A incidencia do coronavirus nas cidades galegas estáncase ou xa volve subir

Ourense (na imaxe) e Santiago foron as primeiras cidades en saír das restricións máis duras e onde antes se inverteu a tendencia da COVID CC-BY-SA Foto: Concello de Ourense | Montaxe: Praza Pública

Os principais núcleos de poboación adoitan ser os principais termómetros das autoridades sanitarias para analizaren a marcha da pandemia do coronavirus. No caso galego, o Sergas vén sinalando a evolución das sete principais cidades e as súas contornas de influencia á hora de observar tendencias e definir relaxar ou endurecer as restricións. Dez días despois da ponte da Constitución e a dez días do Nadal, a incidencia da COVID-19 nestas sete urbes xa abandonou con claridade a tendencia decrecente e sitúanse agora no estancamento ou, nalgúns casos, en claros incrementos.

As dúas cidades nas que a Xunta ergueu máis restricións antes da ponte, Santiago e Ourense, son as primeiras nas que a incidencia acumulada a 14 días regresa con claridade á liña ascendente

As dúas cidades nas que, por mor da súa boa evolución, Sanidade decidiu levantar o peche perimetral e flexibilizar máis as regras para os encontros entre persoas non conviventes ou a actividade hostaleira, Santiago e Ourense, son as dúas que están de volta na senda ascendente na súa incidencia (casos novos/100.000 habitantes) a 14 días. Ambas pasaron e ter este indicador por baixo do cento de casos a roldar xa os 135 en apenas unha semana. 

O resto de cidades transitan agora por unha fase de estancamento ou lixeiras alzas. Pontevedra é a que segue tendo unha maior incidencia acumulada (220) e a menor é agora a da Coruña (120). Este indicador é un dos que a Xunta ten en conta á hora de ditaminar as restricións, aínda que combinado con outros, caso da presión hospitalaria.

Alén das cidades, como amosa o mapa interactivo sobre estas liñas, a situación é diversa e vai dende os 102 concellos que non rexistraron casos novos nas últimas dúas semanas ata algúns municipios ou comarcas que superan amplamente tanto a incidencia a 14 días do conxunto de Galicia -indicador que xa parou de descender e que está agora arredor dos 170 casos- como as cifras das principais cidades. É o caso de concellos da Costa da Morte ou do Xallas, áreas do Baixo Miño, da Barbanza, do Salnés ou da Terra Chá e municipios concretos como As Pontes.

Sanidade suma 275 novos casos e a media diaria de diagnósticos a sete días segue roldando os 300

Esta tendencia ao estancamento ou á lixeira alza segue sendo tamén a que describe a liña da media a sete días de novos diagnósticos diarios, cuxo descenso leva días freado, volvendo regresar á contorna dos 300 positivos ao día confirmados por PCR. Nas vinte e catro horas transcorridas entre as seis da tarde do domingo día 13 e a mesma hora do luns, día 14, o Sergas sumou ao seu cómputo 275 novos casos -227, diagnósticos mediante PCR-, a menor cifra nunha semana, pero nun marco xeral de estancamento, cando menos polo momento.

Mentres isto acontece, tampouco cesan os falecementos de persoas que contraeran a COVID-19, aínda que nos últimos días se foi reducindo o seu número. Este 15 de decembro entran no cómputo oficial sete novas mortes que elevan o total a 1319. Só unha delas está datada nas últimas vinte e catro horas e as seis restantes son notificacións atrasadas de días previos. [O INE apunta que a COVID puido causar na primeira onda en Galicia cen mortes máis que as rexistradas oficialmente]

Os cribados masivos seguen elevando a cifra total de PCR a niveis altos e contribúen a manter a taxa de positividade en cifras baixas

Nun contexto no que a realización de cribados masivos segue contribuíndo a incrementar fortemente o número de probas PCR procesadas polo Sergas -con máis de 7.000 por xornada nos últimos catro días- e a manter en niveis moi baixos as taxas de positividade -o dato medio para Galicia a sete días está agora no 4,11%-, o estancamento ou mesmo os lixeiros empeoramentos na marcha xeral da pandemia provocan que o ansiado "reseteo" -en verbas do presidente da Xunta- dos hospitais antes da "campaña de Nadal" estea cada vez máis lonxe de producirse con claridade.

Este martes, as cifras de pacientes ingresados con test positivo da COVID-19 volven aumentar por segunda xornada consecutiva e son 375, dez máis que o día anterior e tres máis que unha semana antes. Deles, 56 están en unidades de coidados intensivos (+1) e 319, en unidades de hospitalización ordinaria (+9).

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.