O pasado 4 de decembro, ás portas da ponte da Constitución, a Xunta anunciaba o inicio dunha nova desescalada nas restricións para conter os contaxios da COVID-19, con catro novos niveis de medidas que abrían a man en ámbitos como a actividade hostaleira, as reunións entre persoas non conviventes ou os desprazamentos, aínda que mantendo algúns peches perimetrais nas áreas de maior incidencia. Naqueles días, o ritmo dos novos casos detectados trazaba unha curva claramente descendente e dispúñase a baixar dunha media semanal de 300 positivos ao día por primeira vez dende mediados de outubro.
No inicio da nova 'desescalada', Galicia dispúñase a baixar da media de 300 novos positivos do coronavirus ao día e agora volve estar a piques de superar ese limiar
Nos días seguintes, ese descenso comezou a frear e entrou nunha fase de estancamento. E agora, case dez días despois daquela ponte -período que as autoridades sanitarias adoitan observar para o desenvolvemento de posibles contaxios dende unha data determinada- e cando faltan apenas semana e media para as festas do Nadal, a curva non só non volve descender, senón que a meseta semella deixar de ser tal para volver subir. A media semanal de contaxios detectados cada día volve estar a piques de superar os 300 e ningún dos principais indicadores mellora xa para o conxunto de Galicia.
Este luns, 14 de decembro, a Consellería de Sanidade suma 371 novos positivos ao seu cómputo, rexistrados entre as seis da tarde do sábado 12 e a mesma hora do domingo. Deles 323 son diagnósticos mediante proba PCR. Son 25 casos menos que un día antes, pero 31 máis que dúas xornadas atrás. Esta tendencia á alza, aínda que leve polo momento, provoca ademais que, por primeira vez dende o pasado 25 de novembro, os novos casos detectados en vinte e catro horas (de seis a seis da tarde) sexan menos que o número de altas, o que provoca un incremento dos "positivos activos", que pasan de 5.521 a 5.560. [Compostela e Ourense volveron incrementar a incidencia da Covid dende o relaxamento das restricións]
A fin da melloría chega tamén aos datos de incidencia (casos novos por cada 100.000 habitantes) a 14 días. Cos datos do último día completo dispoñible (o sábado 12), este indicador ascende para o xunto de Galicia por primeira vez dende o 24 de novembro e sitúase agora na contorna dos 170. Por concellos, como amosa o mapa baixo estas liñas, os case cen municipios sen novos casos rexistrados nas últimas dúas semanas contrastan co retroceso nalgúns municipios que melloraran notablemente durante o mes de novembro, caso das cidades de Santiago e Ourense.
As mortes oficialmente ligadas á pandemia son xa 1.312 tras sumar Sanidade outros seis falecementos
Por áreas sanitarias, son tamén as de Ourense e Santiago -esta última, tamén impulsada polo empeoramento na contorna da Barbanza, especialmente en Boiro- as primeiras en regresar á senda ascendente na súa incidencia a 14 días. Outras, como as da Coruña-Cee ou a de Lugo, seguen polo momento en liña descendente e con valores inferiores á media galega (131 e 125, respectivamente).
Mentres se rexistran estas cifras, a Xunta segue notificando tamén falecementos de persoas que se infectaran do coronavirus. Os datos oficiais suman 6 novas mortes para un total de 1.312. Unha delas correspóndese coas últimas vinte e catro horas.
Incremento das probas PCR por mor dos cribados
Todas estas cifras rexístranse nun contexto de forte incremento das probas PCR realizadas polo Sergas nos últimos días, con cifras inusualmente altas en días de fin de semana e en boa medida ligadas aos cribados que Sanidade está a desenvolver en diferentes puntos do país. Tanto o venres como o sábado, o Sergas realizou máis de 7.000 probas PCR e o domingo ata as seis da tarde xa procesara case 5.000, o que eleva a media diaria de probas PCR a sete días por riba das 6.700 por xornada.
A realización de cribados entre a poboación xeral e non só entre pacientes sospeitosos de padecer a doenza propicia que baixen as taxas de positividade
O alto número de probas PCR axuda a detectar máis casos e ao tempo, a realización de cribados entre poboación xeral e non só entre pacientes sospeitosos de padecer a COVID provoca que as taxas de positividade (porcentaxe de test que dan positivo) se manteñan en niveis moi baixos, mesmo por baixo do 5% que a Organización Mundial da Saúde sinala como limiar para dar por controlada a pandemia nun territorio. Os datos globais de Galicia están por baixo desde 5% dende o pasado día 9 e a positividade media diaria a sete días rolda agora o 4,3%.
Situación nos hospitais
Neste contexto, a presión da COVID-19 nos hospitais galegos tampouco chega a experimentar o reseteo que a Xunta dixo desexar con vistas á "campaña de Nadal" e, na liña das últimas semanas, os lixeiros descensos de pacientes infectados que precisan hospitalización vólvense alternar con repuntas. É o que volven indicar os datos deste luns, que reflicten 365 hospitalizacións (+16) doutros tantos pacientes, dos cales 55 (+3) están na UCI. O número total é, así e todo, inferior ao de hai unha semana tanto en unidades ordinarias como nas UCI.
Cómpre ter en conta, en todo caso, que as cifras de hospitalización ligada á pandemia sempre adoitan ser, en realidade, maiores que as reflectidas nestas estatísticas. A razón é que, segundo os protocolos vixentes, un ingreso por COVID-19 só é tal mentres o paciente siga tendo test positivo no coronavirus, pero desaparece do rexistro cando a persoa pasa a dar negativo, con independencia de que precise seguir no hospital por mor do seu estado xeral de saúde.