As augas residuais revelan que os contaxios de coronavirus na Coruña son o triplo dos detectados e que medran dende antes do Nadal

A EDAR de Bens, na Coruña © Edar Bens

En abril do pasado ano, apenas un mes despois do inicio da pandemia de Covid-19, a empresa pública de depuración de augas residuais da área metropolitana da Coruña, Edar Bens, puxo en marcha un proxecto de investigación que buscaba coñecer a incidencia do SARS-Cov-2 na poboación, mediante a análise da carga viral presente nas augas residuais e lodos da depuradora, que dá servizo aos concellos da Coruña, Arteixo, Cambre, Culleredo e Oleiros.

En abril do pasado ano a empresa pública de depuración puxo en marcha un proxecto de análise da carga viral presente nas augas residuais 

O obxectivo era valorar ata que punto as estacións depuradoras podían ser sentinelas da presenza e da circulación do virus nun territorio determinado e explorar a capacidade desta fórmula para mesmo predicir a aparición de gromos ou a chegada de novas ondas de crecemento de contaxios, anticipándose mesmo aos datos de diagnóstico realizados polo sistema sanitario. 

Dende entón o persoal da Edar Bens vén tomando mostras de augas residuais e lodos en distintas zonas dos cinco concellos, que suman case 400.000 habitantes. Posteriormente, estas mostras son analizadas polo equipo para detectar a presenza o virus e a súa cantidade en cada lugar da comarca. Eses datos, atendendo á densidade de poboación de cada lugar e ás características demográficas de cada lugar (máis ou menos xente nova, presenza de centros hospitalarios...), permiten realizar un cálculo sobre a presenza do virus nun territorio determinado.

Parte do equipo do proxecto de detección e análise da COVID-19 nas augas residuais © Edar Bens

Hai uns días a Edar Bens anunciou que comezará a publicar cada semana os datos da presenza da Covid-19 nas augas residuais da Coruña e a súa área metropolitana. Cada semana actualizaranse na web distintos parámetros, como a evolución da carga viral nas augas residuais (o que permite determinar o número de persoas portadoras do coronavirus, considerando que todas as persoas infectadas, teñan ou non síntomas, excretan virus nas súas feces). 

O pasado 21 de xaneiro había na Coruña, Arteixo, Cambre, Culleredo e Oleiros ao redor de 7.600 persoas portadoras do virus. Ese día o Sergas notificou 2.556 casos activos nos cinco concellos

O primeiro informe, que se pode decargar na web da empresa pública, amosa a evolución da carga viral desglosada en cinco zonas dos Concellos de A Coruña, Culleredo, Cambre, Oleiros e Arteixo. A Edar Bens aclara que estas mostras "non corresponden coa perfecta delimitación xeográfica dos concellos, xa que por motivos hidráulicos poden haber zonas pertencentes a un municipio que non se recollan, ou outras que vertan ao municipio lindeiro e non ao seu".

A primeira conclusión deste informe é que o pasado 21 de xaneiro había nos cinco concellos ao redor de 7.600 persoas portadoras do virus SARS-Cov-2, cunha tendencia ascendente (eran ao redor de 3.000 a mediados de decembro) que, con todo, se estaba xa a facer máis lenta, o que podería indicar que xa nese momento se estaba preto do 'pico' desta terceira onda, que podería chegar nos vindeiros días. Cómpre salientar que o pasado 21 de xaneiro o Sergas notificou a existencia de 2.556 casos activos de Covid-19 (número de positivos diagnosticados nos 14 días anteriores) nos concellos da Coruña, Arteixo, Cambre, Culleredo e Oleiros. 

O número de contaxios na comarca da Coruña comezou a incrementarse a mediados de decembro, unha semana despois da ponte da Constitución e coincidindo coa relaxación das restricións

Polo tanto, isto indicaría que na actualidade só se estaría a detectar unha terceira parte de todas as infeccións, ben polas deficiencias do sistema de detección (aínda que este progresou moito nos últimos meses), ben pola ausencia de síntomas en moitas das persoas contaxiadas. Estes datos son coherentes coas conclusións dos estudos de seroprevalencia realizados ata agora, que amosaban que en Galicia se estaban a detectar algo menos da metade dos casos.

