0 Gardados para despois

A Fiscalía acusa a Xunta de homicidio por atrasar fármacos da hepatite C por "razóns orzamentarias"

José PrecedoJosé Precedo | @joseprecedo


A Fiscalía de Santiago de Compostela atribúe a dous altos cargos da Consellería de Sanidade da Xunta de un delito de homicidio imprudente por atrasar os fármacos da hepatite C con "razóns orzamentarias". Trátase da primeira causa penal que se abre en España contra unha administración pública por dilacións na prescrición de medicamentos a pacientes con esta enfermidade.

Na súa denuncia -presentada o pasado xaneiro ante o xulgado de Instrución número 3 de Santiago que desde aquela investiga o caso- o Ministerio Público achaca ademais ao director de Asistencia Sanitaria da Xunta, Félix Rubial Bernárdez -actual xerente da área sanitaria de Vigo-, e á subdirectora xeral de Farmacia, Carolina González-Criado Mateo, outro delito de prevaricación.

Ambos os cargos foron citados a declarar o próximo 28 de abril nos xulgados de Santiago. A denuncia da fiscalía defende que estes dous mandos designados a dedo polo Goberno de Alberto Núñez Feijóo incumpriron os criterios que a propia Administración autonómica establecera para sufragar estes caros tratamentos aos enfermos máis graves mentres se negociaba un acordo global coas empresas farmacéuticas para universalizar o seu uso na sanidade pública. As demoras, segundo o fiscal, chegaron "ao momento de poñer en grave risco a vida dos pacientes con resultado de morte nalgún dos supostos".

As demoras, segundo o fiscal, puxeron "en grave risco a vida dos pacientes con resultado de morte nalgúns dos supostos"

A denuncia da Fiscalía mergúllase nas historias clínicas de seis enfermos de hepatite C que morreron en Galicia entre 2014 e 2015 e aos que a Xunta negou ou atrasou os tratamentos, a pesar de que os seus médicos o solicitaron repetidamente advertindo da urxencia e malia que todos cumprían os requisitos do protocolo que o propio Goberno galego establecera para dispensar esta medicación.

Os mandos do Sergas son investigados por presunta prevaricación

No escrito de once páxinas que motivou a apertura do proceso xudicial, o ministerio público conclúe non só que dous altos cargos do Servizo Galego de de Saúde atrasaron "as peticións e subministración de Sofosbuvir [o nome técnico do Sovaldi] pospoñendo a toma de decisións", senón que "as razóns" para facelo foron "de tipo orzamentario do Servizo Galego de Saúde e non de contido médico ou clínico".

Testemuños dos médicos

Con ese argumento, e tras solicitar os historiais clínicos, os distintos cambios na normativa interna da Xunta entre 2012 e 2014 para dispensar os tratamentos especiais contra a hepatite C e sobre todo os testemuños dos médicos que tiñan contacto directo cos pacientes, a Fiscalía pide imputar aos dous altos cargos da sanidade galega por un delito de "homicidio por imprudencia grave profesional".

A prevaricación que se investiga parte do convencemento da Fiscalía de que os mandos do Sergas incumpriron os seus propios procedementos

A prevaricación que se investiga parte do convencemento da Fiscalía de que os mandos do Sergas incumpriron os seus propios procedementos para facer fronte aos casos de hepatites máis graves como responsables da Comisión Autonómica Central de Farmacia e terapéutica, un órgano interno de asesoramento da Consellería de Sanidade creado o 9 de abril de 2010.

O organismo constituíu o 28 de xuño de 2012 unha subcomisión especial para o tratamento da hepatite C, que foi actualizando desde aquela os criterios para sufragar esa medicación desde o sistema público galego. A instrución xeral establecía que ningún paciente con risco de morrer podía quedar sen os medicamentos.

