A protesta de persoal do Sergas contra a precariedade volve á rúa tras "os aplausos" da pandemia

Participantes na manifestación contra a precariedade laboral no Sergas, este 27 de xuño en Santiago CC-BY-SA GeC

Era o son de fondo da sanidade pública galega antes da pandemia e ségueo sendo despois da primeira vaga da covid-19. As protestas de persoal do Servizo Galego de Saúde contra a precariedade laboral en xeral e contra a contratación inestable e eventual en particular foron freadas polos mesmos colectivos que as impulsan durante as peores semanas da crise do coronavirus, pero están a regresar dende hai semanas e este sábado volveron confluír en Santiago. Gardando as distancias, pero berrando como antes e coa vista posta nas eleccións do 12 de xullo, todos os sindicatos e a práctica totalidade de colectivos representativos do sector clamaron: "A nosa estabilidade é a túa seguridade".

"Onde están os aplausos, os aplausos onde están?", reiterou o persoal sanitario mobilizado este sábado en Santiago

"Onde están os aplausos, os aplausos onde están?", reiterou a comitiva de persoal sanitario polas rúas do Ensanche e o centro histórico compostelán en referencia a un dos xestos máis simbólicos da pandemia. Aquelas semanas, subliñan plataformas como Enfermeiras Eventuais en Loita, deixaron á vista problemas estruturais do sistema como a acumulación de centos de contratos para cada profesional, inestabilidade crónica que "pon en perigo a saúde do persoal", pero tamén "da poboación galega en xeral".

Cabeceira da manifestación contra a precariedade no Sergas, este 27 de xuño en Santiago CC-BY-NC-SA CCOO Galicia

"Despois de dez anos de precariedade, temos dereito á estabilidade", resumiu o manifesto da mobilización, que dirixiu reclamacións concretas tanto ao Goberno de España como ao galego, no seu caso cara á vindeira lexislatura. Para as autoridades estatais a reclamación esencial é a fin da taxa de reposición -o límite para cubrir as baixas por xubilación, agora situado no 100% pero que o Goberno de Rajoy chegou a ter catro anos no 10%-. Para a Xunta as esixencias son máis, dado que ostenta a práctica totalidade das competencias sanitarias.

O Goberno galego do PP debe comezar por "deixar de eludir responsabilidades" e de "solicitar dos demais o que el non cumpre". Mostra disto, sinalan, é que "durante o Goberno de Rajoy nunca solicitou a eliminación da taxa de reposición", da que agora responsabiliza ao PSOE e Unidas Podemos. Ademais, sinalan, está na súa man "negociar un plan de emprego que permita consolidar o 100% das prazas vacantes dende 2009" ou "publicar de inmediato as listas de contratación de persoal facultativo dos hospitais".

"Deixar de fragmentar os contratos en días e horas" ou negociar "unha orde de vínculos para que o persoal sexa contratado pola causa que motivou a súa contratación" son outras das reivindicacións defendidas durante a marcha. Tamén o respecto ás listas de contratación que xa existen ou "negociar o plan de continxencias da covid-19 respectando o dereito á conciliación do persoal". Todas estas reivindicacións leváronas ata a sede central da Xunta, no complexo administrativo de San Caetano.

Na mobilización estiveron presentes representantes de forzas políticas da actual oposición como o candidato de Galicia en Común á presidencia da Xunta, Antón Gómez-Reino, ou diversos membros do BNG encabezados pola súa voceira en materia sanitaria, a deputada Montse Prado. Prado apostou por unha "gran mobilización nas urnas" para que un novo Goberno poida atender estas reivindicacións e Gómez-Reino comprometeu que "o futuro goberno" da esquerda "coidará a quen nos coida". "Botemos aos destrutores da sanidade pública", animou.

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.