CCOO acusa o Clínico de Santiago de pór en "risco innecesario" a persoal e doentes por non illar unha zona COVID

Corredor do Hospital Clínico de Santiago co biombo que separa a parte COVID do resto da planta CC-BY-SA CCOO

A Federación de Sanidade de CCOO denuncia que o Hospital Clínico de Santiago ten pacientes con COVID-19 na mesma planta na que están ingresados doentes con outras patoloxías, polo que se está a pór en risco a saúde de profesionais e doentes da área sanitaria Santiago-Barbanza. A xerencia do CHUS manifesta que "a ocupación de zonas COVID realízase conforme ás medidas de seguridade necesarias tanto para profesionais como para pacientes".

O sindicato manifesta que os pacientes con COVID-19 están na mesma planta que outros doentes "separados por un biombo" e desde a xerencia do CHUS afirman que as zonas COVID contan con "circuítos de entrada e saída, e zonas de desinfección"

O sindicato detalla nun comunicado que ″desde o pasado venres, día 11, a cuarta planta do Hospital Clínico é, ao mesmo tempo, zona COVID e non COVID, delimitadas ambas por un biombo e unha toalla con lixivia no chan″. A este respecto, desde a xerencia do hospital afirman que as zonas COVID "contan con circuítos de entrada e saída, e zonas de desinfección". CCOO apunta a que esta situación é unha decisión da xerente da área Santiago-Barbanza, Eloína Núñez, xa que a situación ″persiste″ malia que ″a medida é contraria tanto ao Plan de prevención de riscos da área sanitaria, como ao Plan de reactivación de asistencia hospitalaria que elaborou o Sergas″.

Hospital Clínico de Santiago © Sergas

Segundo explican desde CCOO, o Plan de prevención de riscos da área sanitaria Santiago-Barbanza indica que deben formarse grupos de traballadores e traballadoras para evitar a rotación deste persoal entre unidades COVID e non COVID. ″Porén, -defende o sindicato- isto estase a incumprir na cuarta planta do hospital, en Cirurxía Xeral e Dixestiva, pois un día atenden doentes que deron positivo e ao día seguinte os que deron negativo nas probas″.

CCOO-Sanidade sostén que se están a incumprir os protocolos de prevención de riscos e desde a xerencia da área sanitaria de Santiago din que aplican normas aprobadas polo Ministerio

"O Hospital Clinico cumpre cos protocolos aprobados polo Ministerio, Sergas e os profesionais da propia área e a súa aplicación conta coa supervisión estreita do servizo de Medicina Preventiva, que é o cualificado para realizar dita función", subliña a xefa do servizo de Medicina Preventiva do CHUS, Cristina Fernández Pérez. Na xerencia da área sanitaria inciden en que "todos os protocolos están elaborados en base á evidencia científica do momento e están en constante actualización e modificación se é necesario".

Para o sindicato trátase dunha situación ″insólita″ e ″unha clara irresponsabilidade″ por parte da Xerencia dirixida por Eloína Núñez, que está a ″incumprir os seus propios protocolos, así como as directrices do Sergas″. Pois incúmprese tamén, tal e como manifestan desde CCOO-Sanidade, o disposto no Plan de reactivación, que recolle ″a obrigatoriedade de manter áreas diferenciadas para doentes COVID e non COVID″. ″A colocación dun elemento móbil, como un biombo, non diferencia unha área da outra″, evidencian. Con esta medida, inciden, convértese aos profesionais sanitarios ″en posibles vectores de contaxio para pacientes sen COVID-19″.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.