Outra das conclusións de interese que se poden tirar do informe realizado por CovidBens é que o número de contaxios na comarca da Coruña comezou a incrementarse a mediados de decembro, momento en que se produciu o punto de inflexión, despois de case mes e medio de descensos, iniciados a comezos de novembro. Así, dende o 15 de decembro, unha semana despois da ponte da Constitución e coincidindo coa relaxación por parte da Xunta das restricións na hostalaría e relativas ás reunións de persoas non convivintes, a presenza de carga viral nas augas residuais da Coruña volveu medrar, facéndoo de forma moi importante a partir da Noiteboa e de forma case exponencial a partir de Fin de Ano.

Número estimado de persoas portadoras de SARS-CoV-2 (sintomáticas e asintomáticas) no conxunto dos Concellos de Cambre, Culleredo, Oleiros, Arteixo e A Coruña dende o 16 de Xullo ata a actualidade © CovidBens

Capacidade de anticipación

As persoas que están infectadas polo SARS-Cov-2, teñan síntomas ou non, excretan o virus, que pode ser detectado nas augas residuais antes que no sistema sanitario

A clave é que as persoas que están infectadas polo SARS-Cov-2, teñan síntomas ou non, excretan o virus, un material que acaba chegando á Edar de Bens a través das augas residuais. A recollida de mostras permite detectar a presenza do virus (ou cambios na súa presenza) mesmo antes que os propios diagnósticos da Covid-19. Isto é debido a que hai unha parte de persoas asintomáticas que a pesar de ser portadoras do virus (e que polo tanto poden contaxialo) poden non chegar nunca a sabelo nunca, ao non ser sometidas a unha proba de detección, ou poden sabelo varios días despois, pois os síntomas tardan unha media de 5 ou 6 días en aparecer. Porén, esas mesmas persoas si están excretando o virus nese tempo, o que pode ser detectado nas augas residuais.

As persoas responsables de CovidBens destacan que funciona como "sistema de alerta temperá", chegando a adiantarse ata dúas semanas con respecto aos datos sanitarios e servindo polo tanto como sentinela para detectar un gromo ou un incremento de casos como o que estamos a vivir dende hai un mes.

CovidBens funciona como "sistema de alerta temperá", chegando a adiantarse ata dúas semanas con respecto aos datos sanitarios e servindo polo tanto como sentinela para detectar un gromo ou un incremento de casos

Así sucedeu xa o pasado verán, cando a mediados do mes de xullo o proxecto CovidBens comezou a detectar unha maior cantidade de carga viral nas augas da comarca da Coruña, un indicador que 14 días máis tarde se converter nun forte incremento dos casos detectados, no que foi un dos gromos máis importantes rexistrados no verán en Galicia. E sucedeu de novo este outono, a finais de setembro, cando o equipo detectou de novo un aumento da presenza do virus na comarca, a pesar de que as cifras de novos casos detectados amosaban un descenso continuado. Porén, dúas semanas máis tarde a incidencia da Covid volveu medrar, no que foi o inicio da segunda onda da pandemia.

En decembro de novo a carga viral das augas revelou un incremento na circulación do virus case 15 días antes de que os indicadores como a taxa de positividade (porcentaxe de probas PCR cun resultado positivo) o reflectisen.

Aínda que nos primeiros meses as autoridades sanitarias non tiñan en conta os datos achegados por este indicador de alerta temperá, dende hai un tempo xa veñen emprestando atención ás variacións da carga viral nas augas residuais pola capacidade que pode ter para anticipar cambios de tendencia na presenza do virus.

