O Sergas pechará cando menos medio milleiro de camas hospitalarias no verán

Dúas camas nunha habitación dun hospital galego CC-BY-SA Xunta

As xerencias das áreas sanitarias confirmaron xa o peche de máis de 460 camas hospitalarias este verán

Pasados os peores momentos da COVID e coa vacinación reducindo o impacto da pandemia en Galicia, o Sergas prepara o peche de centos de camas hospitalarias para o verán. Unha vez máis. As direccións das áreas sanitarias están empezando a comunicar aos sindicatos as súas previsións e, á falta dos datos dalgunha xerencia, cando menos medio milleiro de camas quedarán inhabilitadas nos hospitais públicos de Galicia.

Segundo os datos que varias fontes sindicais achegaron a Praza.gal, son 462 as camas que xa están confirmadas que pecharán entre xullo e setembro: 135 na área sanitaria de Vigo, 131 na da Coruña-Cee, 90 na de Pontevedra-O Salnés, 68 na de Lugo e 38 na de Ferrol

Cuarto do hospital vigués 'Alvaro Cunqueiro', nunha imaxe de arquivo © Sergas

Non hai previsto, segundo o comunicado polas xerencias ás centrais, que haxa peches nin na de Santiago-Barbanza nin na de Ourense, aínda que os sindicatos non se fían. Así o explica Xosé Manuel Marcote, secretario comarcal de CIG-Saúde en Compostela, que asegura que a xerencia "leva dous meses" respondendo que non se levará a cabo ningunha inhabilitación de camas, unha noticia que, de ser así, será confirmada nunha reunión que as centrais manterán coa dirección da área sanitaria este mércores. 

Á falta dos datos de Santiago e Ourense, a área de Vigo pechará 135 camas; a da Coruña, 131; a de Pontevedra, 90; a de Ferrol, 38 e a de Lugo, 68

"Nunca deixaron de pechar camas en verán e non cremos que este ano vaia ser diferente", di Marcote sobre unha situación semellante á de Ourense, onde o sindicato de enfermaría Satse tamén asegura que a intención da xerencia semella non reducir praza de ingreso ningunha durante o verán. 

Non ocorre así no resto de áreas. Na de Vigo, serán 135 as camas que pechen entre os hospitais Álvaro Cunqueiro e o Meixoeiro, ao que hai que unir as 120 que levan tempo clausuradas neste último centro. Serán, aproximadamente, o 12% das camas operativas as que queden inhabilitadas entre xullo e setembro. 

Na área de Pontevedra-O Salnés, pola súa banda, segundo confirmou a propia área sanitaria hai uns días, o Hospital de Pontevedra pechará unhas 78 camas, un 13% do total, mentres que no Hospital do Salnés serán arredor de 12, sobre o 10% do total. En total, 90 prazas de ingreso menos.  

Ademais, na área da Coruña-Cee, segundo datos facilitados aos sindicatos por parte da xerencia, son un total de 131 as camas que se pecharán desde xullo ata setembro: 43 no Hospital Teresa Herrera, 32 no Hospital Universitario da Coruña, 20 no Hospital de Oza e 36 no Virxe da Xunqueira de Cee

Na área de Lugo, pola súa banda, están confirmado o peche de 68 camas. Neste caso, como na do resto, as dirección das áreas sanitarias supeditan as cifras á evolución da pandemia e á posibilidade de que houbese que habilitar máis prazas. 

O peche de camas por parte do Sergas no verán é unha constante. Malia as críticas dos sindicatos e representantes do persoal, a chegada das vacacións provoca unha redución da actividade e de prazas, a pesar das demandas das centrais para que se estabilice a contratación de traballadores e se aproveite para reducir as elevadas listas de espera, nomeadamente en cirurxía. 

Sanidade xustifica o peche de camas na "menor demanda" e nas vacacións maioritarias do persoal

Á espera da resposta dos Sergas a preguntas deste diario, neste mesmo luns, o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, xustificou o peche de camas na "menor demanda" e nas vacacións maioritarias do persoal. Así, e ante as cifras dalgúns sindicatos en áreas sanitarias como as de Vigo, o responsable do departamento advertiu de que o número é "variable" e que as prazas poderían volver habilitarse no caso de seren necesarias. 

Do mesmo xeito, Comesaña xustificou na pandemia o feito de que non se cubran as vacacións do persoal de enfermaría. Segundo dixo, o importante número de contratacións nos últimos meses pola COVID "fai máis difícil" atender ás substitucións. 

Mínimo de camas hospitalarias en funcionamento

Aínda que as cifras son agora menores que hai poucos anos, cando se roldaban o superaban as mil camas pechadas no verán, as demandas seguen a ser as mesmas, máis en tempos de pandemia e tras as experiencias vividas no sistema sanitario público. 

"Hai que ampliar os cadros de persoal de maneira estrutural e contratar xente, como mínimo, con contratos dun ano de duración", din desde os sindicatos, que denuncian que o Sergas continúa cunha decisión "que non ten xustificación máis aló de que non queren contratar máis". 

Desde as centrais, adóitase aclarar que o persoal tan só goza dun mes de vacacións e que a Xunta só precisa mirar o número de xente inscrita nas listaxes da contratación para comprobar que a remuda está garantida tirando dela durante a época estival. 

Instalacións do Hospital Álvaro Cunqueiro © Sergas

O ano pasado, segundo os cálculos que levou a cabo o sindicato Satse, en Galicia pecháranse arredor de 400 camas. Ademais, as camas hospitalarias en funcionamento baixaron ata outro mínimo do século no ano previo á pandemia, segundo os datos do Servizo Galego de Saúde recompilados polo Instituto Galego de Estatística. 

Segundo esta fonte oficial, Galicia comezou 2020 cun total de 8.906 camas hospitalarias en funcionamento --unhas 1.000 menos que dez anos antes--, sumando sanidade pública e privada (naqueles meses, a propia Xunta cifraba nunhas 6.200 as camas de titularidade do propio Sergas). A elas sumábanse outras 952 instaladas, pero non en funcionamento no momento da recollida dos datos.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.