O pasado venres a Fiscalía abriu dilixencias informativas penais despois de que profesionais médicos denunciasen o pasamento de dúas persoas nas Urxencias do Hospital Clínico de Compostela logo de tempo agardando nos corredores sen ser atendidos o 2 de xaneiro.
A doutora e delegada sindical de persoal, Fátima Nercellas, que traballaba aquel día, asinou a denuncia na que se advirte das posibles neglixencias en dous falecementos. Nun dos casos, polo excesivo tempo que tivo que agardar o doente, que faleceu tras un problema cardíaco tras dúas horas e media no corredor malia que foi clasificado con prioridade amarela, polo que tería que ser visto nun prazo máximo dunha hora. No outro, por permanecer a paciente no mesmo corredor por falta de sitio e non poder ser diagnosticada de inmediato, ata que a súa situación se agravou e acabou morrendo por unha isquemia intestinal.
Xunta e Sergas acusan a denunciante de "mentir" e cualifican a súa denuncia de "canallada"
Desde que se soubo da denuncia e da apertura de dilixencias, o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, e o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, encargáronse de negar a versión da denunciante, á que acusaron de "mentir" ou de levar a cabo "unha canallada" a través da súa demanda ante a Fiscalía.
Ademais, a Xerencia de Xestión Integrada de Santiago, nun comunicado, negara tamén "rotundamente a morte de dous pacientes nos corredores", algo que nunca foi denunciado así, e lamentaba a "alarma innecesaria" creada na poboación. Na mesma nota, a dirección do centro aseguraba "que non recibiu ningunha comunicación oficial dos supostos feitos denunciados".
A Xerencia asegurou que "non recibiu ningunha comunicación oficial dos supostos feitos denunciados"
No entanto, Fátima Nercellas, que ratificou neste diario e este martes en declaracións públicas a súa versión, advertía xa o pasado venres que comunicara ata tres veces aquel 2 de xaneiro a "situación desesperada" que sufría Urxencias, reclamando a "apertura da sala de reanimación antiga" e solucións ao colapso.
Fíxoo a través de tres correos electrónicos, aos que tivo acceso Praza.gal. Todos eles foron enviados a Eloína Núñez, xerente da área sanitaria, ao director de Procesos Asistenciais, á directora de Recursos Humanos, á directora de Procesos de Enfermería e ao mail do gabinete do propio conselleiro, Vázquez Almuíña.
No primeiro deles, enviado ás 14:42 horas, Nercellas advirte de que hai "13 pacientes sen ver, clasificados como graves, no corredor de entrada, contra a normativa laboral e a dignidade dos doentes", así como "10 pacientes pendentes de ingreso ocupando 10 espazos". "Solucionen o problema. Este problema levou á folga. Non é a folga a que causa o problema de saúde. Compartiremos responsabilidades se alguén falece aí", dicía xa pouco antes das tres da tarde.
A doutora pediu "tomar medidas" ante unha "situación moi preocupante" e lamentou que non se fixera "nada do solicitado"
Hora e media despois, ás 16:21, Nercellas insiste e avisa de que, "malia o anuncio anterior", había "29 pacientes graves no corredor de entrada, sen ver". "Só quedan 4 sitios libres en observación", dicía a doutora, que advertía dunha "asistencia moi elevada", de que xa fora avisado "o directivo de garda" e de que terían que "subir de maneira urxente os pacientes que teñen almacenados en Urxencias e abrir a zona de antiga reanimación para a espera de resultados". "Situación moi preocupante esta. Tomen medidas", reclama.
O último aviso da médica chega ás 19:33: "Un día más e o mesmo de sempre. Non se fixo nada do solicitado". "Compartiremos responsabilidades", volve advertir, para rematar, con ironía: "Unha gran profesionalidade a deste equipo directivo e conselleiro".
Os correos foron enviados antes de que acudisen a Urxencias os dous pacientes que acabaron falecendo e cuxos casos foron trasladados á Fiscalía. O home entrou ás 20:25 horas e a muller, ás 22:25, sempre segundo a denuncia presentada.
Xa o día seguinte, pasada a xornada "inusual" en Urxencias que recoñeceu a Xerencia, Nercellas volve enviar un correo electrónico aos mesmos destinatarios. "Pese aos avisos de onte, non se fixo nada. Unha vez máis", quéixase, antes de resumir os casos que logo foron denunciados ante a Fiscalía e que, advertía, terán que ser "analizados legalmente". "Non se pode traballar así", di, para volver advertir de que se compartirán "responsabilidades".
"Non fixeron nada do que se lles pediu; polo tanto, unha vez máis, demostran a súa competencia nese noble posto que ocupan", remata a médica de Urxencias.