A piques de que a revolta da enfermaría eventual en Galicia cumpra dous anos, desde aquelas oposicións en negro en Silleda, a forza reivindicativa de Eventuais en Loita e outros colectivos sanitarios no Estado, mais as evidencias que deixa a loita contra a COVID, semellan dar os seus primeiros froitos. O Goberno de España vén de advertir á UE de que obrigará ás autonomías a reducir a temporalidade do persoal sanitario como unha das medidas que propón no Plan de Recuperación que enviou a Bruxelas para obter os fondos comunitarios habilitados pola pandemia.
O Goberno de España vén de advertir á UE de que obrigará ás autonomías a reducir a temporalidade do persoal sanitario
É unha das reformas que o Executivo inclúe nun plan xunto coa dixitalización e transición verde da economía, reformas tributarias ou o posible “pago por uso” das autovías. Unha proposta, a fin da eventualidade e precariedade, ansiada por milleiros de profesionais "esperanzados" pero que tamén desconfían, fartos como están de "promesas que non se dan materializado".
"En Bruxelas non daban crédito nin pensaban que a situación de temporalidade e precariedade en Galicia fose tan grave", lembra Eventuais en Loita
"Agardamos que se cumpra, pero a ver en que queda", expresa Catuxa Lagarón, portavoz de Eventuais en Loita que foi a encargada de deitar luz ante a Comisión de Peticións da Eurocámara sobre a situación de "fraude de lei" e "abuso" que sofren arredor de 7.000 profesionais en Galicia logo da denuncia presentada a través do BNG e pola que Bruxelas comezou unha investigación.
Aínda que, cre, "a pandemia foi o detonante final" para que sociedade e a clase política "se decatasen de que as condicións dos profesionais sanitarios non poden seguir así", Lagarón lembra con claridade a "impresión" que os datos e testemuños achegados causou en Bruxelas. "Non daban crédito nin pensaban que a situación en Galicia puidese ser tan grave", recorda.
A investigación no Parlamento Europeo mantívose, mesmo co apoio do PP europeo, e agora o Goberno central parece disposto a afrontar as demandadas mudanzas. "Gustaríanos que isto fose froito non só da nosa denuncia e as nosas mobilizacións, senón tamén da toma de conciencia por parte dos políticos de que as cifras de temporalidade son insustentables en Galicia e noutros territorios do Estado", engade Catuxa Lagarón.
Refírese ás que debullan unha dura realidade que a enfermería eventual leva xa anos denunciando, poñendo datos e testemuños á súa situación. "11 anos, 557 contratos e 5 e medio cotizados", advertira unha das moitas profesionais que resumira o día a día de tantas. Porque mentres a Xunta presumía dunha estabilidade de ata o 90% do persoal, Eventuais en Loita tiraba de cifras oficiais ou de enquisas para situar en máis dun terzo a cantidade de traballadoras en situación de eventualidade ou no 44% a porcentaxe das que levan máis de dez anos nas listas de contratación.
Coa chegada do coronavirus, a precariedade non só non desapareceu senón que se acentuou. Nos primeiros meses da pandemia, o Sergas decidiu non prorrogar contratos de enfermeiras así que caían enfermas infectadas polo coronavirus. Semanas despois sóubose que Sanidade decidira tamén rescindir de súpeto contratos xa prorrogados a outro grupo de enfermeiras en plantas COVID. En ambos casos, a Consellería de Sanidade recuou logo de facérense públicas as denuncias dun persoal que sufriu como poucos o impacto do coronavirus.
"Acollemos a iniciativa do Goberno de España con esperanza, pero non con euforia", advirte a enfermaría eventual
“A pandemia de COVID-19 puxo de manifesto que os profesionais da sanidade constitúen o activo máis valioso co que conta o Sistema Nacional de Saúde”, di o Goberno central no plan enviado a Bruxelas para xustificar a necesidade de “reforzar as dotacións de médicos e enfermaría, reducir a súa temporalidade, mellorar as súas condicións laborais e potenciar a súa formación e desenvolvemento profesional”.
"Acollemos este documento con esperanza, pero tampouco con euforia porque xa temos experiencia en ver como os gobernos autonómicos empregan calquera subterfuxio para non estabilizar os persoais", di Hugo Bermúdez, outros dos portavoces das Eventuais en Loita, que si cre "unha boa nova que se recoñeza a precariedade de moitos profesionais en Galicia e en moitas comunidades".
Na súa opinión, a loita do seu colectivo, e a doutros moitos, contra a precariedade "puxo outro gran de area" nunha batalla que segue vixente. "Detrás dos aplausos, que quedaron un pouco aí, si que hai moita xente que se interesa pola situación dos profesionais sanitarios e por movementos como o noso", di Hugo, que si confirma que, no caso das formacións políticas, a mobilización si provocou "que pasasen de seren reclamados a ser eles os que reclaman a atención do colectivo".
Catuxa coincide na maior concienciación política, pero cre que, a nivel xeral na sociedade, o que hai "é máis coñecemento" da situación de precariedade de boa parte dos sanitarios, "pero non tanto sensibilización". "Logo dos aplausos tamén houbo esquecemento e esixencias por riba dos nosos dereitos laborais", asegura.
Agora, no plan enviado a Bruxelas, o Goberno de Pedro Sánchez sinala que quere obrigar as autonomías, as competentes no sistema descentralizado, a reducir a temporalidade do persoal e marca o obxectivo de reformar a lei estatal de 2003 que fixa o estatuto marco do persoal sanitario “para transformar os contratos temporais en contratos fixos aos profesionais que leven máis dun período de tempo ocupando de maneira temporal postos de traballo de carácter estrutural (pendente de determinar o período concreto de tempo)”.
"Os feitos son o que importa"
“Posteriormente, establecerase a obriga de que as comunidades autónomas convoquen concursos anuais ou bianuais para a provisión de prazas de carácter fixo no ámbito sanitario”, engade a continuación o texto sobre unha eiva que tamén levan anos denunciando na enfermería eventual.
Así, como lembra Lagarón, Eventuais en Loita xa estimaba en 2019 que o número de prazas necesarias para enfermaría en Galicia superan as 2.000. "Dous anos despois, apenas saíron 650 e seguimos sen exame", di a portavoz do colectivo que aclara que as intencións do Executivo central "están moi ben" pero que o importante é que "se materialicen", algo que non sucede en moitas ocasións coas promesas do Sergas. "Os feitos son o que importa", remata.