O Sergas atende as demandas do persoal da UCI do Clínico de Santiago tras cinco meses de folga

Mobilización do persoal da UCI de adultos do Clínico de Santiago CC-BY-NC-SA CIG

Cinco meses despois do seu inicio e das mobilizacións semanais, o persoal da Unidade de Coidados Intensivos (UCI) de adultos do Hospital Clínico de Santiago desconvocou este pasado luns a folga logo de que a xerencia da área sanitaria atendese as súas demandas

O persoal da UCI do Clínico desconvoca a folga logo de cinco meses tras lograr que a xerencia da área atendese as súas demandas

Logo de case medio ano de paros cada luns, o acordo asinado entre profesionais e xerencia contempla unha reforma da unidade para garantir unha asistencia sanitaria digna, tanto para as e os doentes de coidados intensivos como para o persoal; formación nas novas técnicas e nos novos aparellos e un plan funcional para regular todas as cuestións sobre o funcionamento da unidade.

Mobilización do persoal da UCI de adultos do Clínico de Santiago CC-BY-NC-SA CIG

O acordo asinado compromete a reforma da UCI, formación nas novas técnicas e novos aparellos e un plan funcional para regular o funcionamento da unidade

A folga, iniciada o pasado 16 de novembro, foi a medida acordada polo persoal xa a finais de outubro para denunciar as deficiencias da UCI e as súas condicións de traballo e logo da "imposibilidade" de chegar a acordos coa área sanitaria de Santiago e Barbanza. Os profesionais levaban tempo advertindo das eivas de carácter organizativo e preventivas entre os traballadores nunha unidade de referencia para enfermos COVID que imposibilitanta "unah asistencia sanitaria de calidade".  

Agora, o acordo asinado recolle o compromiso do Sergas de proceder á remodelación completa da UCI de adultos, transformándoa nunha unidade con boxes pechados e pasando das 15 camas actuais a 12. Un proxecto en fase de licitación e cun orzametno de case 1,3 millóns de euros.

Segundo o persoal, a xerencia recoñece as eivas da UCI e leva a cabo unha reforma estrutural para a que se creará un grupo de traballo que colaborará coa empresa adxudicataria da obra e na que participarán os diferentes colectivos profesionais. 

O Sergas comprométese a unha reforma integrarl da UCI, con 'boxes' pechados e unha redución de camas

O acordado establece tamén a imposibilidade de mobilizar persoal da UCI agás "necesidades puntuais e inevitables" a outras unidades de críticos de adultos. Ademais, a xerencia recoñece o dereito do persoal a que se lle compute un exceso de xornada de 20 minutos mentres a UCI non dispoña de cubículos pechados e no suposto de que teña que traballar toda a quenda co EPI completo posto.

Alén disto, a loita do persoal conseguiu tamén o compromiso a que se apliquen todas as medidas que contempla o Plan de Prevención de Riscos fronte á COVID, así como as medidas observadas no Plan de Continxencia do Sergas e da Área Sanitaria vixentes para minimizar os riscos laborais. 

Tamén se acorda a revisión do plan de prevención de riscos e da situación do persoal en referencia aos riscos psicosociais deste, así como que a formación específica do persoal da UCI sexa considerada tempo de traballo ou se faga efectiva durante a xoranda laboral, entre outras melloras. 

O persoal da UCI de adultos do clínico, na concentración do pasado luns, asegurou que a xerencia "por fin tomou conciencia" da problemática e espera que o acordado "non quede nun papel mollado como ocorreu en xuño". Ademais, os profesionais destacaron o "difícil" dunha loita "en medio dunha pandemia que sobrecolleu os corazóns". 

Ademais, agradeceu o apoio de diversos colectivos, así como do sindicato CIG polo seu apoio e "compromiso cunha UCI digna". 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.