As camas hospitalarias en funcionamento en Galicia baixaron ata outro mínimo do século no ano previo á pandemia

Unha traballadora do Sergas manexa unha cama nun corredor dun hospital CC-BY-SA Xunta

En 2018, Galicia descendeu por primeira vez no que vai de século das 9.000 camas hospitalarias en funcionamento; en 2019 eran 8.906, segundo os datos que vén de actualizar o IGE

Segundo os datos do Servizo Galego de Saúde recompilados polo Instituto Galego de Estatística, no ano 2018 Galicia baixou das 9.000 camas hospitalarias en funcionamento por primeira vez no que vai de século. Este dato, coñecido en abril de 2020, vén de ser actualizado polo IGE cos datos pechados a 31 de decembro de 2019. Lonxe de inverter a tendencia, a oficina estatística dependente do Goberno galego ratifica que, no ano previo á pandemia, a senda decrecente seguiu sendo a mesma.

Segundo esta fonte oficial, Galicia comezou 2020 cun total de 8.906 camas hospitalarias en funcionamento, sumando sanidade pública e privada (naqueles meses, a propia Xunta cifraba nunhas 6.200 as camas de titularidade do propio Sergas). A elas sumábanse outras 952 instaladas, pero non en funcionamento no momento da recollida dos datos.

Atendendo a esta mesma serie histórica, que comeza en 1999, o número de camas hospitalarias instaladas en Galicia non supera as 10.000 dende o ano 2012, cando eran 10.021. As camas hospitalarias en funcionamento non chegan ás dez mil dende o ano 2004 e non superan as 9.500 dende 2011, indica o IGE.

Esta diminución prodúcese nun contexto no que, non obstante, o devalo poboacional que Galicia vén padecendo nas últimas décadas provoca que o número de camas hospitalarias en funcionamento por cada mil habitantes siga sendo superior á media estatal, aínda que tamén diminúa. Así, hai unha década (2009), Galicia tiña 3,53 camas hospitalarias en funcionamento por cada mil habitantes e o total estatal roldaba as 3,13. Agora, sempre segundo o IGE, o dato galego sitúase nas 3,30 e o español, en 2,95.

Máis pacientes e actos cirúrxicos

A mingua no número de camas hospitalarias en funcionamento e no total dispoñibles produciuse nun contexto de incremento dos pacientes ingresados nos hospitais galegos, así como no número de operacións cirúrxicas que se realizan neles. Así, por exemplo, en 2019 foron dados de alta nos centros hospitalarios de Galicia un total de 334.497 persoas, unha cifra un chisco inferior á de 2018 pero superior á do resto da serie histórica. Nese mesmo ano, en Galicia desenvolvéronse 290.333 actos cirúrxicos, máis de 290.000 por primeira vez na serie histórica.

Nos últimos anos, a Xunta sinalou o ritmo crecente de operacións cirúrxicas no Sergas como mostra de que "o recurso cama xa non é tan imprescindible coma antes"

Antes da pandemia do coronavirus, o Goberno galego veu relativizando a diminución no número de camas hospitalarias sinalando, precisamente, que mentres estas diminúen seguen aumentando o número de operacións cirúrxicas que realizan os hospitais. Segundo a Xunta, o "recurso cama xa non é tan imprescindible coma antes" nin "determina o grao de eficacia do sistema", sostivera a Consellería de Sanidade nunha resposta parlamentaria en 2014.

Ante as recorrentes críticas da oposición ao respecto, o ex-conselleiro de Sanidade Jesús Vázquez Almuíña, actual presidente da autoridade portuaria de Vigo, estirara o argumento un chisco máis. Cuestionar o Goberno pola diminución no número de camas ou polo seu peche durante os meses de verán era, ao seu xuízo,  pregunta "anticuada" sobre un "recurso" que "é importante nos hoteis e non tanto nos hospitais".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.