están a agardar", di.

Centro de saúde de Barreiros © Concello de Barreiros

Tanto Abuín coma González avogan por avanzar na recuperación das consultas presenciais, substituídas durante a pandemia en boa medida por consultas telefónicas. Pero o responsable de CCOO-Sanidade advirte de que "as consultas telefónicas tamén levan tempo" e destaca que "o problema é a falta de persoal, que na actualidade dous médicos están facendo o cupo de catro". O mesmo apunta a responsable de CIG-Saúde: "para recuperar a asistencia presencial ten que haber persoas do outro lado. O problema é que hai unhas axendas sobrecargadas que impiden acceder a esa asistencia presencial".

"O problema é que hai unhas axendas sobrecargadas que impiden acceder a esa asistencia presencial"

"Hai que recuperar a atención primaria de xeito presencial para todas aquelas demandas que presente a poboación e iso non é incompatible con que haxa unha asistencia telefónica para todos aqueles nos que o profesional decida que pode resolver deste xeito, para comentar algúns resultados de probas ou facer un seguimento", defende Abuín.

 

Solucións

"Se ves que nos próximos anos vai haber unha xubilación masiva de profesionais e non solicitas que se repoñan o mesmo número de prazas, pois tes este resultado de falta de persoal. Pero parece que o obxectivo era facer máis con menos"

En canto ás solucións, tanto María Xosé Abuín coma Javier González reclaman en primeiro lugar o reforzo de persoal. "Levamos anos demandando que hai que facer un plan de ordenación de recursos humanos para identificar as necesidades de persoal e poñer solucións. Este problema que existe agora é a crónica dunha morte anunciada, nós levámolo denunciando dende o 2012. Se ti tes unha pirámide de poboación traballadora e ves que nos próximos anos vai haber unha xubilación masiva de profesionais e non solicitas que se repoñan o mesmo número de prazas MIR de médico e médica de familia para cubrilas, pois tes este resultado de falta de persoal. Pero parece que o obxectivo era facer máis con menos", denuncia Abuín.

"Podemos citar moitos problemas na Atención Primaria, pero ao final todos levan ao mesmo: a falta de persoal", di González, que denuncia que "a Atención Primaria parece a irmá pobre da sanidade"

"Podemos citar moitos problemas na Atención Primaria, pero ao final todos levan ao mesmo: a falta de persoal e anos de recortes e desinvestimento", di González, que denuncia que "a Atención Primaria parece a irmá pobre da sanidade". "Dende hai tempo pedimos que se fagan uns orzamentos separados e que se destine o 25%, que non é unha gran cantidade, pero que duplicaría á achega actual de recursos, que se sitúa no 12%", explica. O responsable de CCOO-Sanidade cre que "é xa difícil mellorar as cousas este verán, porque o verán xa comezou. A única posibilidade é que se fagan ofertas de traballo suficientemente atractivas para que o persoal non marche. Moitos dos últimos MIR que saíron xa marcharon directamente, por mor das condicións que se lles ofrecen aquí.". "Noutros lugares ofrécenlles mellores condicións laborais, máis aló das condicións salariais. Parece que nos dedicamos a formar á xente e despois regalámolos polos distintos países de Europa", lamenta.

Abuín reclama a incorporación á carteira de servizos de Atención Primaria de categorías imprescindibles para emprestar unha atención integral e descolapsar as listas de espera

Ademais do reforzo de persoal, María Xosé Abuín reclama a incorporación á carteira de servizos de Atención Primaria de categorías imprescindibles para emprestar unha atención integral e descolapsar as listas de espera. "A Atención Primaria empréstase dun xeito interdisciplinar con outros profesionais -enfermaría, fisioterapia, logopedia psicoloxía, matronas...-, profesionais que se estivesen ben desenvolvidas as súas carteiras de servizo, con prestacións que se convertesen en axendas nas que a cidadanía puidese pedir citas, permitirían desconxestionar as consultas", di

Finalmente, Abuín e González demandan propostas de recuperación de prazas MIR "que sexan acompañadas doutras medidas e non queden en brindes ao sol", como expresa a representante da CIG.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.