A suba do orzamento da Xunta en sanidade e educación aínda non compensou 3.300 millóns de recorte acumulado

Boa parte das principais partidas dos Orzamentos Xerais da Xunta caeron durante a primeira metade da pasada década CC-BY-NC-SA Praza Pública

Os fondos que a Xunta dedica cada ano á sanidade aumentaron nos últimos seis orzamentos, dende os de 2015, poñendo fin a unha senda descendente que comezara en 2010, coas primeiras contas públicas tras o retorno do PP ao Goberno galego. No caso dos orzamentos dedicados a educación, ese ascenso comezou tamén en 2015, aínda que foi máis tímido e non chegou a superar os fondos dedicados á área educativa nas derradeiras contas do Executivo de coalición de PSdeG e BNG ata 2020, mentres que na sanidade iso xa sucedeu en 2018.

Os fondos para sanidade están por riba das contas de 2009 dende 2018 e os de educación superáronos en 2020, ningunha das dúas partidas recuperou ata agora todo o perdido durante os anos de recortes

Ambas áreas están xa, en termos absolutos, por riba dos fondos sanitarios e educativo dos orzamentos de 2009. Así o reiteraron en numerosas ocasións múltiples cargos do Goberno e do PP. Se ben isto é certo, non o é menos que as devanditas subas aínda non compensaron os fondos perdidos en sanidade e educación entre 2010 e 2014. O fondos perdidos nos anos de recortes e aínda non compensados superan os 2.000 millóns na educación e roldan os 1.300 na sanidade. En total, uns 3.300 millóns de euros.

Así o reflicte a distribución funcional -finalidade á que vai destinada cada importe do diñeiro público, con independencia de que departamento da Xunta o xestione en cada momento- dos orzamentos aprobados cada ano no Parlamento, tal e como consta na Consellería de Facenda e tamén nas bases de datos do Instituto Galego de Estatística. Esta información non ten en conta as modificacións orzamentarias que se producen de xeito cotián nas diversas consellerías e que poden contemplar incrementos ou diminucións durante cada exercicio.

O orzamento sanitario é cada ano a maior partida das contas da Xunta. En 2009 chegaba ao que era o seu teito ata o momento, 3.766 millóns de euros. En 2014 chegou a fin do descenso, con 3.397 millóns, e en 2017 estivo por última vez ata agora por baixo do derradeiro orzamento do bipartito PSdeG-BNG, con 3.611 millóns. Faltarían, daquela, 1.333,53 millóns de euros para compensar o perdido neses anos.

No caso da educación, a segunda función máis voluminosa das contas públicas, 2009 tamén fora un ano de máximos, con 2.404 millóns de euros. En 2014, quinto ano de recortes, quedara en 2.046. Despois comezou o ascenso e en 2020 superou o importe fixado nos derradeiros orzamentos da coalición de esquerdas. Neste caso, o importe que cumpriría para compensar o oco ascendería a 2.010,62 millóns de euros.

A principal partida orzamentaria para servizos sociais si recuperou xa o perdido nos anos en que foi recortada e superou ese oco acumulado en algo máis de 900 millóns de euros

A terceira gran partida da área social da Xunta, a de acción social e promoción social -que engloba dende a atención á dependencia ata as prestacións de inclusión social, entre outros servizos sociais- atópase nunha situación diferente. Ao contrario que sanidade e educación, en 2010 continuou o ascenso que iniciara co bipartito e chegou a 636 millóns de euros, para despois caer nos seguintes tres orzamentos e quedar en 2013 nos 561. Pero en 2016 volveu ascender e seguiu facéndoo ata 2020, cando acadou os 821 millóns de euros. Neste caso, o perdido nos anos dos recortes xa quedou compensado en termos absolutos e mesmo superado en 917 millóns de euros ata 2020.

Esta partida, a de acción e promoción social, é unha das cinco funcións do orzamento que si viron compensado o perdido nos anos dos recortes. As outras vinte e oito nas que se organiza -existe unha vixésimo novena, a de procesos electorais, que só se inclúe en anos de eleccións- aínda non recuperaron todo o recortado, con independencia de que varias delas, como sanidade e educación, xa volvesen subir dende hai varios anos. 

En termos absolutos, a partida que máis buraco acumula é a de transferencias da Xunta ás administracións locais, na que o recorte acumulado supera os 8.500 millóns de euros. Séguena os fondos para infraestruturas, cunha perda acumulada de case 3.000 millóns de euros, e os devanditos fondos para educación, con esa falla de 2.000 millóns de euros para compensar o recortado. 

A partida que presenta maior recorte acumulado nesta década é a de transferencias para administracións locais e a que ten maior saldo positivo é a de débeda pública

Na banda contraria están as cinco partidas que compensaron o perdido malia perder fondos durante un ou varios anos ou mesmo foron alén, cun saldo positivo nesta década. É o o caso da devandita partida de servizos sociais, pero tamén das de solo industrial, xustiza, e sociedade da información. Por diante delas destaca, así e todo, unha sobre calquera outra, a dos fondos dedicados a atender a débeda pública, que aínda que diminuíron en tres exercicios a respecto do ano previo (2011, 2015 e 2018), presentan un saldo positivo superior aos 10.000 millóns de euros.

No gráfico interactivo sobre estas liñas recompilamos o perdido ou gañado por cada unha das áreas do orzamento público galego dende 2009 e ata a actualidade. Na xanela superior esquerda podes realizar unha busca textual e na frecha superior dereita, navegar polas páxinas da táboa.

Os fondos para o pagamento da débeda, os que máis medran

Nunha comparación entre os orzamentos de 2009 e os que agora están en vigor, os de 2020, as partidas que aínda non recuperaron todo o perdido non son exactamente as mesmas que, en termos porcentuais, están máis por baixo da dotación coa que contaban hai unha década. Si que é a mesma, non obstante, a que máis medrou e a que ten un saldo máis positivo nestes anos, a partida para o pagamento da débeda, que en 2020 é un 317% superior á de 2009 -nestes anos, a débeda pública pasou duns 4.800 millóns de euros en 2005 a 11.687 no comezo de 2020 e pesa un 17,5% do produto interior bruto fronte ao 8,6% de 2009, indicador que a Xunta destaca que é dos máis baixos do Estado-.

Acción social ou I+D+i están en 2020 por riba da dotación orzamentaria de 2009; vivenda ou normalización lingüística seguen máis dun 60% por baixo

Tamén está claramente por riba de 2009 a partida Sociedade da Información, superior en máis dun 180% ás últimas contas do bipartito. Igualmente superan a dotación das últimas contas do bipartito, aínda que máis discretamente, as de Xustiza -case un 50%-, acción social (44%), administración local (38%), I+D+i (32%), sanidade (9%), protección civil e seguridade (8%) e educación (2%).

Entre as que seguen por baixo destaca a partida de transferencias ás Administracións locais, que continúa sendo un 85% inferior a 2009. Séguena as partidas para solo industrial (-82%), ordenación do territorio (-69%), vivenda (-61%) e normalización lingüística (-60%).

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.