Irene, Beatriz, Fernando, Hugo, Carolina e María. Persoal de enfermaría en primeira liña contra a COVID, xente nova que acumula meses de loita contra o coronavirus desde diferentes ámbitos sanitarios, pero que coincide en sinalar o "cansazo mental" desta terceira onda. Outra vaga da que non esperaban "tanto impacto" e da que advirten "máis gravidade" entre uns doentes "cada vez máis novos" e unha "velocidade" na saturación hospitalaria nunca vista antes.
Seis profesionais de enfermaría relatan a súa experiencia contra a COVID nunha terceira onda de "máis impacto" e con pacientes "máis graves e máis novos"
Cansos tamén das chamadas a cumprir as medidas contra a pandemia, relatan para Praza.gal a súa experiencia, na que se mesturan emoción, fatiga e imaxes de difícil traslado á escrita. "Oxalá moita xente puidese entrar aquí e ver o que nós vemos... Semella a única forma de que se decaten do que pasa", di Irene, auxiliar de enfermaría que atendeu na UCI un dos primeiros casos COVID no CHUAC da Coruña, aló por abril. Alí segue, case un ano despois, pero máis exhausta e cunha "carga psicolóxica brutal".
"O cansazo físico aguántase, pero o mental é máis duro porque non das visto o final", coinciden en sinalar os profesionais sanitarios
"Iso é o que máis mal levo, o cansazo mental, unha carga acumulada que se fai peor nesta terceira onda", coincide Carolina, traballadora nunha planta habilitada para COVID dun hospital galego. "Parece que todo pasa, pero volve, e agora faino con pacientes máis novos, máis perto da túa idade, e con menos patoloxías", resume nun relato que acompaña Fernando, enfermeiro nunha unidade de reanimación: "Atendes xente nova e en moitas peores condicións que na primeira vaga e iso dá máis medo e queima máis psicoloxicamente".
O vivido nas últimas semanas, especialmente desde mediados de xaneiro, foi "o nunca visto". "Superounos". Explícao María, enfermeira en urxencias dun hospital do Sergas, que insiste tamén na "idade moito máis baixa" dos pacientes COVID, na maior gravidade dos casos e nunha saturación que lle fixo pensar na necesidade dun hospital de campaña: "Víao moi claro".
"Impresionoume a rapidez, como en poucos días pasamos a estar desbordados; o que antes do Nadal era sospeita pasou a ser sempre o mesmo: COVID, COVID e máis COVID", repite ao advertir das moreas de ingresos de xente con pneumonías e cadros graves. "O cansazo físico aguántase, pero o mental é máis duro porque non das visto o final", resume nunha frase común --como se quixesen poñerse de acordo-- para todas elas.
"O máis duro é atender pacientes polos que non podes facer nada, xente nova que morre ante ti sen poder evitalo... É moita a impotencia"
"Desde mediados de agosto no que atendemos o primeiro paciente da segunda onda ata hoxe, non paramos; na primeira vaga apenas recibías mensaxes, pero agora non paro de ler os de amigos que che contan que ingresou seu pai ou o seu tío, xente máis nova... A nivel psicolóxico estouno levando fatal", di emocionada Irene, que asume o impacto do que conta, tamén no seu interlocutor. A quen non.
"O máis duro é atender pacientes polos que non podes facer nada, xente nova, sen patoloxías previas aos que se lles complica, que morren ante ti sen poder evitalo... É moita a impotencia", di sobre unha enfermidade que, recoñece, "cada día sorprende máis". "Desta volta, están a falecer persoas de menor idade, das que non sabemos moi ben a causa porque moitas veces non se debe á habitual pneumonía bilateral, senón a unha complicación en calquera problema pequeno que tivesen", insiste.
Á maior gravidade desta onda, da que todos advirten, súmase a presenza de "familias enteiras" no hospital, como di Carolina. "Fose polas celebracións de Nadal ou polo que sexa, pero temos tido matrimonios con todos os seus fillos e mesmo os avós", conta quen destaca que "xuntalos" nun mesmo espazo é unha opción "que xa non é tan boa idea cando alguén deles empeora".
"É moi típico que vaias entubar algúén e che pida por favor chamar aos familiares porque se cadra non volve velos"
Tamén hai o outro extremo, claro, moi habitual. Cantidade de xente que sofre a enfermidade en solitario pola imposibilidade de recibir visitas. "Ver morrer persoas soas afecta moitísimo", di Fernando, que alerta sobre a importancia do "factor humano" nunha doenza que afecta tamén a nivel neurolóxico, deixa pacientes "moi desconcertados" e require de empatía e acompañamento. Corrobórao Irene: "É moi típico que vaias entubar algúén e che pida por favor chamar aos familiares porque se cadra non volve velos".
"Son moitas emocións xuntas", resume Carolina, que dentro do sufrimento destaca as vídeochamadas que facilitan a pacientes e nas que acaban interactuando "como unha máis da familia". Tamén no dó: "Xuntamos un matrimonio de avanzada idade para que pasasen a COVID xuntos e ela, a que mellor estaba, acabou falecendo; o home tivo que vivilo ao seu carón e acabamos chorando todos xuntos".
Á emoción e á carga mental úneselle a saturación das últimas semanas. "Hai compañeiros que caen na nosa planta por unha substitución e alucinan co que aquí se vive", insiste Carolina, que advirte de que se "montan UCI provisionais onde se pode, ata nos corredores dos quirófanos". "Escoitar logo que as UCI están ao 40% indigna porque a realidade é que están cheas e acábanse habilitando outros espazos", resume.
