Persoal de Urxencias do Clínico de Santiago acepta a nova proposta do Sergas e remata a folga

Unha das mobilizacións do persoal de Urxencias do Clínico de Santiago durante a súa folga CC-BY-NC-SA CIG

Cen votos a prol, 48 votos en contra e 3 en branco cunha participación do 74%. É o resultado da votación do persoal de Urxencias do Hospital Clínico de Santiago (CHUS) sobre a última proposta da Xerencia para mellorar este servizo e poñer fin á folga. Tres meses despois do inicio das protestas, sobre as que rexeron servizos mínimos do 100%, a maioría do persoal mobilizado considerou adecuada a nova oferta do Sergas para paliar a falta de medios que viñan denunciando.

A nova proposta da Xerencia, que inclúe aumentar o persoal do servizo, foi aceptada con 48 votos a prol, 48 en contra e 3 en branco

Unha xuntanza cos responsables da Xerencia a comezos da vindeira semana, explica o comité de folga, será o último paso para "asinar a acta final da negociación". Finalizará así parcialmente o conflito no hospital compostelán con logros por parte do persoal como un incremento do persoal de Enfermaría -11 persoas máis-, do persoal auxiliar nestes labores -11 máis-  e a estabilización dous postos de persoal médico ata agora interinos. Tamén máis medios en épocas de máis demanda asistencial, como os picos da gripe, respondendo á demanda de abrir unha das salas de Observación para contribuír a desconxestionar o servizo.

Pancarta do persoal de urxencias do CHUS que participou nas mobilizacións, despois retirada pola Xerencia © Persoal Urxencias CHUS

Cubrir o 100% das ausencias de persoal traballar cos profesionais para mellorar a organización da asistencia foron outros dos compromisos arrincados durante un conflito que xa estivera a piques de rematar nos primeiros días de febreiro e durante o que o persoal desenvolveu múltiples accións para compensar os devanditos servizos mínimos do 100%. Así, ás concentracións no propio hospital engadíronse peches ou unha concorrida manifestación no centro da capital galega na que reiteraron que as súas esixencias non eran económicas, senón de máis medios.

Esta posible fin das mobilizacións non vincula, cando menos de momento, ao sindicato médico O'Mega

A aceptación da nova oferta evidenciada na votación deste venres non vincula ao sindicato médico O'Mega, que vén advertindo da, ao seu xuízo, insuficiencia das ofertas do Sergas para incrementar o cadro de persoal, así como para solucionar a acumulación de pacientes nos corredores en momentos de colapso. Os doentes, advirten, "non poden, de ningún xeito, estar a deteriorarse nos corredores".

 Neste sentido, esta mesma semana persoal médico das Urxencias do Clínico compostelán decidiu pedir amparo xudicial ante "un novo colapso". Con este traslado á Xustiza, explicou a delegada de prevención, a doutora Fátima Nercellas, a súa intención é que "o Sergas tome as medidas inmediatas para que os pacientes de Urxencias poidan ser atendidos debidamente e os médicos poidan prestar servizos nas debidas condicións". "Nun corredor non podemos prestar asistencia axeitadamente", evidenciaba.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.