A instrución xeral da Xunta establecía que ningún paciente con risco de morrer podía quedar sen medicamentos

A Fiscalía alude así aos dous cargos da Xunta aos que imputa: "Como responsables, dentro do Servizo Galego de Saúde, de autorizar estes medicamentos en condicións diferentes ás establecidas conforme ás instrucións establecidas nos programas aprobados, tramitaron con atraso inxustificado, dilatando a toma de decisións, e a posta en marcha dos mecanismos de contratación e compra da devandita medicación eludindo dar unha resposta ás peticións formuladas polos facultativos en relación a pacientes que se atopaban en estado grave e sen outra alternativa terapéutica, infrinxindo os compromisos establecidos nas instrucións por eles elaborados, até o punto de pór en grave risco a vida dos pacientes con resultado de morte nalgún dos supostos".

O caso está en fase de instrución e a Fiscalía solicitou que varios médicos que trataron aos pacientes declaren como peritos. Aos dous cargos públicos denunciados cítaos en calidade de investigados, a nova figura legal que substitúe ao imputado.

Ou non recibiron medicamentos ou xa era tarde

Nos historiais clínicos que recompila a denuncia inclúense as peticións efectuadas polos seus médicos e queda rexistrada tamén a lentitude coa que a administración sanitaria galega tramitou as solicitudes dos fármacos, a pesar das repetidas advertencias dos facultativos alertando da súa gravidade. Tres morreron, segundo a Fiscalía, sen acceder ao tratamento, e a outro tres, os medicamentos chegáronlles cando a deterioración dos pacientes era xa irreparable. Nalgún caso pese ao avance da enfermidade tardaron seis meses en estar dispoñibles.

O ministerio público sostén que hai informes médicos nos que se modificaron as datas de solicitude dos fármacos para simular tempos de espera menores

O ministerio público sostén que hai informes médicos nos que se modificaron as datas de solicitude dos fármacos para simular tempos de espera menores. E achega correos electrónicos de médicos que contradin a cronoloxía dos expedientes oficiais remitidos ao fiscal.

O relato de feitos que fai a Fiscalía tamén descobre "fronte aos atrasos xeneralizados nos tratamentos" o caso excepcional dun paciente de Lugo que si logrou recibir a súa medicación especial a tempo grazas a que a médica que o trataba "saltou todos os trámites". Conseguiuno, explícase na denuncia, grazas a que a doutora escribiu cartas á daquela conselleira de Sanidade (Rocío Mosquera) -que foi relevada no medio dunha remodelación do Goberno de Feijóo a principios do pasado outubro, cando a fiscalía xa comezara a pedir documentación sobre este tema á Xunta- e tamén ao director de Asistencia Médica e á directora de Farmacia do Goberno galego nas que o médico protestaba polos atrasos.

Unha doutora de Lugo saltou o procedemento escribíndolle directamente á conselleira e logrou o tratamento para o seu paciente

Nesas misivas, a doutora do hospital lucense alertaba de que ou se facilitaba "a medicación de forma inmediata" ou o paciente morrería. Segundo a documentación achegada ao xulgado, o director de Asistencia Médica da Xunta (un dos dous cargos imputados) respondeu con outra carta ao médico "sancionando que non se seguise o trámite previsto", pero finalmente decidiu autorizar o tratamento sen agardar ao preceptivo informe da subcomisión médica que tal e como consta nos protocolos estaba obrigada a pronunciarse. Neste caso o home logrou salvarse. O escrito da Fiscalía apunta que o custo dos fármacos que se lle administraron no hospital de Monforte de Lemos foi de 48.810 euros.

Unha denuncia previa de Batas Brancas

A querela contra a Consellería de Sanidade presentada non naceu na Fiscalía: parte dunha denuncia previa que un colectivo de profesionais sanitarios do sistema público galego denominado Batas Brancas fixo chegar ao ministerio público e que detallaba graves irregularidades na rede de hospitais da Xunta durante 2014 e 2015 relacionados cos tratamentos da hepatite C. Nese momento as protestas dos pacientes e os seus familiares -que constituíron unha plataforma e se persoaron como acusación popular neste proceso- xa se facían ouvir na rúa.

