As Eventuais en Loita viraron neste último ano nun dos colectivos máis combativos contra a política sanitaria da Xunta. En representación dunhas 7.000 enfermeiras con vinculación temporal co Sergas, e con milleiros de profesionais en constante actividade, as protestas contra a súa precariedade, os métodos de contratación ou a falta de medios deitaron luz sobre unha realidade non tan coñecida e demasiado idealizada. Foi nunha masiva e inédita protesta nas oposicións celebradas en Silleda en maio de 2019 onde o colectivo amosou toda a súa forza e rachou cos marcos establecidos. Pasou de demandar a atención dos partidos a ser reclamados por eles para escoitar as súas reivindicacións, conscientes tamén as formacións políticas do impacto electoral de tan importante grupo de profesionais.
Eventuais en Loita chama á mobilización o 12X para propiciar un cambio á fronte da Xunta: "Se non cambias nada, nada cambiará"
Agora, e ante a cita electoral do vindeiro domingo, Eventuais en Loita dá un paso adiante e pide unha mobilización electoral que posibilite un cambio á fronte da Xunta. "Que pase o seguinte", di o colectivo nun vídeo no que repasa, en datos, os recortes e o empeoramento da sanidade pública galega nos últimos dez anos.
Así, lembran que se perderon 449 camas hospitalarias, que o gasto sanitario diminuíu (de 4.064 millóns en 2009 a 4.025 en 2018 segundo o Ministerio de Sanidade), que "só hai 57 profesionais máis" que unha década antes e que as taxas de temporalidade do persoal, segundo as cifras do Consello de Contas, son do 40% en Atención Especializada e de máis do 28% na Atención Primaria.
O colectivo lembra a perda de camas, a diminución do gasto sanitario ou as elevadas taxas de temporalidade na última década: "Que pase o seguinte"
Ademais, din, e respecto á carreira profesional, lembran que "o Sergas recorreu dúas sentenzas do TSXG para que o persoal temporal non teña dereito a ela". "Nós, con estes datos, podemos dicir que Feijóo non é el buen gestor do que moitos falan. Nós non podemos aceptalo. Que pase o seguinte", aseguran. "Se non cambias nada, nada cambiará", engaden cunha chamada á participación o 12X, tamén en imaxes, nas que se amosa xente introducindo papeletas electorais nas urnas.
Eventuais en Loita leva meses denunciando as diferentes derivadas da súa precaria situación laboral, dende a acumulación de centos de contratos á imposibilidade de seren nais por mor da inestabilidade laboral pasando polas traballadoras que se ven abocadas á emigración. As enfermeiras confrontaron con datos os primeiros intentos da Xunta para amortecer as súas reivindicacións e a súa indignación estoupou tamén durante a pandemia.
O Sergas decidiu non prorrogar contratos de enfermeiras en canto caía enfermas infectadas polo coronavirus. Semanas despois sóubose que Sanidade decidira tamén rescindir de súpeto contratos xa prorrogados a outro grupo de enfermeiras en plantas Covid. En ambos casos, a Consellería recuou logo de facérense públicas as denuncias. Pouco máis tarde, o colectivo, xunto a outros moitos profesionais, asociacións e sindicatos, advertiu de que Sanidade aproveitaba unha excepción polo virus para situar persoal en formación en postos de eventuais con experiencia e saltando a orde das listas de contratación.
Eventuais en Loita reclama a fin da precariedade e coas prácticas de contratación "alegais e abusivas" no Sergas
Agora, ante as eleccións, Eventuais en Loita pide que muden as políticas sanitarias e especifican con claridade as súas propostas: transparencia sobre o persoal que traballa no Sergas, pór fin á taxa de reposición, converter en prazas de persoal estrutural todos os postos cubertos de maneira eventual durante máis de dous anos, acabar cos contratos en fraude de lei e coas prácticas de contratación "alegais e abusivas", unha gran OPE (Oferta de Emprego Público), igualdade de trato co persoal estatutario fixo, temario pechado e único para as oposicións e rematar de vez coa precariedade. Tras máis dunha década con Feijóo na presidencia, e ante uns datos cos que din certificar o empeoramento da sanidade pública, reclaman un cambio tamén á fronte da Xunta.