"Habilitamos novas zonas nas urxencias para os casos COVID... Se xa sufríamos saturación nunha situación normal, imaxina agora", relata María sobre unha problemática que afecta todos os ámbitos hospitalarios. "Na primeira onda houbo confinamento, había máis medo e menos presión por patoloxías comúns, pero agora estásenos xuntando todo", alerta.
Beatriz, que traballou en plantas de coronavirus na primeira onda, exerce agora noutra. "Cada vez que se habilita unha área de traumatoloxía ou neuroloxía para a COVID, na nosa zona temos que preparar un espazo para os que veñen desas áreas agora ocupadas", di dos efectos dunha pandemia "que trastorna a todos".
"En todo o mes de abril preparamos 200 sedacións para UCI COVID; a pasada fin de semana, 480; non só hai máis casos, senón que son máis graves"
"Onde antes había cousas para bebés, agora tamén hai xesos para atender roturas de pernas", exemplifica. "Tes que andar reestruturando cada pouco e a túa carga de traballo aumenta, obviamente", engade. Hugo, enfermeiro en Farmacia, expón o seu caso: "Aquí preparamos as sedacións para as plantas COVID e aforramos traballo e tempo aos compañeiros; ampliamos a xornada para axudar... En todo o mes de abril fixemos menos de 200 destes preparados; a pasada fin de semana, 480", explica. O motivo deste brutal incremento? "Non só hai máis casos en coidados intensivos, senón que son máis graves".
Porque, malia todo, segue a haber situacions "inentendibles" para moitos destes profesionais. "Hai casos tristes de netos que contaxiaron os avós ao vir do colexio, pero tamén escoitas a quen colleu a enfermidade por facer festas, ir á neve ou incumprir as normas... Tes que morder a lingua, claro", conta Irene. "Ingresan pais contaxiados polos seus fillos adolescentes; ninguén está libre de coller o becho, pero hai que procurar cumprir co que se nos recomenda", engade Carolina.
Ambas atenden tamén a "angustia" de quen se sabe causante da doenza dalgún ser querido, mesmo compañeiras que se contaxiaron traballando no hospital loitando contra a COVID e acabaron prexudicando familiares. Ese é outro dos grandes temores entre os profesionais, que cargan pedras abondo nas súas mochilas.
"Apelo directamente ao egoísmo: se como sociedade ou especie non somos solidarios, polo menos que cadaquén teña coidado por si mesmo e os seus"
"Levo moi mal iso porque miña nai e o meu irmán son de risco; atendemos pacientes cunha carga viral moi alta e o temor a contaxiarte é o normal... Non vexo a miña familia desde que empezou a terceira onda", relata Fernando. "Non é fácil", asume.
Malia todo, as enfermeiras din "adorar" o seu traballo. E piden, unha e outra vez, "que non se baixe a garda", e menos ante "o hándicap das novas cepas". Pero están esgotados. "Estou cansa de dicilo, así que directamente apelo ao egoísmo: se como sociedade ou especie non somos solidarios, polo menos que cadaquén o faga por si mesmo ou polas persoas que quere", di Irene.
"Sei que hai moita diferenza entre vivilo desde dentro a facelo desde fóra ou nunha casa onde non afectou o coronavirus. Cando penso en familias enteiras que pasaron o Nadal ingresadas aquí mentres outros acudían a festas... Entendo que non o viviron, que non son conscientes da realidade", engade Carolina.
"Cheguei a pasar ata 17 horas cunha máscara FFP3, pola que case non pasa o aire... Se nós podemos, o resto tamén"
"Cheguei a pasar ata 17 horas cunha máscara FFP3, pola que case non pasa o aire... Se nós podemos, o resto tamén; se se quere, pódese", insiste quen cre que "moita xente tería que pasar unhas horas por esta trincheira". "Porque o que non se ve, parece que non se cre", asegura. "Ata que non topas con alguén achegado ao que lle falta o aire, non te decatas da realidade", engade Beatriz.
"Farteime de dirixirme a outra xente e xa só o fago con quen me quere, con quen me coñece; intento convencelos da necesidade de coidarse e de cumprir coas normas para que llelo transmitan a outros", di Fernando, que pide "empatía" á sociedade. "Todo o mundo coñece a algún médico, enfermeiro, auxiliares... Só teñen que falar con eles para que se lles abra a mente", pide.
El, como os seus cinco compañeiros, recoñécense "esgotados" e soñan co día no que os seus relatos falen só do pasado. E en poder "desconectar", palabra que todos repiten como anhelo imposible polo momento. "No traballo é COVID, quen che para pola rúa fálache da COVID... Levamos moitos meses con isto e o final non dá chegado", reflexionan entre o cansazo, pero tamén a esperanza e a ilusión de profesionais moi novos aos que a pandemia colleu moi axiña.
"Deixa claro, por favor, que coidamos os enfermos coma se fosen os nosos pais", roga Fernando
"Hai un esforzo enorme en xente moi nova, algunha que acaba de saír da carreira e tivo que afrontar esta pandemia, que fai un labor que non se ve ou que non é recoñecido", destaca Fernando, que suplica transmitir unha mensaxe: "Que lle quede claro ás familias que miramos por que os pacientes estean acompañados, que non están sós, que non teñan medo diso". E remata cun rogo. "Deixa claro, por favor, que os coidamos coma se fosen os nosos pais", di. Nalgún momento, se cadra, haberá que recoñer en serio o traballo destes fillos.