O fiscal ofrécelles ás familias dos seis falecidos sumarse á cause penal

O escrito previo remitido pola plataforma médica á Fiscalía, que tamén obra en poder deste diario, acusaba á Consellería de Sanidade e ao director xeral de Asistencia Sanitaria, Félix Rubial, -ao que agora imputa a Fiscalía- de facer "todo o contrario ao que marca a normativa sobre prestación farmacéutica da Xunta", que é a de"garantir a todos os cidadáns de Galicia un acceso rápido, oportuno e equitativo da atención farmacéutica que necesiten".

O fiscal no escrito que abriu a causa que instrúe desde o pasado xaneiro o xulgado nº3 de Santiago ofrece por último ás familias de seis dos pacientes falecidos citados na denuncia sumarse á causa penal.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.

Lapelas Versión despregada

Feijóo: "Por dous ou tres pacientes, non me parece lóxico relacionar esas denuncias coa austeridade"

José Precedo | @joseprecedo

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, culpou este luns os médicos de que os fármacos da hepatite C non chegasen a algúns pacientes galegos e estes acabasen falecendo, o que se traduciu nunha denuncia da Fiscalía nun xulgado de Santiago que documenta seis mortes e acusa a dous altos cargos do Goberno galego de homicidio por imprudencia grave profesional e prevaricacion administrativa.

Durante un xantar informativo no hotel Palace de Madrid organizado por El Mundo, Feijóo explicouno con estas palabras: " Quen o deciden son os médicos e son eles os que decidiron os tratamentos dos pacientes. A fiscalía está no seu pleno dereito de presentar unha denuncia e nós de darlle conta das actuacións que imos seguir adoptando en relación coa hepatite. No 99% dos enfermos que chegaron á comisión [técnica da Xunta que analiza as peticións de tratamentos], os médicos dixeron si a ese tratamento".

"Quen o deciden son os médicos e son eles os que decidiron os tratamentos"

O presidente galego recalcou varias veces que "a fiscalía é libre para investigar" un caso que o xuíz admitiu a trámite e cuxa primeira decisión foi imputar os altos funcionarios por prevaricación administrativa. Feijóo comprometeuse a que a Consellería de Sanidade vai cooperar na investigación xudicial.  "Nós temos que dar calquera tipo de explicación. Tratamos a 3.000 persoas, investimos 75 millóns [nos fármacos da hepatite] e imos seguir até dar o 100% dos enfermos", defendeu no coloquio posterior a unha conferencia na que explicou as razóns que o levaron a repetir como candidato en Galicia.

"Se non recordo mal, son dous médicos os que denunciaron isto. Paréceme un disparate"

Cando o moderador do acto lle preguntou se non cría que algúns poderían relacionar esas denuncias sobre as mortes coas políticas de austeridade, Feijóo respondeu: "Se non recordo mal, son dous médicos os que denunciaron isto. Paréceme un disparate. O 99% dos pacientes foron tratados. Por esa denuncia que afecta a dúas ou tres pacientes non me parece lóxico facer esa relación".

O escrito da denuncia recolle un caso no que a Xuna atrasou varias semanas o procedemento mentres os médicos do doente reiteraban a petición

A querela da fiscalía parte dunha denuncia previa que o colectivo médico Batas Brancas remitiu ao ministerio público e no que se facilitaban datos e historiais médicos para probar que a Consellería de Sanidade estaba a atrasar eses caros tratamentos "por criterios orzamentarios". O escrito recolle un caso por exemplo, no que a Xunta atrasou varias semanas o procedemento administrativo para tentar que os fármacos fosen abonados por un laboratorio que se ofrecía a custodiar os medicamentos de 300 pacientes que cumprisen unha serie de requisitos en toda España. Mentres se eternizaba o proceso administrativo, os médicos deste enfermo reiteraron varias veces por escrito que lle estaban fornecendo fármacos inadecuados por non poder acceder ao Sovaldi. O paciente acabou morrendo antes de recibir os medicamentos. Na documentación á que tivo acceso eldiario.es hai documentados outro cinco casos similares.

