A Fiscalía investiga outras dúas mortes nas Urxencias do Clínico de Santiago

Colapso nas Urxencias do Clínico de Santiago, o pasado 2 de xaneiro © APUChus

A Fiscalía abriu dilixencias informativas penais despois de que profesionais médicos denunciasen este venres o pasamento de dúas persoas nas Urxencias do Hospital Clínico de Compostela logo de tempo agardando nos corredores sen ser atendidos. Os dous pacientes faleceron o pasado 2 de xaneiro, xornada na que persoal sanitario e usuarios denunciaron o colapso e masificación no servizo, que suma a súa novena semana de folga, precisamente, denunciando esta situación e reclamando melloras. 

A doutora Fátima Nercellas revelou na comisión organizada pola oposición sobre os recortes sanitarios a denuncia ante a Fiscalía, que xa pescuda sobre os falecementos, acontecidos durante o colapso do 2 de xaneiro

Foi a médica Fátima Nercellas, delegada de persoal das Urxencias, quen anunciou a denuncia presentada ante a Fiscalía na comisión sobre a situación da sanidade organizada polos grupos da oposición no Parlamento de Galicia. Segundo explica, e tal e como advertira xa naquela xornada, foi ela mesma e outros profesionais quen avisaron á xerencia do hospital e ao propio conselleiro de Sanidade dos riscos do colapso que se estaba a dar nas Urxencias, con ata 29 doentes graves agardando nos corredores e con pacientes sen a atención axeitada. Enviáronse, dixo, "tres alertas" que non foron atendidas.

Advertiron, mediante varias comunicacións, da "situación desesperada" e reclamaron a "apertura da sala de reanimación antiga". Os avisos foron realizados, aproximadamente, ás dúas da tarde, ás catro e ás sete. Non houbo resposta. Ademais, desde o día 3 a xerencia foi advertida da posibilidade de que as mortes foran denunciadas ante a Fiscalía, pero "nin tan sequera chamaron", explica Nercellas a Praza.gal. 

A doutora asegura que que enviaron "tres alertas" sobre o colapso advertindo da "situación desesperada" en Urxencias

Finalmente, os doutores atenderon catro paradas cardíacas aquel día, dúas delas solucionadas pero non as outras, que derivaron na morte de dous pacientes que os profesionais atribúen á "deterioración da asistencia" e á imposibilidade de atender co tempo e medios axeitados polo colapso das Urxencias. 

Precisamente, a esixencia de máis medios nas Urxencias do Clínico encheu as rúas do centro de Santiago nunha masiva manifestación o pasado mércores

Os dous falecidos eran anciáns. Un deles un home de máis de 80 anos que sufriu un infarto e que pasou sobre dúas horas e media no corredor tras aludir a un malestar xeral. A outra vítima, unha muller de idade parecida cunha isquemia intestinal e que botou máis de media hora agardando fóra dos boxes ata que tivo que ser atendida de urxencia e cando nada se podía facer xa pola súa vida. A falta de precisión na explicación dos síntomas, habitual en persoas de avanzada idade, e a imposibilidade de atención máis detallada pola masificación de doentes e a falta de medios provocaron este fatal desenlace, segundo denuncian fontes do persoal. 

O Sergas nega que se producisen mortes no corredor


No entanto, a xerencia de Xestión Integrada de Santiago nega "rotundamente" a morte dos dous pacientes nos corredores e mesmo di que a dirección do centro "non recibiu ningunha comunicación oficial dos supostos feitos denunciados". Ademais, expresa a súa "preocupación" pola difusión destas informacións "sen unha fonda investigación previa" e fai "unha chamada á responsabilidade para non causar unha alarma innecesaria na poboación". 

A xerencia nega "rotundamente" a morte dos pacientes nos corredores e mostra a súa "preocupación" pola "difusión detas informacións sen unha fonda investigación previa"

Así, e malia negar que ocorresen as dúas mortes, o Sergas asegura que "xa se abriu unha investigación interna para poder esclarecer os feitos".

