Os conflitos sanitarios, en especial nos últimos anos, marcaron esta última lexislatura en Galicia, á que as eleccións do 12X van poñendo fin. As mobilizacións contra as políticas sanitarias do Sergas foron constantes, tanto de persoal que protesta contra os recortes e a súa precariedade laboral, como desde veciñanza que denuncia as eivas na atención pediátrica que se espallan por todas as comarcas galegas, o peche --e posterior reapertura-- do paridoiro de Verín, os colapsos nas Urxencias con denuncias pola morte de pacientes agardando a ser atendidos, a deterioración da asistencia no rural ou a tardanza na chegada de ambulancias por falta de recursos.
Os conflitos sanitarios e as mobilizacións contra o Sergas, a "manipulación" da CRTVG ou proxectos mineiros marcaron a lexislatura
Son só algúns dos exemplos dunha mobilización social que abrangueu outros moitos ámbitos, desde a loita contra proxectos mineiros como o da mina de Touro --finalmente rexeitado pola Xunta-- ou o do vertedoiro na Casalonga, así como as protestas contra a "manipulación informativa" na CRTVG de boa parte do seu persoal, que leva xa 112 venres negros pedindo un cambio nos medios públicos.
Non houbo cambio tras o 12X. O PP revalidou a súa maioría absoluta e moitos dos colectivos que lideraron protestas contra políticas da Xunta e apostaron, sen inscrición partidaria, por unha mudanza no Goberno non ocultaron a súa decepción. Mentres desde algúns movementos --principalmente do ámbito sanitario-- chamouse a continuar na loita e insistir nas reivindicacións, outros circunscritos a comarcas ou vilas dixeron que xa abonda. Abandonan a mobilización, cando menos de maneira organizada, logo do apoio masivo que nas súas localidades recibiu o Partido Popular tras meses de protestas por recortes, ausencia de pediatras ou peches de centros de saúde.
Plataformas contra os recortes na sanidade pública no rural deciden disolverse tras a vitoria do PP nos seus concellos: "Non podemos remar contracorrente"
Así ocorreu coa plataforma Zas sen Recortes en Pediatría. "Os resultados falan por eles sós. Non podemos remar contracorrente; somos catro pais en contra de toda a Costa da Morte e ata aquí chegamos". Así de contundente se amosou en Radio Nordés unha das membros do colectivo, María Camino, un día despois de que a coordinadora anunciase nas redes sociais que desistía logo de coñecerse o escrutinio do 12X. Ocorreu o mesmo en Touro, onde a Plataforma en Defensa do Centro de Saúde de Touro acordou "disolverse" tras comprobar que se "reforzaron" as políticas de recortes contra as que loitan.
"Non tería sentido seguir indo contracorrente cando os veciños están a favor da xestión que se está facendo no noso centro de saúde e na Atención Primaria en xeral", di o colectivo de Touro, que segura que defendeu o que considerou "xusto" pero que entende que é o momento de "apartarse". "As nosas reivindicacións non son compartidas pola maioría dos nosos veciños, que falaron onde o tiña que facer, nas urnas. E o resultado é claro: as políticas sanitarias de recortes que padecemos neste concello saíron reforzadas", insisten.
A Plataforma en Defensa do Centro de Saúde de Touro desiste logo de que a veciñanza "falase nas urnas": "As políticas de recortes saíron reforzadas"
En Touro, o PP apenas caeu un 1,7%, perdeu 170 votos, pero sumou case o 60% dos votos. En Zas, os populares caeron 2 puntos pero teñen máis do 60% de apoios. "Durante máis de dous anos, fixemos o posible para que os nenos deste Concello volvesen ter un servicio pediátrico digno. Fixémolo dende o total altruísmo, recibindo moitas negativas e non sempre boas palabras pero, aínda así, non desistimos", lembra a plataforma da Costa da Morte, onde en 15 dos 16 municipios o PP foi o partido máis votado.
"Os resultados falan por eles sós. Na Costa da Morte temos unha deficiencia enorme na pediatría, non temos pediatras, pero a xente da Costa da Morte e do Concello de Zas deixou moi claro que era o que querían. Votaron a favor dos recortes e nós non podemos remar contracorrente", insiste María Camino.
