Galicia baixou en 2018 das 9.000 camas hospitalarias en funcionamento por primeira vez no que vai de século

Nos últimos anos reduciuse o número de camas hospitalarias en Galicia CC-BY-NC-SA Praza Pública

O sistema sanitario galego baixou por primeira vez no que vai de século das 9.000 camas hospitalarias en funcionamento. Segundo os datos feitos públicos este xoves polo Instituto Galego de Estatística (IGE), o país contaba a finais de 2018 --último dato rexistrado-- cun total de 8.975, 130 menos que no exercicio anterior e case un milleiro menos que unha década antes. 

Galicia conta con 8.975 camas en funcionamento no seu sistema sanitario, 130 menos que no ano anterior e case un milleiro menos que hai unha década

Esta último dato é o mínimo na serie histórica, que comeza no ano 1999, hai case vinte anos. O recorte máis importante produciuse nos primeiros anos de Goberno de Alberto Núñez Feijoo, entre 2010 e 2014, cun descenso de máis de 800 camas, case un 10%. Dende aquela a cifra está máis estabilizada, pero mantén unha tendencia á baixa. Dende o 2006 vén reducíndose tamén o número de camas totais (en funcionamento ou pechadas), que tamén experimentou entre 2010 e 2013 o seu recorte máis importante.

As novas cifras chegan agora, en plena pandemia de coronavirus e coa recorrente polémica activa sobre a escaseza de camas e a necesidade de máis recursos no caso de emerxencias como a actual ou futuras. 

O Sergas conta con 6.200 camas, segundo asegura a Xunta

Poucos días despois da instauración do estado de alarma, a Consellería de Sanidade calculaba que para o momento de maior carga asistencial, e só para atender persoas que contraian a covid-19, precisaríanse "4.000 camas durante varios días, posiblemente durante máis dunha semana".

"O aforamento total do Sergas son 6.200 camas", advertía Feijóo na propia comparecencia. Os datos máis recentes do catálogo hospitalario do Ministerio de Sanidade especifican que a sanidade pública dispón en Galicia, concretamente, dunhas 6.400 camas dependentes do Servizo Galego de Saúde. O total de camas públicas "instaladas", segundo estes datos, son algo máis de 7.000. En 2011, a cifra achegábase máis ás 8.000, con 7.810 segundo o propio Ministerio. 

Nesta ocasión, os datos que acaba de facilitar o IGE inclúen o total de camas en 2018, 8.975, tamén as da sanidade privada. Son 284 menos que cinco anos antes (en 2013), 944 menos que dez anos atrás e 871 menos que no comezo da serie histórica, en 1999

O número de camas en funcionamento segue a descender malia que as persoas enfermas dadas de alta soben: 22.000 máis en 2018

O número de camas en funcionamento segue a descender malia que as persoas enfermas dadas de alta en Galicia non deixan de aumentar nos últimos anos. Nese 2018 foron un total de 334.953, máis de 22.000 por riba que un ano antes, unhas 20.000 máis que cinco anos atrás e sobre 26.000 máis que hai unha década. 

En canto ao total de establecementos sanitarios, o IGE indica que en 2018 eran un total de 36 en Galicia, un menos que nos nove anos anteriores e tres menos que hai unha década. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.