O persoal das Urxencias do CHUS mantén a folga tras rexeitar a proposta da xerencia

Mobilización nas Urxencias do Clínico de Santiago CC-BY-NC-SA CIG

O persoal das Urxencias do Clínico de Santiago seguirá de folga --esta é a 10ª semana de mobilización-- logo de que os traballadores rexeitasen en votación a última proposta da xerencia para deter o conflito, no que os profesionais reclaman máis persoal, espazo e medios para unha mellor asistencia sanitaria. Fano para rematar co "colapso" e as eivas que denuncian acotío e que a pasada semana levou a que médicos denunciasen a morte de dúas persoas logo de esperar a seren atendidos nos corredores ante a Fiscalía, que abriu dilixencias informativas penais. 

Máis do 90% do persoal de Urxencias do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS) que participou nas votacións rexeitou a última proposta da xerencia, que non consideran suficiente como para deter as súas protestas, con mobilizacións cada luns e unha folga cun 100% de servizos mínimos. Nesta mesma xornada, outra marchar volveu percorrer os arredores do centro hospitalario. 

Máis do 90% do persoal que participou na consulta rexeitou a proposta da xerencia e a finalización da folga

A última oferta da xerencia ofrecía ampliar seis postos de persoal de enfermaría e seis tamén de auxiliares de enfermería, así como a estabilización de dúas prazas de médicos do colectivo que cobre as ausencias, unha proposta que melloraba un chisco a anterior e que o comité de folga considera "insuficiente", aínda que advirte de que supón que o Sergas recoñecese xa a insuficiencia de medios nas Urxencias.

Ademais, a dirección ofreceu tamén habilitar un espazo que se abriría cando fose necesario e para o que se contrataría persoal a maiores no caso de que se precisase. Xa que logo, non supuña unha dotación fixa e estable, que é o que reclama o persoal mobilizado, senón unha opción nunha área pechada que se habilitaría a expensas do que decida a xerencia e que contaría con xente chamada ad hoc desde as listas de contratación.

A xerencia ofreceu máis profesionais e habilitar un espazo que sería aberto só cando o considerase necesario e con traballadores eventuais; o persoal reclama unha dotación fixa e permanente

O persoal "desconfía" xa que, como advirte Camilo Agulleiro, presidente da comisión de centro, "cando se contrata a maiores ou se habilita outro espazo, a carga de traballo máis importante xa foi asumida antes polo persoal". É aí onde está a principal discrepancia, máis aló das cifras: as reivindicacións dos profesionais céntranse en dotar Urxencias dun cadro de persoal estable e fixo e dos medios e espazos necesarios, máis aló de circunstancias excepcionais. Nunha área onde as demandas veñen de lonxe, "de hai como mínimo sete anos". "Foron ampliándose espazos para atender pacientes, pero non o número de traballadores", engade Agulleiro. 

Á votación, entre o persoal fixo e eventual, estaban convocados uns 200 profesionais das Urxencias, incluído o colectivo de médicos, que está chamado tamén á folga a través dunha convocatoria do sindicato O'Mega, que xa advertiu de que manterá o paro independentemente do resultado da votación. 

Dun censo total de 203 profesionais, participaron na votación 173 persoas (un 85%), das cales 160 (o 92,5%) votaron en contra da proposta da xerencia e 12 a favor. Un rexeitamento rotundo á última oferta. 

Nos últimos meses, o CHUS sumou catro baixas entre os seus xestores. A última foi a de Antonio Álvarez, director de Procesos Asistenciais, por motivos persoais segundo a dirección, logo de que foran cesados o coordinador de Admisión e o de Urxencias, e despois de que Susana Cerqueiro, ex-directora de Procesos con Ingreso da Xestión Integrada de Santiago, pasase a ocupar a dirección de Procesos de Soporte na área sanitaria de Vigo tras ano e medio no cargo.

Mobilización de persoal das Urxencias do Hospital Clínico de Santiago CC-BY-SA CIG-Saúde

A delegada de persoal ratifícase na súa denuncia


Por outra banda, Fátima Nercellas, delegada de persoal e denunciante ante a Fiscalía polas dúas mortes tras longas esperas nos corredores de Urxencias, ratificouse este luns no seu relato tras as duras críticas de Feijóo e o conselleiro de Sanidade, que a acusan de "mentir". 

Ante as palabras do presidente da Xunta, que cualificou de "canallada" a denuncia, Nercellas asegura que nunca se pode definir así "o feito de denunciar a deterioración no corredor e posterior falecemento de dúas persoas". "Tampouco é mentira", engade quen lembra que os casos foron analizados pola avogada do sindicato O`Mega, que entendeu que podía haber delito. 

Fátima Nercellas insiste en denunciar a "deterioración no corredor e posterior falecemento de dúas persoas" en Urxencias

"A Fiscalía entendeu que había que abrir dilixencias penais informativas e así o fixo; o resto é denuncia pública. A xente que, tarde tras tarde, espera deteriorándose nese corredor ten que saber a verdade", engadiu quen aclara que non vai "contra o PP". "Só queremos que nos deixen traballar en paz e que os extraordinarios profesionais que temos non marchen, así que, en vez de negar a evidencia e chamarme mentireira ou canalla, tomen medidas", dixo Nercellas en referencia a Feijóo. 

Ademais, Nercellas asegurou que, ante futuros posibles colapsos e acumulación de doentes nos corredores de Urxencias, o seu sindicato valora a posibilidade de "pedir amparo ao xuíz de garda" para arranxar a situación. Malia todo, este mesmo luns, o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, atribuíu a súa denuncia a intereses politicas e deu o caso por resolto malia non acabar nin a investigación interna nin a da Fiscalía. "En política non todo vale, non vale dicir cousas que non son verdade para sacar rédito político", dixo. 

Precisamente, neste mesmo luns, fontes do persoal relatan a Praza.gal que volve haber masificación nas Urxencias do Clínico, con 15 doentes clasificados como grave nos corredores a primeira hora da tarde. 

Os xefes de servizo do CHUS piden "coñecer as conclusións da investigación", adoptar "as medidas de corrección necesarias" e "determinar as responsabilidades de todos"

Alén disto, os xefes de servizo do CHUS emitiron un comunicado no que lembran que "a transparencia" da actividade sanitaria debe ser un "compromiso prioritario" e solicitan "coñecer as conclusións da investigación que de forma inmediata se puxo en marcha sobre as posibles irregularidades denunciadas, se adopten as medidas de corrección necesarias e que tamén poidan determinarse as responsabilidades de todos". 

Ademais, recordan que a sanidade pública "é o maior logro social deste país" e que se debe "manter cos recursos necesarios, optimizando a xestión eficiente dos medios dispoñíbeis para manter a máxima calidade asistencial". 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.