Desde Touro, a Plataforma en Defensa do Centro de Saúde agradece o apoio de moita xente pero entende que non lograron que as súas reivindicacións fosen "compartidas pola totalidade da veciñanza".
"Non soportamos que os nosos cativos non teñan dereito a un servizo de pediatría na súa localidade, que as baixas dos médicos non se cubran e teñamos que desprazarnos a outras localidades, que a carencia de médicos poida supoñer un risco para a saúde dos veciños polo aumento do tempo na resposta ás urxencias médicas ou o ataque que estamos recibindo no noso concello (e noutros moitos) en forma de recortes na sanidade", insiste a plataforma, que entende que o seu "sacrificio" valeu de pouco.
"A xente da Costa da Morte deixou moi claro o que querían: votaron a favor dos recortes e non podemos remar contracorrente", di Zas sen Recortes en Pediatría
O tempo perdido e as horas que botou moita xente voluntaria foi tamén aludido pola plataforma de Zas: "Fixémolo porque non soportabamos este trato desfavorable a centos de nenos". Pero rendéronse, non sen antes entregar no Concello milleiros de sinaturas recollidas para pedir a mellor das servizos pediátricos. "Algo que sabiamos que era difícil de conseguir pero que agora temos claro que non pasará", din con pesadume.
Pola súa banda, Eventuais en Loita, un dos colectivos máis combativos contra a política sanitaria da Xunta e en representación dunhas 7.000 enfermeiras con vinculación temporal co Sergas, mollouse apostando polo "cambio" nas eleccións galegas. "Que pase o seguinte", pedían. Ante os resultados do 12X, reaccionaron pedindo "asimilar a nova realidade, unha realidade que por nova que sexa non deixa de ser coñecida". Pero tamén advertindo de que hai que "aceptar que os cambios non son precisamente sinxelos e que nada se conseguirá dun día a outro". "Estamos ilusionadas e con gana de seguir adiante", din, antes de chamar aunirse ás súas reivindicacións.
Recoñecendo o seu disgusto, desde o colectivo indican que a súa loita é "a longo prazo", aínda que deste goberno "xa coñecido" saben que non poden agardar moito. "Cando desde o partido maioritario din que non se pode demonizar a sanidade privada e cando o conselleiro de Sanidade advirte de que non mudará a política de contratación, sabemos ben o que nos agarda", contan, conscientes de que era "necesario mover a árbore".
Pero tamén fan autocrítica. "Se cadra non estamos chegando ben á poboación ou á poboación necesaria, non estamos facendo ver o suficiente a importancia de defender a sanidade pública", din desde Eventuais en Loita, dispostas a apostar por "novas estratexias" para chegar a máis cidadanía e a máis compañeiras.
Eventuais en Loita "seguirá adiante" e advirte de que apostará por "novas estratexias" para facer ver a máis xente "a importancia da sanidade pública"
Con todo, lembran que "unha maioría de galegos" ou ben non se pronunciaron nas eleccións ou "votaron a partidos que, en principio, defenden políticas de servizo público e de aposta pola sanidade pública". Respecto dos recorridos aplausos aos sanitarios durante o peor momento da pandemia, son máis claros: "Nunca quixemos ser heroes nin heroínas, senón ter un traballo digno que dea seguridade e calidade tamén aos pacientes". "Parece que eses aplausos eran máis unha maneira de conectar cos veciños durante o confinamento; como xa temiamos, pasado o peor, moitos esqueceron", rematan.
A mobilización das Eventuais en Loita marcou os dous últimos anos desta lexislatura, como tamén o fixo a loita contra o peche do paridoiro en Verín, unha decisión da que recuou a Xunta logo de meses de peches, mobilizacións e protestas. Nese concello, o PP segue a ser o partido máis votado, pero perdeu case 12 puntos e uns mil votos. No conxunto da comarca, afectada igualmente polos recortes e perda de servizos no hospital, os populares seguen tamén a ser a primeira forza, pero tras perder máis de 2.300 sufraxios e dez puntos.