Críticas á precariedade laboral no CHUAC e no CHUS entre "un persoal ao que todo o mundo aplaudía durante a pandemia"

Manifestación pola sanidade pública, o pasado 27 de xuño en Compostela © CIG-Saúde

O persoal sanitario foi un dos colectivos laborais máis recoñecido durante a pandemia de coronavirus. Froito deste recoñecemento durante moitas semanas todos os días ás oito da tarde dende fiestras e balcóns os aplausos dirixíanse especialmente a estes traballadores e traballadoras que estaban a loitar en primeira liña contra o virus, moitas veces sen os medios de protección axeitados. Este mesmo persoal sanitario xa advertía neses momentos que, a pesar de que agradecían o aplauso, cumpría "valorar o traballo do persoal sanitario todo o ano, non só cando pasan estas catástrofes".

Os enfermeiros e enfermeiras subliñan que o motivo para denegar a utilización dos días de libre disposición "é o mesmo de sempre: non hai persoal, unha razón que se repite ano tras ano nestas datas"

Finalizado o estado de alarma, profesionais da sanidade pública regresaron á rúa para protestar contra a inestabilidade laboral ou a "contratación fraudulenta" e o pasado sábado 27 de xuño persoal sanitario de toda Galicia manifestouse en Santiago co apoio de todos os sindicatos do sector para reivindicar contratacións estables na sanidade pública galega e reclamar á Xunta que "deixe de eludir responsabilidades".

"Onde están os aplausos, os aplausos onde están?", berrouse naquela marcha, incidindo en que a pesar de que a pandemia fixo evidente a importancia fundamental do sistema sanitario público e do seu persoal, a realidade é que pouco cambiara despois da crise do coronavirus.

Este luns un grupo de enfermeiros e enfermeiras da UCI do quinto andar do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (CHUAC) denunciou publicamente este luns que a Dirección do centro lles nega o seu dereito a facer uso dos seus días de libre disposición durante os meses de xullo e agosto "salvo que os devanditos días sexan cubertos por parte do persoal de persoal".

Complexo Hospitalario Universitario de A Coruña (CHUAC) Dominio Público Nemigo

Subliñan que levan asumindo esta situación "moitos anos". "Pero este ano non é un ano normal. Foron momentos duros, de tensións e incerteza, de moito traballo, de chorar cando xa non podías máis", din

Estes profesionais sanitarios lembran que "este persoal vén de estar ao pé do canón durante os momentos máis duros da pandemia, un persoal de primeira liña ao que todo o mundo aplaudía e ao que agora se lle nega algo tan básico como que poida gozar dos seus descansos cando os necesita". Na carta, os enfermeiros e enfermeiras subliñan que o motivo para denegar a utilización dos días de libre disposición "é o mesmo de sempre: non hai persoal, unha razón que se repite ano tras ano nestas datas".

Subliñan que levan asumindo esta situación "moitos anos". "Pero este ano non é un ano normal, é un ano especial por motivos que ninguén necesita que lembremos", din. "Foron momentos duros, de tensións e incerteza, de moito traballo, de chorar cando xa non podías máis, de frustración, de impotencia, de medo, de compañeirismo e de moitas ganas de que todo acabase e poder descansar, estar coa familia e gozar un pouco, que tamén nolo merecemos", conclúen.

Pacientes derivados á sanidade privada, denuncia a CIG

Estas denuncias únense ás que hai uns días realizaba a CIG, tamén na área sanitaria da Coruña, criticando a decisión da Consellaría de Sanidade de manter suspendida a actividade de tarde no CHUAC "mentres está derivando doentes pendentes de intervencións cirúrxicas de uroloxía e traumatoloxía á sanidade privada". 

A CIG critica que o SERGAS manteña suspendida a actividade de tarde no CHUAC "mentres está derivando doentes pendentes de intervencións cirúrxicas de uroloxía e traumatoloxía á sanidade privada"

“O que debería facer é investir en reforzar o sistema público de saúde e recuperar a actividade  de tarde para atender as e os doentes que engordaron as  listas de espera durante os meses de pandemia”, afirmou Lucía Peón, responsable de CIG-Saúde na Coruña. 

De igual xeito, CIG-Saúde criticou o “alugueiro de quirófanos” que -denuncia- está a realizar o Sergas "cando os quirófanos da rede pública están baleiros polas tardes". “Denunciamos que se permita que Xefes/as de Servizo que practican a súa actividade privada neses centros estean operando doentes das listas de espera do SERGAS. Aínda que o disfracen como quirófano de alugueiro para non incorrer en manifesta ilegalidade, esta é unha práctica deplorábel desde o punto de vista ético”, di Lucía Peón.

Manifestación pola sanidade pública, o pasado 27 de xuño en Compostela © CIG-Saúde

Contratos estables transformados en "contratos-lixo" no CHUS

De igual xeito, este martes UGT vén de denunciar que no Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS) a Consellaría de Sanidade está a transformar contratos estables de prazas estruturais de pediatría "en contratos lixo que non se ofertan nin a traslados nin a oposición". O sindicato asegura que dende o ano 2010 deixaron de cubrirse 15 prazas estruturais para facelo con contratos eventuais de todo tipo.

UGT denuncia que o Sergas transforma contratos estables de prazas estruturais de pediatría "en contratos lixo que non se ofertan nin a traslados nin a oposición"

Sinala que "a pesar das alegacións presentaras polo Sindicato ao concurso de traslados para que se ofertasen todas as prazas vacantes favorecendo a estabilidade laboral", a Consellería de Sanidade "ocultou" cando menos 7 prazas que se van cubrir con "contratos lixo".

UGT denuncia que esta falta de cobertura e estabilización de prazas "conculca os dereitos do persoal que lexitimamente ten dereito a ocupar esas prazas mediante os correspondentes procesos de provisión e selección" e solicita que se oferten aos profesionais con praza en propiedade no Sergas as sete prazas vacantes dos últimos dous anos "para que prime a estabilidade do persoal".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.