A fiscalía denuncia a Xunta polas restricións aos fármacos contra hepatite C

Intervención de afectadas pola hepatite no pleno do Concello de Vigo Dominio Público Plataforma Galega de Afectados pola Hepatite C

A fiscalía presentou unha denuncia contra o Servizo Galego de Saúde (Sergas) nos xulgados de Compostela polas restricións impostas pola Administración galega aos fármacos recetados a enfermos de hepatite C. Adiantouno El País e confirmoullo a Praza a Plataforma Galega de Persoas Afectadas pola Hepatite C, que por "eficacia procesual" unírase xa á demanda presentada polo colectivo médico Batas Blancas achegando varios casos de mortes de doentes que atribúen á restritiva política da Xunta co tratamento dos enfermos. 

A fiscalía presentou unha denuncia contra o Sergas nos xulgados de Santiago polas restricións impostas aos fármacos recetados

Durante varios meses, o ministerio público investigou a querela presentada por Batas Blancas e na que se asegura que foron varios os doentes que morreron en Galicia mentres agardaban a autorización da Xunta dos medicamentos que xa lles foran prescritos polo especialista. O xulgado de instrución número 3 recolleu durante semanas varios testemuños e realizou diferentes probas periciais de documentación clínica, segundo fontes achegadas ao proceso, ata que a fiscalía decidiu actuar. 

"É unha nova positiva porque confirma que o que nós levamos tempo denunciando era certo, era verdade que se estaba deixando morrer xente e non era unha simple cuestión de xenreira ou de querer crear balbordo como aseguraba a conselleira", di agora Quique Costas, voceiro da plataforma de afectados. O seu colectivo achegou cando menos dous casos de mortes de doentes á denuncia que Batas Blancas presentou ante a fiscalía do TSXG en marzo de 2015, no mesmo mes no que outra importante manifestación reclamaba en Compostela tratamento para a hepatite C. Poucos días antes, nun polémico pleno no Parlamento, Feijóo garantía os fármacos porque Galicia "non é Venezuela" e acusaba a oposición de "xogar cos doentes" tras asegurar todos os tratamentos segundo "criterios" médicos e logo de que o PP rexeitara unha proposta idéntica semanas antes. Na mesma Cámara galega, os enfermos protagonizaran lembradas protestas. 

"Confirma o que levamos tempo denunciando, que era verdade que se estaba deixando morrer xente", di a Plataforma de Afectados

Na súa defensa da austeridade, a Xunta elaborou un método para dar o visto e prace á dispensación das menciñas necesarias que se converteu nun enguedello burocrático. Primeiro era a comisión de farmacia a que tiña que aceptar o tratamento, pero logo tamén unha comisión a nivel autonómico formada por tres farmacéuticos e sete médicos que eran nomeados polo director xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas. Desde a Plataforma, e tamén desde Batas Blancas, defendeuse sempre que non era función deste órgano anular ou confirmar o tratamento de non ser compasivo. "A Xunta escudouse nunha subcomisión que protexeu a través do segredo", lembra Costas. Hai agora dez meses, os doentes fixeran públicos os nomes dos integrantes da devandita comisión e preguntábanse se estaban de acordo cos criterios marcados. 

A denuncia céntrase nas acusacións que durante moito tempo fixeron os enfermos: denegación de tratamentos a doentes que cumprían cos requirimentos que pedía o Ministerio de Sanidade, atrasos nas resolucións de cada caso, silencio administrativo e falecementos de enfermos que estiveron meses agardando polo ditame da comisión creada pola Xunta. 

Feijóo e Mosquera, nunha imaxe de arquivo © Conchi Paz

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.