0 Gardados para despois

Ambulancias, PAC, urxencias: a sanidade, "en pé de guerra" contra a falta de medios e persoal

Miguel PardoMiguel Pardo | @depunteirolo


A Xunta segue a afrontar múltiples conflitos na sanidade. Cunha folga activa nas Urxencias do Clínico de Santiago e a caída de varios dos xestores desa área sanitaria nos últimos meses, os Puntos de Atención Continuada (PAC) continúan e recrúan as súas protestas e máis dun cento de profesionais das ambulancias manifestáronse este mércores reclamando a renovación do seu convenio, paralizado desde hai tres anos.

Profesionais dos PAC, das urxencias ou das ambulancias mobilízanse reclamando máis persoal e medios e mellores condicións laborais

As demandas son comúns en todos os casos: máis persoal, máis medios e mellores condicións laborais para mellorar tamén a atención á cidadanía. Mentres, o PP segue e quedará só na comisión de investigación sobre os "recortes" na sanidade logo de que os grupos da oposición reiterasen este martes a súa negativa a participar nela, malia que eles mesmos a impulsaron, tras o "veto" do PP a varias das comparecencias propostas, entre elas a do actual xerente da área de Vigo, Félix Rubial, investigado por un presunto atraso no subministro dos medicamentos contra a hepatite C por razóns orzamentarias. 

No caso dos PAC, profesionais de Vigo, Compostela e Ferrol retomaron este martes as mobilizacións e novas xornadas de folga, que levarán até o 17 de decembro. Denuncian sobrecarga de traballo e falta de equipos de seguridade e piden a equiparación co resto de persoal nas súas condicións laborais. 

Persoal dos PAC de Vigo e Ferrol decidiron levar a cabo peches de 24 horas contra os recortes e a precariedade

As protestas en Vigo e Ferrol tornaron en peches de 24 horas nos PAC, mentres que en Compostela houbo xa concentracións ás portas dos centros de saúde. As mobilizacións poderían ir a máis mentres os profesionais debaten sobre a estratexia a adoptar de cara á mesa sectorial que convocou o Sergas para o venres. Os representantes do persoal denuncian que, logo dun mes en folga, a Xunta nin tan sequera contactou co comité de folga. Ademais, aleran de que as condicións laborais aínda foron a peor e que se deixaron sen cubrir a ausencia de médicos en varias ocacións e en varios centros. 

Mobilización do persoal das ambulancias en Compostela / @En_Marea

A situación é tal, denuncian os sindicatos, que o 15% do persoal dos PAC da área de Vigo atópase de baixa debido á "presión" e ás "durísimas condicións de traballo" que soportan. Así, denuncian que mesmo se ten obrigado os médicos a realizar xornadas de 17 ou 24 horas, sendo avisados con pouco tempo de antelación. Toda a problemática, ademais, aseguran que se agrava en concellos pequenos onde o acceso a grandes hospitais é máis complexo.

As protestas na sanidade recrúan mentres a oposición mantén o veto á comisión sobre os recortes tras a negativa do PP á comparecencia de varias persoas propostas

Todo, co pano de fondo do falecemento dun paciente no PAC da Estrada sen atención médica o pasado mes de agosto, o que supexera o punto de inflexión para que En Marea, PSdeG e BNG acordasen investigar o acontecido e, en xeral, o impacto dos recortes aplicados durante os anos da crise ao Servizo Galego de Saúde. Esa comisión na que agora está só o PP ante a negativa a aceptar moitos dos comparecentes propostos pola oposición, unha posición que indignou a familia do falecido.  

No caso das ambulancias, a mobilización deste mércores insiste en reclamar a renovación dun convenio paralizado desde hai tres anos, esicir máis persoal e máis vehículos ante unha carga de traballo que, denucian os profesionais, aumentou moito nos últimos anos. Segundo o persoal que se manifesta, a precariedade ademais afecto a un cuarto dos entre 1.500 e 2.000 traballadores deste servizo básico. 

Ao tempo, o persoal de Urxencias mantén a folga --aínda que con servizos mínimos do 100%-- no Clínico de Santiago, unha área sanitaria de cuxa xerencia caeron xa catro altos cargos nos últimos meses e desde a chegada de Eloína Núñez á dirección. 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.