Carga viral (cantidade) de coronavirus SARS-CoV-2 nas augas da depuradora de Bens dende o 15 de abril ata a actualidade © Edar Bens

Proxecto interdisciplinar

O proxecto está dirixido por Margarita Poza Domínguez, profesora asociada da UDC

O proxecto foi unha iniciativa do director xeral da planta, Carlos Lamora, e pasou a estar dirixido por Margarita Poza Domínguez, profesora asociada da UDC e investigadora Senior do Grupo de Microbioloxía do Instituto de Investigación Biomédica da Coruña. Ademais, nel colaboran activamente investigadores doutros campos, como Ricardo Cao, catedrático de Estatística e Investigación Operativa na UDC.

A presenza de Cao e doutros matemáticos no equipo de investigación abriu máis liñas de traballo no proxecto, propoñendo obxectivos máis complexos, como a procura de modelos estatísticos cos que poder estimar o número total de portadores do virus na poboación. Estes modelos estatísticos permiten estimar o número de portadores a partir da carga viral (número de copias de ARN do virus por litro) presente na auga.

O equipo explora outras posibilidades de aplicación desta técnica, como a análise específica das augas residuais en residencias de maiores, onde se podería detectar unha infección mesmo antes de que a persoa afectada manifestase síntomas

O equipo de investigación está a explorar outras posibilidades de aplicación do coñecemento desenvolvido ata agora, como pode ser a análise específica das augas residuais en residencias de maiores ou outros espazos nos que pode resultar de especial interese a detección temperá do virus. As técnicas empregadas permitirían neste caso a detección dunha infección mesmo antes de que a persoa afectada manifestase síntomas.

O proxecto permitiu, ademais, mellorar os mecanismos para tratar o material xenético do virus que chega á planta a través das augas residuais, garantindo que este sexa eliminado na súa totalidade antes da súa saída ao mar, descartando o seu espallamento pola costa coruñesa.

Fonte en Santiago © USC/Santi Alvite

A metodoloxía da USC para detectar o virus en augas residuais, aplicada nos Emiratos Árabes

Tamén dende a Universidade de Santiago se está a traballar nesta liña de investigación. O equipo coordinado polo profesor emérito da USC Juan Lema Rodicio dende o Centro Singular CRETUS e que conta co apoio da plataforma de micromecenado ‘Sumo valor’, constatou que a concentración de ARN é máis elevada nos lodos que nas augas, proporcionando datos máis precisos e estables. 

O equipo coordinado polo profesor Juan Lema constatou que a concentración de ARN é máis elevada nos lodos que nas augas, proporcionando datos máis precisos e estables

Agora, en virtude dun convenio con Augas de Galicia e varias empresas de xestión da auga, o equipo científico validou e perfeccionou unha metodoloxía propia que está a ser tamén aplicada nos Emiratos Árabes, en colaboración coa empresa Aqualia. 

“Cando se inicia a pandemia en España e se descobre en Holanda a presenza de material xenético do virus nas augas residuais, puxémonos a traballar inmediatamente neste enfoque. Comezamos facendo un seguimento nas estacións depuradoras de Ourense e Santiago e fomos detectando que canto maiores eran as cifras de contaxiados, maior era a presenza do ARN do virus nas augas residuais”, explica Lema Rodicio. Durante os meses de verán levaron a cabo un seguimento nas plantas depuradoras de Ourense, Vigo, Lugo, Ferrol, Viveiro, Sanxenxo, Ribeira e Burela.

O profesor Lema indica que dado que o material xenético do virus é hidrófobo tende a adherirse ás partículas sólidas, de xeito que cando se separan no decantador da planta depuradora aí queda retida a maior proporción da carga viral. "A toma de mostras na auga, aínda que sexa composta ao longo do día, pode non reflectir a carga vírica real. Pola contra, os lodos manteñen un tempo de residencia elevado no sistema, polo que permiten integrar a carga viral diaria, é dicir, fai posible medir o que ocorre ao longo de todo o día", explican os investigadores.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.