O pasado venres, Feijóo anunciou a repartición dun bono da Xunta de "ata 250 euros para o consumo de produtos turísticos" entre persoal sanitario e dos servizos sociais. O anuncio, a unha semana do inicio da campaña electoral, foi xustificado polo presidente galego ano no intento de "reactivar" a economía e "agasallar de forma moi modesta" o persoal que traballou no dispositivo fronte á covid-19.
A Consellería de Sanidade recúa, pide desculpas e desaténdese do bono de 250 euros ao persoal sanitario, que atribúe a unha iniciativa de Cultura e Turismo
Ao pouco de anunciala, persoal médico, de enfermería e dos servizos sociais cargou duramente contra a medida, cualificándoa de "bono propina", "frívola e partidista", "populista e electoralista" ou de "tomadura de pelo". O Consello Galego de Colexios Médicos, sindicatos médicos, Eventuais en Loita, os colexios de enfermaría, fisioterapeutas ou o Colexio de Traballo Social rexeitaron o bono.
O pasado venres, Feijóo, tal e como se pode ver no vídeo que segue, advertiu que a iniciativa era unha cuestión "de Cultura mesturada con Sanidade e Servizos Sociais". Neste martes, a Consellería de Sanidade recuou, pediu desculpas e desantendeuse da medida, achacándoa en exclusiva á Consellería de Cultura e Turismo.
"Teño que pedir desculpas porque creo que se explicou mal", asegurou o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, nunha rolda de prensa na que alcarou que o bono de 250 euros para o persoal sanitario "non é unha iniciativa" do seu departamento, "senón da Consellería de Cultura e Turismo".
"Teño que pedir desculpas porque creo que se explicou mal", dixo Almuíña, que aclara que o bono "non se trata de ningunha gratificación de Sanidade"
Así, Vázquez Almuíña insistiu en que a proposta foi "mal explicada" porque "non se trata de ningunha gratificación de Sanidade para o persoal". "Calquera mellora que valoramos é a través da mesa sectorial, cos representantes sindicais, e é alí onde estamos traballando", asegurou o conselleiro, que di que o Sergas quere "aumentar a estabilidade" do cadro de persoal e que por iso a Xunta "leva anos reclamando a eliminación da taxa de reposición para facer máis OPEs e aumentar o número de prazas".
Xa que logo, e respecto do bono que Feijóo anunciou a pouco do inicio da campaña electoral do 12X, Almuíña explicou que foi unha iniciativa que a Consellería de Cultura e Turismo incluíu "no seu plan de reactivación" do sector turístico. "Pensaron que o colectivo sociosanitario podía ser o favorecido por este bono porque na crise foron os que máis sufriron", engadiu para aclarar que "non foi criterio de Sanidade senón doutra Consellería o de favorecer o sector turístico" a través desta tarxeta moedeiro tan criticada.
O Consello Galego de Colexios Médicos, os colexios de enfermaría ou o de Traballo Social rexeitaron a medida por "frívola", "partidista" ou "populista"
Sexa como for, a iniciativa non foi ben recibida polo persoal sanitario. Os colexios de enfermaría rexeitárona por "frívolo e partidista". "A precariedade, a eventualidade e as reivindicacións do persoal sanitario non se poden ocultar por tras dun bono", reivindicaron. O Colexio de Traballo Social, pola súa banda, renegou da tarxeta moedeiro "por ética", mentres que o Consello Galego de Colexios Médicos cualificou de "bono propina" a medida e reclamou "dignidade e non frivolidade".