Na súa conferencia no Palace, o presidente galego volveu facer unha defensa pechada da contención do déficit en Galicia, á que puxo de exemplo entre as comunidades "que cumpren"  e das políticas de recorte de gasto que levou a cabo desde 2009. E deu a entender que esa filosofía o acompañará se logra revalidar o Goberno nas próximas eleccións. Mirando á primeira fila do auditorio onde sentaba a secretaria de Estado de Orzamentos do Ministerio de Facenda, Marta Fernández Currás, quen foi conselleira de Facenda no seu primeiro Goberno, dixo: "Non nos parecía responsable incumprir o déficit na súa ausencia. Cumprímolo e imos seguir cumpríndoo en 2016, aínda que haxa eleccións. As eleccións conséguense non gastando senón xestionando".

A Xunta defende que seguiu "criterios clínicos" e a oposición esixe explicacións de Feijóo

David Lombao | @davidlombao

"Fixérono como ten que facerse". O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, saíu este luns na defensa dos dous cargos do Servizo Galego de Saúde investigados -antiga imputación- por presunta prevaricación no atraso dos tratamentos da hepatite C por "razóns orzamentarias", unha conduta na que a Fiscalía ve tamén un presunto homicidio imprudente do Servizo Galego de Saúde.

Tras a publicación das imputacións en eldiario.es e Praza.gal o titular de Sanidade amosouse convencido de que tanto o exdirector xeral de Asistencia e actual xerente da área de Vigo, Félix Rubial, como a subdirectora de Farmacia, Carolina González-Criado, actuaron "con criterio, con responsabilidade" e "usaron criterios clínicos" para administrar os tratamentos. "Así o defenderán as persoas da Consellería que tiveron responsabilidade directa e que, para nós, fixeron un gran labor", di o conselleiro, quen asegura que no seu departamento reina a "tranquilidade" porque sempre garantiu a "igualdade" no acceso aos tratamentos.

O PSdeG pide a comparecencia urxente de Feijóo e o cesamento dos dous cargos investigados

Mentres as primeiras explicacións chegan dende Sanidade, os grupos da oposición no Parlamento galego apuntan directamente ao presidente da Xunta, cuxa comparecencia "urxente" xa esixiron. Alberto Núñez Feijóo, di a presidenta da xestora do PSdeG, Pilar Cancela, chegou a "responder persoalmente" pola xestión dun dos agora investigados, Félix Rubial, cuxo "cesamento" debera ser "inmediato. "Non se pode -di a socialista- ir presumindo de bo xestor e de cifras económicas mentres a xente morre".

AGE e BNG reclaman que Feijóo dea explicacións no Parlamento e, a continuación, abandone a presidencia

Tamén AGE esixe a destitución dos dous cargos investigados e mais do propio presidente, a quen reclaman "explicacións" antes de marchar. Feijóo, di a deputada Eva Solla, demostra con este caso que "non soubo protexer a saúde a vida dos galegos" mentres fica demostrado que, como afirmou Xosé Manuel Beiras na campaña electoral de 2012, "os recortes matan". "Era un segredo a voces" que agora, afirma, chega á xustiza "na primeira causa penal" contra unha Administración por atrasar a dispensación de medicamentos.

A mesma petición de explicacións e dimisión do titular da Xunta formúlaa o voceiro parlamentario do BNG, Francisco Jorquera, quen ve probadas as "consecuencias" das "políticas" de Feijóo. "En vez de presumir de ser o campión do cumprimento dos obxectivos do déficit, debería priorizar as necesidades das persoas gravemente enfermas", sinala o nacionalista, quen lamenta que "a obsesión" do presidente por indicadores económicos coma este "deixase na indefensión absoluta" aos doentes.