Fátima Nercellas foi a doutora que este pasado venres trasladou á Fiscalía o caso da morte de dous pacientes nas Urxencias do Hospital Clínico de Santiago tras agardar a seren atendidos nos corredores dun servizo colapsado e masificado naquel día e do que denuncia eivas constantes e falta de medios desde hai ben tempo. A delegada de persoal nesta área, e integrante do sindicato médico O'Mega, relata unha situación "angustiosa" por parte dos profesionais sanitarios e denuncia o desleixo da xerencia e da Administración ante as denuncias súas e de moitos outros compañeiros. Ademais, responde ás palabras do conselleiro de Sanidade, Jesús Almuíña, ou do propio Feijóo, que negan neglixencia ningunha.
"A xerencia sabe de sobra que falta persoal e que precisamos máis espazo; levamos nove semanas de folga e non dan solución"
"A xerencia da Xestión Integrada de Santiago sabe de sobra que falta persoal, que necesitamos máis espazo; levamos nove semanas de folga e non dan solución", explica Nercellas, que insiste en que aquel 2 de xaneiro, especialmente masificado nas Urxencias, tanto o conselleiro como os xerentes, recibiron "tres avisos". "Advertimos dunha situación desesperada, con esas mesmas palabras, e pedímoslles que abriran a sala de rehabilitación antiga pero non fixeron nada", conta.
Naquela xornada, en pleno Nadal e coa gripe batendo forte, a demanda foi "moi alta". "Tanto que chegaron a entrar 50 persoas, doentes graves e menos graves, nunha soa hora. Chegaron a acumularse 29 pacientes graves nos corredores, identificados coas cores amarela e laranxa", aclara a Praza.gal unha profesional que relata a "horrible" situación pola que pasa o persoal.
"O estrés é altísimo e a situación é terrible; é angustioso ter todos os días xente grave polos corredores, tendo que andar dos boxes á observación e a estes corredores para ver se todo vai ben", engade quen cifra nun 20% o número de baixas en enfermería e nun 15% entre os auxiliares.
"O estrés do persoal de Urxencias é altísimo; a situación é terrible, angustiosa"
A situación agrávase ao ter que atender, na súa maioría, xente de moi avanzada idade, que ten dificultades para detallar os síntomas e explicar a súa situación, o que aumenta a necesidade de dispor de máis medios, espazo e tempo para atendelos. "Levamos nove semanas en folga e seguimos sen solución, parece que lles dá igual", di respecto da xerencia, tras lembrar que desde o día 3 deste mes sabe que o seu sindicato analizaba xa a posibilidade de denunciar ante a Fiscalía as mortes dos dous pacientes. "Nin tan sequera chamaron", di.
"O máis triste é que non ven a realidade; negan que haxa xente nos corredores malia os correos que lles enviamos e as imaxes. Din sempre que é puntual e pouco tempo", engade Nercellas respecto dos responsables da xerencia e do propio Sergas, que negan a situación de colapso e aos que acusa de "vivir nun universo paralelo ou mentir". "Sinceramente, creo que menten porque están a negar a evidencia", asegura.
"O Sergas vive nun universo paralelo ou mente; non ven a realidade"
Ademais, Nercellas asegura que os problemas veñen de lonxe, ao incrementarse o número de urxencias nos últimos anos, e aclara que hai fórmulas para calcular o número de persoal necesario tendo en conta os doentes que acoden. "Eses cálculos quedaron estancados en 2013; se somos estritos, e seguindo esas fórmulas establecidas, deberíamos contar xa con 20 médicos máis, pero con 7 arranxaríamos para cubrir polo menos os días de semana", engade respecto dunha das demandas polas que os médicos secundaron a folga.
"Se fixemos a folga foi tamén para chamar a atención sobre o problema e evitar máis mortes ou presenza de persoas deterioradas nos corredores; a nosa idea que non pasase nada, que se abrisen os espazos pechados... Pero pasou", conclúe quen alude á "desesperación" dos profesionais ante a falta de respostas por parte da Xunta ás súas peticións e queixas. "E pasa en moitos ámbitos da sanidade, non só nas Urxencias", remata.
Por outra banda, a Asociación Galega para a Defensa dá Sanidade Pública emitiu un comunicado no que considera os casos trasladados á Fiscalía dunha "extrema gravidade" e advirte de que, no caso de que se confirmasen, "supoñería a corroboración" das denuncias que levan "realizando desde hai anos de que os recortes e privatizacións do sistema sanitario público en Galicia teñen serias repercusións sobre a saúde da poboación".