Levan dous meses en folga cuns servizos mínimos do 100% que, ao seu xuízo, son a primeira evidencia de que as súas reivindicacións están no certo: falta persoal no servizo de Urxencias do Hospital Clínico de Santiago, que dá servizo a boa parte do centro do país. Diante da imposibilidade de facer visible a súa reivindicación mediante paros efectivos, o persoal de Urxencias do CHUS botou man nas últimas semanas da creatividade; dende concentracións ao uso ata composicións musicais e, este 9 de xaneiro, dunha masiva manifestación que levou as súas reivindicacións ao centro da capital galega.
Tras dous meses de folga co 100% dos servizos mínimos e en vésperas de votar a proposta do Sergas o persoal das Urxencias do CHUS reitera que "non pide cartos", senón máis medios
Entre unha presión crecente por parte da Xunta e de xefes doutros servizos do propio hospital para que a folga indefinida remate e a menos dunha semana do día fixado para a votación das propostas de mellor que formule o Sergas -o luns 14-, o persoal mobilizado fixo unha demostración de forza nas rúas compostelás. "Non pedimos cartos", reiterou a comitiva que iniciou a súa marcha na Praza Roxa para rematar nunha ateigada Praza das Praterías.
O que queren, afirman, é máis persoal e medios. Se continúa a escaseza de mans e os equipamentos seguen a ser "obsoletos", advirten, de nada servirá que o espazo do hospital destinado ás urxencias sexa "cada día máis grande", subliñan, en referencia ás continuas referencias á ampliación do servizo por parte de diferentes cargos da Xunta, a comezar polo propio presidente, Alberto Núñez Feijóo.
O presidente, o conselleiro Vázquez Almuíña e a xerente da área sanitaria de Santiago, Eloína Núñez, foron o albo de boa parte das consignas dunha manifestación que foi secundada tamén polo alcalde da cidade, Martiño Noriega, así como polos líderes de PSdeG e BNG, Gonzalo Caballero e Ana Pontón, e membros do grupo parlamentario de En Marea como Antón Sánchez ou Eva Solla. Co aval de todos os sindicatos con representación no Clínico (CIG, CCOO, UGT, Sagap, CSIF, SAE, CESM e O'Mega), a manifestación rematou nas Praterías co atleta Pedro Nimo a lle poñer voz ás reivindicacións.
O atleta Pedro Nimo puxo voz ás reivindicacións ao remate da protesta: "Piden o mínimo necesario para estar ao servizo dos demais con garantías; falamos de saúde, de vidas"
"A sanidade pública foi un dos grandes logros" da sociedade ata chegar "ao máis alto nivel", subliñou Nimo, se ben nos últimos anos, "lonxe de facilitar o traballo, respectar e valorar" o persoal, as restricións no Sergas provoca "unha presión asistencial que pode causar erros e pode custar vidas". Esa presión, advirte, é a que está por tras de que en momentos de colapso "teñan que chegar a atender pacientes nos corredores".
El, afirma, pon voz a esta protesta porque o persoal non está a pedir "privilexios", senón "exercer o seu traballo dunha maneira digna e segura". Nin sequera piden "incrementos salariais", senón "o mínimo necesario para estar ao servizo dos demais con garantías". "Falamos de saúde e de vidas", concluíu entre aplausos.