A pesar de que o número de novos casos de coronavirus chegou hai uns días ao seu 'pico', iniciando dende entón un lento descenso, a situación nos hospitais continúa a empeorar. Trátase da secuencia prevista: os cambios de tendencia detéctanse primeiro nos indicadores de positividade (e mesmo antes en ferramentas de detección temperá, coma as análises de augas residuais), máis adiante no número de diagnósticos e só despois duns días comezan a notarse nos datos de ingresos e ocupación de camas hospitalarias.
Quedan aínda por diante algúns días de incremento no número de casos graves de Covid-19 que van necesitar hospitalización e ingreso en UCI
Polo tanto, quedan aínda por diante algúns días de incremento no número de casos graves de Covid-19 que van necesitar hospitalización e ingreso en UCI. Unha situación moi perigosa para un sistema sanitario que leva tempo forzando os seus límites e cun persoal fatigado e, ademais, que sufriu xa máis de cinco mil infeccións de coronavirus.
A situación xeral nos hospitais é preocupante, cun número total de 1.452 persoas ingresadas nestes momentos cun diagnóstico positivo de Covid-19, un 30% máis que no peor momento da primeira vaga da pandemia (1.107), a comezos de abril. Pero aínda o é máis nas unidades de críticos, que neste momento rexistran unha ocupación total de 242 camas, un 40% máis que o máximo de 177 da primeira onda.
Mentres que no día de Reis había 57 persoas ingresadas nas UCI cun diagnóstico de Covid-19, hoxe a cifra é catro veces maior
Este dato deixa a cifra de camas UCI ocupadas en Galicia por pacientes COVID moi preto do total de 376 camas estruturais existentes nestes momentos nestas unidades nos hospitais galegos, tanto públicos como privados. O 78% desas camas atópanse no sistema hospitalario público e o resto no privado. Con todo, 229 das 242 camas ocupadas actualmente corresponden a centros públicos e unicamente 13 a centros privados. Cómpre ter en conta, ademais, que unha parte destas camas de UCI son empregadas por outros tipo de pacientes, non enfermos e enfermas de Covid-19.
No gráfico obsérvase a escalada producida ao longo do mes de xaneiro tanto no número total de camas de UCI ocupadas como no número de semanal de pacientes ingresados e ingresadas. Mentres que no día de Reis había 57 persoas ingresadas nas UCI cun diagnóstico de Covid-19, hoxe a cifra é catro veces maior. De igual xeito, mentres que durante todo o mes de decembro (e ata a primeira semana de xaneiro) o número semanal de ingresos nas unidades de coidados intensivos se movía entre os 20 e os 30, nos últimos sete días esta cifra medrou ata os 150. Na última semana, polo tanto, 150 persoas con Covid-19 foron ingresadas nas UCI dos hospitais galegos, máis de 21 cada día, un ritmo moi superior ao rexistrado en marzo e abril.
Dende o inicio da pandemia 1.217 persoas necesitaron ser ingresadas nas UCI galegas
Dende o inicio da pandemia 1.217 persoas necesitaron ser ingresadas nas UCI galegas, ao redor do 1,3% do total de persoas cun diagnóstico positivo. Esta porcentaxe sitúase moi por riba da porcentaxe que se rexistra no conxunto do Estado (0,8%), unha diferenza que se pode deber á maior idade media da poboación galega, entre outros factores.
A porcentaxe de camas ocupadas en Galicia é o 32,02%, unha cifra aínda por debaixo da media española (45,3%). Este dato non se refire á proporción de ocupación sobre as camas actualmente habilitadas (menos de 400), senón ao total de camas que o sistema sanitario galego pode ofrecer (máis de 750)
Segundo as cifras que ofrece o Ministerio de Sanidade, a porcentaxe de camas ocupadas en Galicia é o 32,02%, unha cifra aínda por debaixo da media española (45,3%) e segue a ser unha das máis baixas de todo o Estado, só por diante dos datos de Asturias, Canarias e Navarra. A Rioxa supera o 70% de ocupación, a Comunidade Valenciana o 60% e Castela-León, Castela-A Mancha, Madrid ou Catalunya o 50%.
