A Fiscalía denuncia a Xunta pola morte dunha muller nos corredores de Urxencias do CHUS

Pacientes a agardar nun corredor do Hospital Clínico de Santiago Dominio Público Asociación Pacientes CHUS

A Fiscalía denuncia a Xunta por un presunto delito de homicidio imprudente logo do falecemento dunha muller nos corredores do Hospital Clínico de Santiago tras acudir a Urxencias. Advírteo o sindicato CESM-Omega, que foi informado a pasada semana nos xulgados de Santiago da presentación da demanda contra a Administración o 31 de xaneiro e cuxa notificación oficial non posúe aínda, presumiblemente, pola folga do persoal de Xustiza encargado de tramitar este tipo de expedientes. 

O sindicato CESM-Omega foi informado da denuncia presentada pola Fiscalía contra a Xunta o pasado 31 de xaneiro

Adiantouno en Radio Galicia a representante de CESM-Omega e médica de Urxencias en Compostela, Fátima Nercellas, que o confirmou posteriormente a Praza.gal. Hai un ano, esta delegada sindical puxo en coñecemento da Fiscalía un terceiro falecemento nos corredores de Urxencias do Hospital Clínico, acontecido en febreiro de 2017. Logo de preguntar varias veces polo resultado do proceso, a pasada semana foi informada nos xulgados de que o Ministerio Fiscal "pechara o expediente cunha denuncia o último día de xaneiro no xulgado de garda de Santiago". Segundo os funcionarios que lle facilitaron a información, a Fiscalía ve indicios de delito no caso. 

Refírese ao caso dunha muller de avanzada idade á que "tardaron tempo en atender" no hospital e de cuxa morte se decataron os traballadores médicos no momento de ser asistida. Logo de analizar os feitos e falar con varias testemuñas, o Ministerio Fiscal decidiu presentar a demanda, polo que será agora o xulgado correspondente o que determine se houbo ouu non neglixencia ou deficiencia na atención a esta persoa

O Sergas asegura non ter recibido "ningún tipo de requirimento nin petición de informe" por parte da Fiscalía

Manuel Piñeiro, secretario de Omega en Galicia, confirma tamén a este diario a demanda presentada pola Fiscalía e advirte de que a avogada do sindicato continúa a intentar acceder á denuncia, algo que polo momento lle foi imposible "pola folga do funcionariado de Xustiza", razón que explicaría que os letrados non tivesen aínda notificación oficial do expediente. Ademais, a coalición sindical CESM-Omega medita agora se se presenta como acusación particular no caso que desde hai unhas semanas investiga o caso. 

Desde o Sergas aseguran non ter coñecemento da investigación por parte do xulgado e aclaran non ter recibido "ningún tipo de requirimento nin petición de informe por parte da Fiscalía". Con todo, e chegado o caso, Sanidade expresa a súa "disposición a colaborar coa máxima transparencia e achegando toda a documentación para esclarecer os feitos coa máxima dilixencia e rapidez posible".

"É a terceira morta no corredor de Urxencias nos últimos anos", denuncia CESM-Omega

"É a terceira morta que hai nos últimos anos", destaca Fátima Nercellas, que asegura que houbo dous casos máis de mortes de anciás no CHUS agardando a ser atendidas, un en 2011 e outro en 2013. A representante de CESM-Omega adiantou esta denuncia en resposta ás declaracións do conselleiro de Sanidade, Vázquez Almuíña, que negou tamén en Radio Galicia que se produzan "colapsos" nas urxencias hospitalarias, onde só admitiu "enlentecemento da atención dos pacientes menos graves".

Nercellas lembra que este último caso que acaba no xulgado é o terceiro falecemento que denuncia na Fiscalía e que no segundo deles o Ministerio Fiscal advertiulle de que os médicos "non tiñan responsabilidade penal" na morte e que non era a súa misión "entrar a xulgar o mal funcionamento dos servizos públicos". No terceiro caso, si ve indicios de delito e envía o caso aos xulgados. Ademais, a delegada sindical lembra que todos os casos fóronlles advertidos mediante carta ao propio conselleiro e á xerencia do hospital, que respecto do último falecemento asegurara daquela que a muller chegara xa en estado agónico ao centro e que o tempo de espera non foi dunha hora, como denunciaran os familiares. 

A Asociacion de Pacientes e Usuarios do CHUS cualifica e "intolerable" a situación de Urxencias e medita se presentarse como acusación particular

Desde a Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS, que leva tempo denunciando o "colapso" nas Urxencias, consideran unha "moi boa noticia" que a Fiscalía actúe pero lamenta que "teña que ocorrer algo así para que as autoridades sanitarias se dean por enteradas". "Son innumerables as denuncias nos últimos anos e sempre sen resposta", advirten desde un colectivo que cualifica de "intolerables" a situación dos corredores do Hospial Clínico de Compostela "hai tan só unhas semanas". "Mesmo con doentes graves e monitorizados agardando vinte minutos a ser atendidos", din desde unha entidade que decidirá nos vindeiros días se se presenta tamén como acusación particular. Precisamente, neste mesmo luns, varios doentes agardaban no corredor do Hospital Clínico compostelán a primeira hora da tarde. 

O que agora se investiga lembra á denuncia na que a Fiscalía acusara a Xunta de homicidio por atrasar fármacos da hepatite C por "razóns orzamentarias", un caso que acabou nos xulgados, polos que seguen a pasar testemuñas para prestar declaración. Son investigados neste proceso o ex-director de Asistencia Sanitaria da Xunta, Félix Rubial Bernárdez -actual xerente da área sanitaria de Vigo-, e a subdirectora xeral de Farmacia, Carolina González-Criado Mateo.

O conselleiro de Sanidade, nunha intervención pública ante Feijóo © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.