A Fiscalía abriu dilixencias informativas penais o pasado mes de xaneiro despois de que profesionais médicos denunciasen a morte de dúas persoas nas Urxencias do Hospital Clínico de Compostela logo de tempo agardando nos corredores sen ser atendidos. Os dous pacientes faleceran o pasado 2 de xaneiro, xornada na que persoal sanitario e usuarios denunciaron o colapso e masificación no servizo, que sumou varias semanas de folga, precisamente, denunciando esta situación e reclamando melloras.
A Fiscalía arquiva a denuncia da morte dun dos pacientes en Urxencias pero mantén a investigación do outro caso denunciado por persoal do servizo
Hai arredor dun mes, a Fiscalía decidiu arquivar un dos casos denunciados ao non apreciar delito nos feitos que foron denunciados por Fátima Nercellas, delegada de persoal en Urxencias e do sindicato O'Mega, que confirma a Praza.gal que recibiu hai días a notificación do arquivo da demanda. No entanto, o Ministerio Fiscal segue adiante coa investigación doutro dos falecementos que lle foi posto en coñecemento.
O sindicato médico,que ten aínda posibilidade de denunciar o caso arquivado no xulgado de instrución, lamenta que a Fiscalía non lle dese acceso ao expediente do devandito proceso.
Os dous falecidos eran anciáns. O caso sobre a que a Fiscalía mantén a investigación é o dun home de máis de 80 anos que sufriu un infarto e que pasou sobre dúas horas e media no corredor tras aludir a un malestar xeral. A outra vítima, cuxo caso foi arquivado, é unha muller de idade parecida cunha isquemia intestinal e que botou arredor de media hora agardando fóra dos boxes ata que tivo que ser atendida de urxencia e cando nada se podía facer xa pola súa vida. A falta de precisión na explicación dos síntomas, habitual en persoas de avanzada idade, e a imposibilidade de atención máis detallada pola masificación de doentes e a falta de medios provocaron este fatal desenlace, segundo denunciaran daquela fontes do persoal.
O Sergas cargou contra a denunciante, asegurou que os doentes foron atendidos "ao pouco de chegar" e Feijóo acusouna de "mentir" e levar a cabo "unha canallada" coa denuncia
No caso que aínda se investiga, a denuncia sinala o Sergas polo excesivo tempo que tivo que agardar o doente, que faleceu tras un problema cardíaco tras dúas horas e media no corredor malia que foi clasificado con prioridade amarela, segundo a delegada de persoal, polo que tería que ser visto nun prazo máximo dunha hora. No outro, agora arquivado, advertíase de que a paciente tivo que permanecer no mesmo corredor por falta de sitio e non puido ser diagnosticada de inmediato, ata que a súa situación se agravou e acabou morrendo por unha isquemia intestinal.
O Sergas cargou sempre contra a denunciante, asegurou que os doentes foron atendidos “aos poucos minutos de chegar” e negou “rotundamente” a morte dos pacientes nos corredores, un extremo que desde a delegada de persoal non se apuntou. “Non deron o seu último latido no corredor, pero ese tempo nese corredor puido ser a diferenza entre a vida e a morte", dicía tras aclarar que "a súa morte comezou nos corredores", aínda que a súa vida rematase "nun caso na UCI e noutro en observación".
O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, e o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, encargáronse de negar a versión da denunciante, á que acusaron de "mentir" ou de levar a cabo "unha canallada" a través da súa demanda ante a Fiscalía.
A delegada de persoal advertiu en varios correos do colapso de Urxencias no mesmo día no que faleceron dos dous pacientes
A denunciante, pola contra, advertiu sempre de que comunicara ata tres veces aquel 2 de xaneiro a "situación desesperada" que sufría Urxencias, reclamando a "apertura da sala de reanimación antiga" e solucións ao colapso. Fíxoo a través de tres correos electrónicos, aos que tivo acceso Praza.gal. Todos eles foron enviados a Eloína Núñez, xerente da área sanitaria, ao director de Procesos Asistenciais, á directora de Recursos Humanos, á directora de Procesos de Enfermería e ao mail do gabinete do conselleiro.
Agora, o caso dun dos falecidos seguirá sendo investigado. Non é a primeira vez que un pasamento no servizo de Urxencias do Clínico chega á Fiscalía, que denunciou a Xunta o ano pasado por un presunto delito de homicidio imprudente tras a morte dunha muller nos corredores en febreiro de 2017. Este caso atópase en fase de instrución e o Ministerio Fiscal ve indicios de delito.
Naquel caso, a denuncia dos profesionais sanitarios fora por un presunto delito de prevaricación que, finalmente, a Fiscalía elevou a un presunto delito de homicidio imprudente. Nesta ocasión, e respecto ao acontecido o 2 de xaneiro deste ano, o escrito dos médicos tamén fai referencia a unha posible prevaricación á espera do que decida a fiscal.
Tal e como lembraba Fátima Nercellas con estas últimas, son cinco xa os falecementos nos últimos anos no CHUS, tras dous casos máis de mortes de anciáns agardando a ser atendidos, un en 2011 e outro en 2013.