O persoal sanitario dos PAC inicia a primeira das súas 12 xornadas de folga

Concentración para esixir melloras nos PAC, o pasado abril CC-BY-NC-SA CIG

O persoal sanitario dos Puntos de Atención Continuada (PAC) do SERGAS inicia este martes ás 15 horas a primeira das 12 xornadas de folga convocadas para as vindeiras semanas polos sindicatos CIG, CCOO, UGT, SATSE, CSIF. OMEGA e CESM. Os traballadores e traballadoras denuncian a súa "precaria situación laboral" e demandan unha "resposta inmediata" ás súas reivindicacións, co obxectivo de garantir unha asistencia sanitaria de calidade. Os paros terán lugar entre as 15 horas e as 8 horas da mañá seguinte os días 16, 19, 23, 26 e 30 de outubro e 2, 6 e 9 de novembro. E dende as 8 horas ata as 8 horas da xornada seguinte os días 21 e 28 de outubro e 4 e 11 de novembro.

"A atención a emerxencias sen persoal adecuado non é aceptable nun país desenvolvido", denuncia a CIG

Entre as demandas do persoal está a dotación de equipos completos médico/enfermeiro en todos os PACs das sete áreas sanitarias, sinalando a CIG que "a atención a emerxencias sen persoal adecuado non é aceptable nun país desenvolvido" e que "a responsabilidade desta asistencia de baixa calidade é da mala planificación por parte das EOXI". Piden tamén "respecto aos tempos de traballo do persoal conforme a directivas europeas, que están para garantir unha atención eficiente por persoal descansado en beneficio dos pacientes". "Isto debe ser independente de ter un contrato fixo ou traballo fraccionado, o fraccionamento de contratos non pode empregarse para non cumprir cos descansos", subliñan.

Advirten de que "calquera avaliación de derivación hospitalaria debe ser eliminada das listas de obxectivos", xa que as derivacións non son opcionais senón que seguen criterios médicos. Esixen igualmente "criterios obxectivos" para a dotación de persoal nos PACS en base á carga asistencial, dispersión, distribución etaria, distancia ao hospital e número de mobilizacións polo 061 para garantir o dereito a asistencia. 

A CIG considera que é unha “irresponsabilidade” por parte da dirección do SERGAS "prolongar a solución deste conflito"

Piden tamén o pagamento do 100% dos complementos de nocturnidade e festividade dende este momento e con carácter retroactivo dende o 2010 e que non se aumente a xornada laboral efectiva das 1451 horas actuais. "Calquera exceso de xornada debe ser voluntario, incentivado e por tramos", sinalan, engadindo que "empeorar as condicións laborais aumentarán as fugas de persoal a outras áreas e servizos e empeorarán a asistencia".

As organizacións sindicais convocantes aseguran que despois de máis de 6 meses de reunións, na última, celebrada o 21 de setembro de 2018, “o SERGAS perdeu unha oportunidade importante para clarificar aspectos que levan varios meses a ser debatidos sen chegar a ningún acordo”. A CIG considera que é unha “irresponsabilidade” por parte da dirección do SERGAS "prolongar a solución deste conflito" e que isto “non fai máis que poñer de manifesto a súa incapacidade para facer fronte aos desafíos asistenciais que temos por diante, uns relacionados coa nosa demografía e outros ocasionados pola xestión incompetente dos recursos humanos”.

O SERGAS fixou no 100 % os servizos mínimos para atender a atención das urxencias durante os paros, unha medida que foi moi criticada polos sindicatos. "Isto demostra as nosas denuncias", destaca CC.OO.

Pola súa banda o Servizo Galego de Saúde afirmou este martes que "reitera" a súa "oferta de diálogo para chegar a acordos co persoal", mantendo "abertas todas as canles para seguir negociando no seo da comisión técnica creada a eses efectos". A Consellería de Sanidade di ser "favorable a atender as reivindicacións manifestadas polos propios profesionais como o pago da dobre dieta en domingo/festivo, modificacións na modulacion dos acordos de xestión en materia de derivacións, ou o establecemento dunha uniformidade comun en todos os PACS de Galicia".

O SERGAS fixou no 100 % os servizos mínimos para atender a atención das urxencias durante os paros, unha medida que foi moi criticada polos sindicatos. "Isto demostra as nosas denuncias", destaca CC.OO. Segundo a Consellería de Sanidade, para a correcta cobertura de toda a actividade urxente é preciso que traballe o 100% dos efectivos. "Isto non sucedería se a dotación de recursos humanos fose suficiente", asegura o sindicato, que salienta que "en moitos PAC non existe a día de hoxe a cobertura mínima imprescindible que o propio SERGAS coida axeitada para ofrecer unha asistencia sanitaria digna e de calidade".

 

Rolda de prensa para anunciar a folga nos PAC © UGT Galicia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.