Menos do 5% da poboación galega pasou o coronavirus e foron detectados case a metade dos casos

O estudo Enecovid conclúe que Galicia é un dos territorios do Estado con menos poboación exposta ao virus CC-BY-SA Foto: Goberno de Navarra | Montaxe: Praza Pública

Os resultados da cuarta rolda do estudo Enecovid de seroprevalencia do coronavirus levado a cabo polo Goberno central insisten nos datos da COVID en Galicia, situándoa como a comunidade peninsular con menor impacto da enfermidade e só por baixo da incidencia nas Illas Canarias

O estudo do Ministerio de Sanidade estima que o 4,5% da poboación galega pasou o coronavirus, algo máis de 121.000 persoas

As cifras de prevalencia global publicadas este martes polo Ministerio de Sanidade --tendo en conta o acumulado das catro vagas do estudo-- estiman que unicamente un 4,5% da poboación galega tería sufrido a doenza, tras o 2,1% da primeira, o 2,2% da segunda fase , o 1,9% da terceira e o 3% que alcanzou esta última. 

A porcentaxe acumulada que se tira incluíndo o ultimo estudo -- realizado entre o 16 e o 29 de novembro-- sitúa Galicia con ese 4,5% por baixo da media estatal (que está no 9,9%) e da incidencia en territorios como Madrid (18,6%), Castilla-La Mancha (16,1%) ou Castilla y León (12,6%), pero máis perto dos valores das Canarias (3,8), Comunitat Valenciana (5,7), Illes Balears (6,3) ou Asturias (6,1).

A porcentaxe de poboación que tivo contacto coa COVID desde o inicio da pandemia en Galicia é a metade da do conxunto do Estado

Neste caso, o estudo inclúe os datos do estudo de seroprevalencia actual --a porcentaxe de persoas con anticorpos IgG detectables co test rápido realizado nas dúas últimas semanas de novembro-- e a prevalencia acumulada tendo en conta as catro roldas anteriores, que indica a porcentaxe de poboación que, de acordo aos resultados dos tests, tivo contacto coa COVID desde o inicio da pandemia. 

Así, tendo en conta as estimacións globais do estudo, algo máis de 121.000 persoas en Galicia tiveron xa contacto co virus desde o inicio da pandemia, das que unhas 42.700 corresponderían á provincia da Coruña, 45.300 á de Pontevedra, 19.000 á de Ourense e algo máis de 14.000 á de Lugo. O número é, con todo, moi escaso e insiste na inviabilidade da inmunidade como estratexia acertada para superar a pandemia e co inicio da vacinación a poucos días segundo as informacións do propio Ministerio de Sanidade. 

Por porcentaxes e provincias, e segundo a prevalencia global que indica o estudo do Ministerio de Sanidade, en Lugo teríase contaxiado un 4,3% da poboación, fronte ao 2,5; en Ourense, un 6,2%; na Coruña, un 3,8% e en Pontevedra, un 4,8%. Os territorios lucense e coruñés son, ademais, as dúas provincias con menor incidencia no conxunto da España peninsular e só superados no global por Las Palmas e Tenerife. 

A taxa de letalidade actual é do 1,4% segundo as cifras que se tiran do estudo do Ministerio

Por outra banda, a taxa de letalidade nesta cuarta rolda do estudo sitúase en Galicia no 1,43%. Xa que logo, e tendo en conta os datos de contaxiados que se tiran do informe do Goberno central e das cifras medias de falecidos acumulados na altura na que se levaron a cabo as probas, de cada cen persoas infectadas polo virus no país falece máis dunha na actualidade. 

Se tal e como sinala a cuarta rolda do estudo, a prevalencia do virus afecta un 3% da poboación galega --unhas 81.000 persoas-- e o número de falecidos acumulados durante a etapa na que se realizaron os tests --entre o 16 e o 29 de novembro-- situábase nas 1.163, a taxa de latalidade dá ese 1,43%.

Prevalencia global de anticorpos IgG anti SARS-CoV-2 (prevalencia acumulada roldas 1-4) © Ministerio de Sanidade

En definitiva, na primeira parte do estudo estatal, que constou de tres partes ata a conclusión definitiva en xullo, estimouse que o 1,9% da cidadanía galega desenvolvera anticorpos para SARS-Cov-2. A porcentaxe incrementouse en Galicia ata o 4,5% durante a segunda onda da pandemia. Estes resultados son aínda preliminares, xa que nunhas semanas haberaos máis definitivos. "É unha primeira comunicación pero é útil con fins de saúde pública", aclarou Raquel Yotti, directora do Instituto de Salud Carlos III, que destacou a "boa concordancia" dos resultados dos tests rápidos e os das probas realizadas con sangue, moito máis precisas. 

O estudo do Ministerio de Sanidade foi pioneiro en Europa e a súa rigorosidade científica foi destacada pola publicación The Lancet por permitir facerse unha idea real de como golpeou a COVID no conxutno do Estado, así como da capacidade de diagnóstico.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.