O Sergas prevé recuperar o atraso asistencial provocado pola COVID desprazando doentes entre áreas sanitarias

Feijóo nunha visita a un espazo reformado do hospital de Santiago e evolución da espera cirúrxica en Galicia CC-BY-SA Praza Pública - Xunta de Galicia

A Xunta xa ofrecía a posibilidade de operarse en centros privados cando a espera nos públicos superaba o límite legal e agora Feijóo anuncia a futura “inxección” de 15 millóns de euros para axilizar probas, consultas e cirurxías

A espera media para unha operación no Sergas era a 30 de xuño do pasado ano, tres meses e medio despois do comezo da pandemia do coronavirus que levou a suspender toda a actividade asistencial non esencial, de 101 días, o dobre que medio ano antes. A cifra coñeceuse a través do Estado despois de que durante varios meses fose ocultada pola Xunta, que agardou a dar, en cambio, a espera algo mellor rexistrada a 31 de decembro, de 72 días, aínda así un 33% máis que un ano antes e 12 días por riba do límite legal de 60 días que se fixou o propio Goberno galego. En 2014 a Xunta deixou de dar datos por trimestres, polo que non se pode coñecer o atraso a 31 de marzo.

Para intentar recuperar o atraso asistencial acumulado, este xoves o presidente Feijóo anunciou un plan que prevé obviar as actuais áreas sanitarias: “Hai un único hospital en Galicia que é o Sergas”, sentenciou Feijóo. Porén, máis dun ano despois do comezo da pandemia, ese plan aínda será aprobado "nas vindeiras semanas".

Ata agora a Xunta xa contemplaba a posibilidade que doentes que superasen os tempos máximos de espera puidesen ser operados en centros privados. Agora, segundo Feijóo, a súa intención é “inxectar” 15 millóns de euros para axilizar 115.000 probas diagnósticas, 92.000 consultas e 19.000 cirurxías, segundo as cifras que ofreceu.

Os profesionais do Sergas, di Feijóo, están “a disposición de calquera paciente de calquera área”

Como comparación, cando o Sergas deu os seus datos oficiais do pasado ano cifrou en 35.819 as persoas que agardaban para operarse a 31 de decembro e en 25,8 millóns as consultas realizadas en todo o ano, das que dixo que o 42% foran telefónicas. A espera media nese eido das consultas, por outra banda, era ao rematar o ano de 49,3 días, mellor que os 66,3 días de espera de seis meses antes pero peor que os 42 días de un ano antes, xusto antes do comezo da pandemia.

O presidente sinalou como exemplos do tipo de actuacións que prevé o novo plan que unha resonancia magnética realizada en “calquera hospital comarcal” do Sergas poida ser “interpretada” en calquera outro centro do Sergas, ou que “no caso de cirurxías, se o paciente así o considera pode ser trasladado” fóra da súa área sanitaria para ser operado noutra. Os profesionais do Sergas, dixo, están “a disposición de calquera paciente de calquera área”.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.