Os doentes cumpren a advertencia e revelan os nomes da comisión da hepatite C

Rolda de prensa dos afectados por hepatite C en Galicia Dominio Público @VHCGalicia

A plataforma galega de Afectados pola Hepatite C cumpriu a súa promesa e, logo de que a conselleira se negase a revelar o nome dos membros da subcomisión queu decide quen recibe os medicamentos necesarios para a doenza, compareceu este sábado para facelo e para denunciar tamén novos e graves casos de enfermos no país aos que lles denegaron as menciñas malia terse agravado a enfermidade. O colectivo pide que estes membros digan "publicamente" se avalan os criterios seguidos polo Ministerio e pola súa propia comisión. 

O colectivo pídelles aos membros da comisión que aclaren se avalan os criterios que seguen para facilitar os medicamentos

Son casos como os de José Francisco Sáinz ou Isolina Sánchez, esta última falecida esta semana despois de pedir os fármacos en agosto e tras serlle concedidos o pasado mes. Logo de que a plataforma amosase a súa desesperación no Parlamento, incluídos familiares dos falecidos, varios dos seus membros explicaron este sábado novos casos, como o de Eugenio Leira, que con dous transplantes denunciou que xa solicitou hai máis dun ano novos tratamentos para a hepatite C e que lle foron autorizados, malia que nunca os recibiu. A súa situación empeorou e tivo que ser transplantado de fígado. "Tes o medicamento diante da cara e non cho dan... Iso é un suplicio, como se estás morrendo de sede e tes auga a un metro e non cha levan; se morro é un asasinato", asegurou. 

A plataforma insiste en pedir transparencia na xestión desta doenza e coñecer o número exacto de pacientes con hepatite C en Galicia, así como o grao no que se atopa a enfermidade en cada un deles. Do mesmo xeito, reclaman que se aclare en que situación se atopan as solicitudes para poder accedor aos novos tratamentos. 

A plataforma reclama transparencia na xestión da hepatite C que se aclare o grao no que se atopa a enfermidade en cada paciente

Ademais, cumpriron coa súa advertencia e fixeron públicos os nomes dos nove integrantes da subcomisión que decide quen recibe o tratamento. Entre eles hai responsables da Consellería de Sanidade, como o director xeral de Asistencia Sanitaria, farmacéuticos, médicos do servizo dixestivo de varios hospitais ou especialistas en enfermidades infecciosas ou trasplantes. A conselleira asegurara que non facía públicos os nomes para "protexelos de toda presión externa". Na lista hai médicos, farmacéuticos e políticos. 

En concreto, forman esta subcomisión o director xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas, Félix Ruibal; a subdirectora xeral de Farmacia do Sergas, Carolina González Criado; o xefe do Servizo Dixestivo do CHUAC, Juan Turnes; Ignacio Martín Granizo, médico do Servizo Dixestivo do CHUVIi; Santiago Tomé Martínez, outro médico do Servizo de Medicina Interna do CHUS e membro da unidade de Patoloxía e Transplante Hepático de Galicia; Francisco Suárez López, médico do Servizo Dixestivo do CHUAC; Ángeles Castro Iglesias, profesora titular da Facultade de Ciencias da UdC e médico especialista en enfermidades infecciosas; Luis Margusino, farmacéutico hospitalario do CHUAC; e José Antonio Valcárcel Nogueira, do servizo de Calidade e Seguridade en meciamentos e produtos sanitarios, do servizo xeral de Farmacia e da dirección xeral de Asistencia Sanitaria.

A plataforma di non cuestionar o traballo como médicos dos membros desta subcomisión, pero advirte que non actúan como tales neste órgano, polo que lles reclamou queu aclaren se están de acordo cos criterios do Ministerio de Sanidade ou se é normal queu persoas con cirrose xa avanzada non debería recibir o tratamento. 

Ademais, a Plataforma de Afectados pola Hepatite C a nivel estatal presentou unha querela ante o Tribunal Supremo contra o ministerio de Sanidade, Alfonso Alonso, e contra Ana Mato, que o precedeu no cargo,e na que se fai referencia a delitos de lesións e de homicidios por restrinxir o acceso ao medicamento. Enfermos revelan los miembros de la subcomisión de hepatitis C

>> HABERÁ AMPLIACIÓN

Rolda de prensa dos afectados por hepatite C en Galicia Dominio Público @VHCGalicia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.