O persoal sanitario das Urxencias do Hospital Clínico de Santiago seguirá coa folga tras cumprir xa a súa décimo terceira semana de paro. A maioría do persoal apoiou por unha pequena marxe na consulta convocada pola comisión de centro este martes continuar co paro e rexeitar por insuficiente a última proposta mellorada da xerencia para dotar ao servizo de máis medios e persoal e unha mellor organización logo de máis de tres meses de mobilizacións.
O 52% dos profesionais que participaron na consulta rexeitaron a proposta nunha consulta na que participou o 67% do persoal
Logo de que a anterior proposición da dirección fora rexeitada con contundencia na anterior consulta, desta vez foi moito máis axustada. O 46% dos traballadores que participaron optaron por aceptar a última proposta mentres que o 52% apostou por rexeitala nunha votación na que participou un 67% do persoal convocado.
Foron 64 votos a favor de aceptar a última oferta, 72 votos en contra e dous en branco cunha participación de 138 traballadores dun censo total de 206. Os resultados, segundo a comisión de centro, "ratifican que os traballadores queren seguir coa folga e acadar unha mellor proposta por parte da xerencia".
Xa que logo, a folga indefinida convocada pola comisión de centro continúa, ao igual que a que O'Mega convocou para os médicos. Unha asemblea destes profesionais de adultos do Clínico acordou o pasado xoves manter o paro iniciado o pasado 12 de novembro ao rexeitar tamén a proposta da xerencia e presentar unha contraoferta que aínda non foi contestada.
"A diferenza foi mínima, pero hai que seguir coa folga e coa protesta porque o acordo está máis preto", di o presidente da comisión de centro
O conflito seguirá con mobilizacións e malia uns servizos mínimos do 100% que eviten que o paro teña afectación na atención dos pacientes. "A diferenza de oito votos foi mínima pero hai que seguir coa folga e a protesta porque o acordo está máis preto", dixo Camilo Agulleiro, presidente da comisión de centro, que di que é "evidente" que o conflito está a chegar ao final e de que haberá que "buscar un punto de encontro e dar un último impulso nas mobilizacións".
Agora, o persoal elaborará unha nova proposta para enviar á xerencia, así como un novo calendario de mobilizacións para os vindeiros días.
Logo das continuas protestas e da presión dos traballadores, a dirección da área sanitaria de Santiago foi mellorando paseniñamente a oferta para os traballadores.
A folga indefinida convocada pola comisión de centro continúa, ao igual que a impulsada polo persoal médico, que xa decidira manter as mobilizacións
A última proposta, rexeitada por unha estreita marxe en votación, propón ampliar o número de boxes de 15 a 22 --manténdose abertos de maneira permanente--, once traballadores máis en enfermería e outros once para os auxiliares, ademais dunha contratación dun médico e a estabilización de maneira interina de dous contratos.
A xerencia aclara que en épocas de gran presión asistencial, cando sexa necesaria a apertura da sala de observación, contratarase a persoal necesario para ese labor. Ademais, comprométese a cubrir o 100% das ausencias e a traballar cos profesionais para mellorar a organización e a asistencia sanitaria, deixando aberta a posibilidade de aumentar o persoal.
En canto ao material, a xerencia comprométese a dotar ao servizo de Urxencias de seis monitores, dous respiradores de transporte, un bipap (sistema de ventilación mecánica), cinco carros de enfermaría, tres tensiómetros, así como a substitución de cinco padiolas.