Cómpre ter en conta que esta porcentaxe de camas ocupadas non se refire á proporción de ocupación sobre as camas actualmente habilitadas (menos de 400), senón ao total de camas que o sistema sanitario galego pode ofrecer. Despois da primeira onda da pandemia, todas as comunidades autónomas incrementaron as súas cifras de camas de coidados intensivos dispoñibles. Por exemplo, Galicia pode chegar nestes momentos a máis de 750 camas de UCI. Con todo, para chegar a esas cifras, deberían habilitarse hospitais de campaña en recintos fóra dos centros hospitalarios.
Durante a primeira onda o Sergas chegou a habilitar dous destes hospitais de campaña na Coruña e Santiago, pero estes non chegaron a usarse. Esta posibilidade semella de novo próxima nestes momentos, sobre todo na cidade herculina, no recinto de Expocoruña. De feito, a propia Consellería de Sanidade alerta de que "cada vez hai menos marxe" para facelo.
Os hospitais levan semanas incrementando a súa capacidade para tratar a Covid-19, dedicando máis e máis espazos a estes pacientes, véndose obrigados a modificar continuamente a súa organización e estirando os seus límites
De momento, os hospitais levan semanas incrementando a súa capacidade para tratar a Covid-19, dedicando máis e máis espazos a estes pacientes, destinando cada semana novos andares completos a este obxectivo. De igual xeito, os hospitais da Coruña e Ferrol xa se viron obrigados a trasladar pacientes ao hospital de Lugo, dada a súa elevada capacidade e, ademais, á situación máis favorable que presenta esta área sanitaria. No sur, tamén a área sanitaria de Vigo presenta unha mellor situación hospitalaria, con máis camas de UCI dispoñibles, polo que tamén está a recibir algúns pacientes da área sanitaria de Pontevedra-O Salnés, que tamén se atopa máis próxima a unha situación de saturación.
"Cada dous ou tres días está a ocuparse unha planta para atender a enfermos infectados por coronavirus"
Hai uns días Carmen Montero, xefa de Pneumoloxía do CHUAC coruñés, alertou de que "cada dous ou tres días está a ocuparse unha planta para atender a enfermos infectados por coronavirus", advertindo de que "podería darse a situación de non ter camas de hospitalización ou nas ucis tanto para pacientes con covid como con outras patoloxías graves como pneumonía, asma, infarto, ictus ou mesmo para operacións de urxencia". De igual xeito, Charo García Campelo, oncóloga do hospital herculino, subliñaba que se cumpriran "as peores previsións" e cualificou a situación do centro como "crítica".
Cando chegará o 'pico' de ocupación hospitalaria?
Aínda non chegou o pico hospitalario, o que leva ao persoal sanitario a redobrar os seus chamamentos á cidadanía para que limite os seus desprazamentos e contactos sociais
Segundo os datos que vén manexando o Ministerio de Sanidade dende o inicio da pandemia, dende o contaxio ata a aparición dos primeiros síntomas adoitan pasar 5 ou 6 días. Dende os síntomas ata o diagnóstico da enfermidade o lapso é duns dous días e dende a aparición de síntomas ata o ingreso hospitalario daqueles casos máis graves adoitan pasar entre 5 e 7 días. Posteriormente, a estadía media nos hospitais dos pacientes ingresados é duns 7 ou 8 días, pero nese prazo (de media, catro días despois da súa entrada no hospital) unha parte dos pacientes debe ser ingresado nas UCI, onde o tempo de recuperación adoita ser lento, chegando en moitos casos a estadías dun mes.
A xefa de Medicina Preventiva do CHUAC, María José Pereira lembra que o persoal sanitario "está a facer todo o posible", pero reitera que é "responsabilidades de todos"
Hai, polo tanto, un lapso de varios días entre a data de diagnóstico (e o seu máximo) e a data de hospitalización (e o seu máximo). Os 'picos' de contaxios e de diagnósticos anticipan a proximidade do máximo na cifra diaria de ingresos hospitalarios e nas UCI. De momento, este aínda non chegou, o que leva ao persoal sanitario a redobrar os seus chamamentos á cidadanía para que limite os seus desprazamentos e contactos sociais.
Este mesmo luns, a xefa de Medicina Preventiva do CHUAC da Coruña, María José Pereira, lembrou que estamos a vivir "momentos crítico" e pediu o "esforzo de todos" para "superar este drama". Subliñou que o persoal sanitario "está a facer todo o posible", pero reiterou que é "responsabilidades de todos".