Fátima Nercellas respondeu axiña á Xunta asegurando que os falecidos "non deron o seu último latido no corredor, pero ese tempo nese corredor puido ser a diferenza entre a vida e a morte". A delegada de persoal insiste en que "a súa morte comezou nos corredores", aínda que a súa vida rematase "nun caso na UCI e noutro en observación". 

"En ningún caso houbo doentes triados como urxencia vital esperando inadecuadamente a ser atendidos", asegurou tamén a xerencia, que aclara que "os doentes con urxencia vital non esperan e son atendidos na zona de críticos e de monitores, espazos que contaron con camas libres a disposición para ser ocupadas toda a tarde". Ademais, di que "en todo momento houbo ocos libres"  nas Urxencias  e cmas dispoñibles en hospitalización e que ese día "reforzouse a atención con máis persoal"

"As dúas vítimas non morreron no corredor, pero a súa morte empezou alí; ese tempo nese corredor puido ser a diferenza entre a vida e a morte"

Alén disto, a xerencia destaca que nestas vacacións de Nadal "mesmo houbo unha afluencia de doentes inferior á habitual nestas datas, agás en días como ese 2 de xaneiro onde se deu ademais "unha circunstancia totalmente inusual xa que nun período de 2 horas, entre as 15 e as 17 horas, coincidindo ademais co cambio de quenda dos profesionais, entraron máis de 80 doentes novos no servizo de Urxencias".

"Urxencias está a ofrecer unha asistencia sanitaria de calidade e axeitada aos doentes que acoden a diario", engade o Sergas ante as críticas. 

Colapso nas Urxencias do Clínico o pasado 2 de xaneiro © APUChus

Dende o pasado ano a Xustiza investiga outra morte no mesmo servizo de Urxencias do Clínico compostelán

Non é a primeira vez que un falecemento neste servizo chega á Fiscalía, que denunciou a Xunta o ano pasado por un presunto delito de homicidio imprudente tras a morte dunha muller nos corredores de Urxencias do Clínico en febreiro de 2017. Este caso atópase xa en fase de instrución e o Ministerio Fiscal ve indicios de delito.

Naquel caso, a denuncia dos profesionais sanitarios fora por un presunto delito de prevaricación que, finalmente, a Fiscalía elevou a un presunto delito de homicidio imprudente. Nesta ocasión, e respecto ao acontecido o 2 de xaneiro, o escrito dos médicos tamén fai referencia a unha posible prevaricación á espera do que decida a fiscal. 

Ademais, Fátima Nercellas lembra que, con estas dúas últimas, son cinco xa os falecementos nos últimos anos no CHUS, tras dous casos máis de mortes de anciáns agardando a ser atendidos, un en 2011 e outro en 2013.

O que agora se investiga lembra tamén á denuncia pola que a Fiscalía acusara a Xunta de homicidio por atrasar fármacos da hepatite C por "razóns orzamentarias", un caso que acabou nos xulgados, polos que seguen a pasar testemuñas para prestar declaración. Son investigados neste proceso o ex-director de Asistencia Sanitaria da Xunta, Félix Rubial Bernárdez -actual xerente da área sanitaria de Vigo-, e a subdirectora xeral de Farmacia, Carolina González-Criado Mateo.

Ademais, a Xustiza investiga tamén o falecemento dun home no PAC da Estrada sen atención médica o pasado verán

Sobre a xornada dos feitos o Sergas asegurara que se producira unha "circunstancia inusual" que deu lugar a "un enlentecemento puntual na atención aos doentes" nas Urxencias

Sobre aquela xornada do 2 de xaneiro, o Sergas asegurara aquel mesmo día que se atenderan 492 persoas en 24 horas, segundo os datos da xerencia; 406 foran doentes adultos e 86, pediátricos. 

Houbera, segundo a área sanitaria de Santiago, "un enlentecemento puntual na atención aos doentes que tiñan que ser atendidos na zona de boxes". "En ningún caso houbo doentes graves esperando inadecuadamente a ser atendidos, xa que son triados ao chegar, polo que se establece a súa prioridade de atención", explicaban.

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.