Nova baixa na xerencia do CHUS: cae o responsable de Urxencias en plena folga

Mobilización nas Urxencias do Clínico de Santiago CC-BY-SA CIG-Saúde

O Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS) suma unha nova baixa entre os seus xestores, coincidindo coa folga de médicos e resto de persoal na área de Urxencias do Clínico e logo de polémicas e conflitos varios. Desta vez é Antonio Álvarez García, o até hai pouco director de Procesos Asistenciais do CHUS, quen decidiu abandonar o seu cargo "a petición propia e por motivos persoais", segundo aseguran desde a área sanitaria. Outras fontes implicadas nos conflitos sanitarios vinculan a súa marcha á vaga de cesamentos e remudas dos últimos meses e aos problemas continuados nos Puntos de Atención Continuada (PAC) e nas propias Urxencias. 

Antonio Álvarez é o cuarto cargo da xerencia do CHUS que abandona o cargo nos últimos meses

A de Antonio Álvarez é a cuarta marcha nos últimos meses logo de que foran cesados o coordinador de Admisión e o de Urxencias e de que Susana Cerqueiro, ex-directora de Procesos con Ingreso da Xestión Integrada de Santiago, pasase hai só uns días a ocupar a dirección de Procesos de Soporte na área sanitaria de Vigo tras ano e medio no cargo.

Segundo o Sergas, Antonio Álvarez solicitu a remuda "para poder incorporarse a outro posto de traballo máis achegado á súa contorna familiar". Este cambio producirase o vindeiro día 30, cando Alfonso Varela, xefe de xección de Cardioloxía da área de Santiago, ocupe o seu posto. Será unha nova modificación no equipo xestor de Eloína Núñez, xerente de Xestión Integrada da área sanitaria compostelá, que acumula numerosos cambios desde a súa chegada. 

O Sergas aclara que a súa marcha débese unicamente a "motivos persoais" pero fontes do persoal vincúlano ao conflito en Urxencias

Fontes do persoal médico e do resto de traballadores vinculan a saída de Antonio Álvarez aos problemas que sofre o CHUS, nomeadamente ao "colapso" e "falta de medios" que denuncian en Urxencias e que mantén unha folga indefinida desde hai xa tres semanas. De feito, como lembran fontes sindicais, o aínda director de Procesos Asistenciais é o número dous da xerencia e o encargado, até hai ben pouco, da xestión nesa área e da negociación cos profesionais na busca dunha saída ao conflito.

Foi Álvarez quen estivo na primeira reunión que a xerencia mantivo co comité de folga nun conflito do que agora "se encarga directamente Eloína Núñez". "Claro que cremos que está vinculada ao conflito e ás protestas", aclaran fontes sindicais respecto do cambio. Desde o colectivo médico insisten tamén nesa versión e cren que a marcha de membros da dirección da área sanitaria débese "ao intento da principal responsable por arranxar as cousas cambiando persoas e intentando rebaixar as reivindicacións".

O director de Procesos Asitenciais era o encargado da xestión das Urxencias e das negociacións co comité de folga

"En vez de solucionar os problemas muda a directiva... E non esquezamos que Eloína Núñez xa esnaquizou a área sanitaria de Ourense", din as mesmas fontes. "Non parecen casualidade tantos cambios e renuncias", din desde o persoal. 

Mentres, a folga indefinida nas Urxencias do CHUS continúa, con Eloína Núñez como principal destinataria das críticas de todo o persoal, mesmo en forma de cancións reivindicativas. Este pasado luns volvéronse realizar concentracións no que foi o comezo da terceira semana de paro do persoal das Urxencias do Clínico de Santiago. A escaseza de persoal e a reclamación de máis medios para atender os doentes son as principais demandas da protesta, na que a Xunta decretou servizos mínimos do 100%. 

A folga en Urxencias, cuns servizos mínimos do 100%, continúa ao non satisfacer a oferta da xerencia as demandas do persoal

Polo momento, as reunións da xerencia co persoal médico e coa comisión de centro non deron resultado. En canto aos doutores, o sindicato O'Mega insiste en que non volverá reclamar unha reunión "ata que teñan algo serio que ofrecer". Entre as súas reivindicacións, sete médicos máis para o cadro de persoal, máis espazo e mellor organización. "Non queremos que chegue o pico da gripe igual que outros anos nos que mesmo houbo mortes, algunha delas investigadas pola Fiscalía. Sufrirémolo outra vez, se cadra, pero desta vez non será en silencio", din. 

Desde a comisión de centro, pola súa banda, mantense tamén a folga logo de que na última xuntanza houbese "avances" aínda que "insuficientes". A xerencia puxo enriba da mesa un incremento de persoal que se traduciría en cinco enfermeiros e cinco auxiliares de enfermería máis, ademais da posibilidade de dous médicos a maiores, pero todo sen o plan funcional que se demanda. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.