A dirección do Clínico de Santiago, denunciada outra volta na Fiscalía pola morte dun paciente agardando

Pacientes e familiares a agardar nun corredor das Urxencias do Clínico de Santiago, nunha imaxe de arquivo © APUChus

A Fiscalía de Santiago ten xa sobre a mesa e comezou a tramitar a denuncia interposta contra a dirección do Hospital Clínico de Santiago pola doutora Fátima Nercellas en representación do sindicato médico O'Mega. Como en anteriores ocasións, a médica procura lograr que o Ministerio Público primeiro e un xulgado, despois, esixa responsabilidades penais aos responsables do complexo sanitario compostelán polo falecemento dun paciente a agardar despois de entrar por Urxencias. Neste caso, refírese á morte dun ancián o pasado 30 de xaneiro.

A doutora denunciante, delegada do sindicato O'Mega, asegura que o ancián faleceu nun corredor de Urxencias agardando ser atendido; o Sergas matiza que recibiu a primeira atención "aos dez minutos" e empeorou "á espera dunha segunda exploración"

As versións sobre o acontecido difiren entre o relato da doutora e o propio Servizo Galego de Saúde, que tras saír á luz pública o caso puxo o acento en que o home, de 84 anos, "tivo a primeira atención sanitaria en menos de dez minutos" e sufriu "a deterioración da súa saúde estando á espera de ser colocado en box para unha segunda exploración". Nese momento, aseguran, "foi inmediatamente ingresado na zona de críticos, onde se confirmou o seu falecemento".

Pero segundo Nercellas, en realidade o home "faleceu esperando nun corredor a ser atendido por un médico, xa que todos estaban ocupados con outras urxencias". Así o plasma tamén na denuncia, á que tivo acceso Praza.gal. Nela detállanse as patoloxías do paciente, un varón en situación de dependencia, e os síntomas cos que chegou ao Clínico, entre elas dificultade para respirar. Na consulta de clasificación, ás 17:47 da tarde, asignáronlle "prioridade de gravidade".

Membros da Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS, na manifestación por máis medios nas urxencias en xaneiro de 2019 CC-BY-SA APU-CHUS

"A familia avisa de que lles parece que está morto; pásano a críticos e eu, como médico de críticos, só podo confirmar que faleceu"

Sempre segundo a denuncia, "ao non ter sitio en urxencias, é colocado nun corredor, onde se deteriora o seu cadro clínico" e ás 18:50, indica o texto, "a familia avisa de que lles parece que esta morto". "Pásano a críticos e eu, como médico de críticos, só podo confirmar que efectivamente, faleceu", indica a propia Nercellas, quen resalta que dada a clasificación outorgada ao chegar -cor amarela, no sistema de organización interna do hospital-, "debeu ser visto por un médico no prazo máximo dunha hora".

Para que se producise esa atención en tempo e forma, detalla o texto remitido á Fiscalía, "deberían adxudicarlle un espazo para que puidese ser instalado, controlado por enfermaría e que o médico de urxencias puidese acceder a el nunha hora". "Esa prioridade -agrega- é para que o médico o vexa, non para colocalo nun corredor".

"Antes de que ocorrese este feito, advertiuse unha vez máis á xerencia da gravidade da situación" 

Segundo a doutora denunciante, "este é un feito reiterado, produciuse un novo falecemento dun paciente nos corredores de Urxencias" e é aínda máis "grave", considera, porque "antes de que ocorrese este feito, advertiuse unha vez máis á xerencia da gravidade da situación" a través dun correo electrónico "para que se adoptasen as medidas necesarias". Este tipo de advertencias, como informou Praza.gal, xa se produciran no pasado ante outros episodios de colapso.

Atendendo ao relato da doutora Nercellas, aínda que "se dispón das plantas para pacientes pendentes de ingreso, as operativas e a pechada do [hospital] Gil Casares para desaloxar a urxencia", o "problema" xorde "cando pacientes xa vistos e tratados" no servizo de Urxencias e "con asignación de ingreso xa asinado, non soben ás plantas", senón que "permanecen nos cubículos" de Urxencias. Neste punto prodúcense os atascos e a "acumulación de pacientes no corredor da entrada, que é á súa vez unha das vías de evacuación".

Anteriores denuncias por casos coma este foron arquivadas

Por todo isto, a doutora Nercellas require que a Fiscalía e despois a xudicatura actúe en consecuencia. Polo momento, indica, a Fiscalía disponse a abrir as correspondentes dilixencias, isto é, a realizar pescudas sobre o asunto que, no seu caso, pasará ao xulgado que corresponda. En anteriores ocasións nas que Nercellas e O'Mega realizaron este mesmo procedemento, a Fiscalía arquivou as denuncias e antes, en 2018, si asumira a denuncia contra a Xunta. Segundo este sindicato, os arquivos destes casos prodúcense porque "a conclusión final é que o persoal sanitario, especialmente médico, actuou con dilixencia e que non é punible; faltaría máis, eles son os que solventan todos os problemas". A cuestión sería, agregan, chegar "aos responsables das carencias estruturais dos servizos".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.