O Sergas estima que pechará unha de cada dez camas hospitalarias no sistema sanitario público durante este verán. Concretamente, e segundo os cálculos feitos pola Consellería de Sanidade, os hospitais públicos galegos contarán co 89,5% dos "recursos operativos" entre xullo e setembro.
Sanidade estima que os hospitais públicos galegos contarán co 89,5% das camas hospitalarias este verán
Eses son os datos que vén de facilitar o Servizo Galego de Saúde a Praza.gal, despois de que as direccións das áreas sanitarias comunicasen xa aos sindicatos as súas previsións, que, á falta dos datos dalgunha xerencia, supoñen que cando menos medio milleiro de camas quedarán inhabilitadas nos hospitais públicos de Galicia.
Tal e como adiantou este diario, e segundo os datos achegados por varias fontes sindicais, son 462 as camas que xa están confirmadas que pecharán no verán: 135 na área sanitaria de Vigo, 131 na da Coruña-Cee, 90 na de Pontevedra-O Salnés, 68 na de Lugo e 38 na de Ferrol. Queda por saber se nas de Ourense e Santiago-Barbanza se prescindirá tamén de prazas de ingreso, unha previsión transmitida polas xerencias ás centrais, que non se fían duns anuncios que deberían confirmarse nos vindeiros días.
Ante estas previsión, o Sergas aclara que "a estimación previsible dos recursos operativos neste período de verán será de 89,5%, máis de 14 puntos por riba da media da ocupación real dos anos anteriores".
O Sergas aclara que no verán ten en conta "o decremento da demanda asistencial pola diminución da morbilidade estacional de determinadas patoloxías"
Sanidade asegura que, segundo a planificación en 2019, ano prepandemia, "nestas mesmas datas a estimación previsible dos recursos operativos no período estival foi do 88,3% do total das camas dispoñibles". "Ao final do verán a porcentaxe real de ocupación durante estes meses foi do 75,91%", indica.
Ademais, a Consellería de Sanidade advirte que "as camas hospitalarias están todas dispoñibles de acordo coas necesidades dos pacientes en cada momento, e se utilizan sempre que así se requira". "O Sergas planifica, todos os anos, a adecuación dos recursos asistenciais no verán tendo en conta o decremento da demanda asistencial, motivado pola diminución da morbilidade estacional de determinadas patoloxías", insiste.
Así, aclara que durante este período estival "prográmanse as vacacións dos profesionais e mantéñense operativos todos os recursos necesarios para a asistencia sanitaria". Ademais, as circunstancias entre xullo e setembro, segundo o Sergas, "facilitan tamén que durante estes meses se poidan levar a cabo obras ou actuacións preventivas ou reparadoras en distintas unidades que durante unha época de maior ocupación sería moi difícil levar a cabo".
De ter en conta os datos do Sergas recompilados polo Instituto Galego de Estatística (IGE), Galicia comezou 2020 cun total de 8.906 camas hospitalarias en funcionamento --unhas 1.000 menos que dez anos antes--, sumando sanidade pública e privada. A propia Xunta cifraba naquela altura nunhas 6.200 as camas de titularidade pública.
Segundo Sanidade, algo máis do 10% (10,5%) das camas hospitalarias dispoñibles dos centros públicos serán pechadas este verán, serían unhas 650 do total de prazas do Sergas, unhas 200 máis das xa confirmadas polas xerencias de cinco das sete áreas sanitarias, á espera do que decidan as de Santiago e Ourense. Unha estimación moi semellante á que fan os sindicatos de engadir as previstas nestas dúas últimas.
Son cifras menores que as de non hai tantos anos, cando se roldaban o superaban as mil camas pechadas no verán,. Pero as demandas sindicais seguen a ser as mesmas, máis en tempos de pandemia e tras as experiencias vividas no sistema sanitario público: estabilizar e aumentar a contratación de persoal e aproveitar o verán para reducir as elevadas listas de espera, sobre todo as cirúrxicas.