Persoal de Urxencias do Clínico de Santiago pide amparo á xustiza ante un novo "colapso"

Pacientes e usuarios nos corredores do Hospital Clínico de Santiago © APUChus

Na décimo cuarta semana de folga, persoal médico das Urxencias do Hospital Clínico de Santiago vén de pedir amparo ao xulgado ante os continuos “colapsos” que denuncia no servizo, o último este pasado luns. A delegada de prevención enviou a solicitude na pasada tarde “co fin de evitar situacións catastróficas como as acontecidas nas datas recentes nas que mesmo se produciu o falecemento de pacientes tras deteriorarse nos corredores den ter podido ser diagnosticados axeitadamente polos médicos”.

Persoal de Urxencias pide ao xulgado que requira ao Sergas "que tome medidas inmediatas"  para "evitar situacións catastróficas como as acontecidas nas datas recentes"

Así, Fátima Nercellas --a mesma doutora que trasladou á Fiscalía o caso das dúas mortes que agora se investiga-- requiriu ao xulgado de instrución de garda que “acorde de maneira inmediata requirir ao Sergas para que tomen medidas inmediatas para que os pacientes de Urxencias poidan ser atendidos debidamente e os médicos poidan prestar servizos nas debidas condicións”. “Así, nun corredor, non podemos prestar asistencia axeitadamente”, advirte a delegada de persoal na petición á que tivo acceso Praza.gal, na que reclama "unha medida cautelar urxente" e que “se tomen as medidas para que se cumpra a normativa e, en particular, a de seguridade e hixiene no hospital”. 

"O Sergas é coñecedor da situación que se denuncia e, no entanto, non se adoptan as medidas necesarias", di o escrito presentado nos xulgados. A xerencia do Clínico asegura que non recibiu comunicación nin requirimento ningún xudicial. 

A “masificación” e os continuos “colapsos” no servizo de Urxencias do Clínico veñen sendo denunciados constantemente tanto por persoal como por usuarios e pacientes desde hai meses. O ateigamento do espazo no pasado mes de xaneiro levou a que a Fiscalía abrise unha investigación pola morte de dous enfermos tras longo tempo agardando nos corredores. Segundo Nercellas, o amoreamento de pacientes nos corredores continúa.

Mobilización do persoal de Urxencias do Clínico de Santiago © Persoal Clínico Urxencias CHUS

“Este luns ao mediodía chegou a haber 19 pacientes; sobre as catro da tarde eran 13 as persoas clasificadas para entrar nos cubículos pola súa situación e que estaban agardando nos corredores”, explica Nercellas, que enviou --como no día no que trasladou á Fiscalía o caso das mortes-- un correo advertindo á xerencia do Sergas e a dirección da área sanitaria do problema e da necesidade de abrir espazos para a atención. Ante a falta de resposta, decidiu pedir amparo á xustiza porque “non se pode explorar unha persoa enclaustrada no corredor”. “Adoitan dicir que minto e iso non é certo”, explica ante o rexeitamento de Sanidade ás súas denuncias. 

A petición de amparo chega cando a folga semella achegarse ao seu final logo de catorce semanas. A asemblea de traballadores celebrada este luns debateu a última proposta da xerencia e a comisión de centro acordou presentar unha última contraoferta na que se acepta a dotación de profesionais pero reclamando dous médicos máis dos dous que propoñía a dirección. Tamén se solicitará un maior detalle e concreción no que ten que ver coa apertura de diversas zonas en caso de aumento da demanda asistencia, así como da dotación de medios e persoal de enfermería, auxiliares e médicos nelas. 

A delegada de persoal asegura que o luns chegou a haber 19 pacientes esperando nos corredores a ser atendidos

Será o mércores cando a xerencia e os traballadores debatan esta última proposta para poñer fin á folga convocada pola comisión do centro. Podería ser o final deste paro, aínda que polo momento o que seguirá será o convocado para os médicos polo sindicato O’Mega. 

O cadro de persoal deste colectivo está formado por 40 profesionais e coa folga reivindicaron 47 para facer as quendas, aínda que con posibilidade de rebaixar o número para chegar a un acordo. Ademais, prevén que se contraten máis traballadores fixos xa que hai oito máis non fixos que o Sergas contrata para cubrir ausencias. 

Os médicos aceptarían agora catro profesionais máis pero sempre que lles concreten a presenza real e o número de interinidades para que os postos sexan estables, ademais de non traspasar a “liña vermella”: “Teñen que protexer a saúde laboral”. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.