O pasado 11 de maio Galicia entraba na fase 1 do desconfinamento deseñado polo Goberno de España. Tras dous meses de peche, parte delas coa vida social e económica reducidas á mínima expresión, volvíase permitir saír á rúa, aínda que con horario limitado, retomar algunhas actividades comercias e hostaleiras ou viaxar alén do propio concello, sempre e cando non se abandonase a provincia de residencia. Comezaba o que se deu en chamar "desescalada" e que no caso galego finalizou a mediados de xuño, coa saída do estado de alarma. En ambos momentos, a incidencia galega situouse por baixo dos datos medios do Estado.
Cando Galicia comezou a desescalar en maio aínda non era obrigatorio portar máscara en todo momento mesmo con distancia de seguridade e as autoridades tanto galegas como españolas multiplicaban as chamadas de precaución. Daquela, o Sergas cuantificaba 1.581 persoas consideradas como "positivos activos" por COVID-19 e, atendendo á serie histórica que a Xunta accedeu a divulgar a comezos do pasado outubro, a incidencia acumulada a 14 días (novos casos por cada 100.000 habitantes) roldaba os 47 casos.
Os "positivos activos" ao comezo do desconfinamento de maio roldaban os 1.500 e agora superan os 7.000; a media semanal de novos diagnósticos por PCR non superaba os 20 diarios e na actualidade está por riba dos 300
Este 4 de decembro, Galicia bota a andar nunha nova desescalada, esta deseñada pola Xunta que, tras un mes co seu paquete de restricións máis severas, permite retomar os encontros entre persoas non conviventes e reabrir os locais hostaleiros nos concellos onde permanecían pechados, con catro niveis de limitacións. Persisten, ademais, algúns peches perimetrais nun contexto no que, segundo últimos datos dispoñibles, a incidencia do virus cuadriplica amplamente á do inicio da primeira desescalada (210), pero no que o Sergas conta cunha maior capacidade de detección do virus que daquela. Nos últimos sete días, Sanidade rexistrou unha media diaria superior aos 300 novos casos e daquela eran pouco máis de 100.
Tanto daquela como agora, Sanidade seguía notificando mortes ligadas á pandemia. Naqueles días de maio de comezo da desescalada, a media diaria de falecementos nos sete días previos era de 2,30. Agora, de 7,40. O total de falecementos de persoas infectadas co coronavirus situábase nese momento en 601 e agora xa se acumulan 1.228, con datos pechados a 2 de decembro.
A carga do sistema sanitario é agora tamén moi superior á do comezo do primeiro desconfinamento. As persoas ingresadas nos hospitais eran este xoves case duascentas máis que daquela (414 fronte a 217) e nas UCI hai 65 pacientes con test positivo da COVID, mentres que daquela eran 26. Ademais, sobre os ombreiros da Atención Primaria e do sistema de rastrexo -que aos poucos vai medrando- pesa agora o seguimento de algo máis de 7.400 positivos activos, indicador en claro descenso pero que, como a incidencia, cuadriplica ao de mediados de maio.
O maior número de positivos activos está en parte vinculado coa maior capacidade de detectar o virus mediante o procesamento dun maior número de probas PCR. Así, segundo a serie histórica que agora si é pública, antes do comezo do desconfinamento de maio, a media diaria a 7 días de novos casos diagnosticados a través deste tipo de test eran pouco máis de 16. Agora, aínda que con tendencia descendente, seguen superando os 300. No pico da primeira vaga este valor apenas superou os 400 diagnósticos diarios medios a sete días e nesta segunda, Galicia chegou a estar preto dos 700.
En maio, o Sergas procesaba unha media de menos de 1.400 PCR diarias e agora son máis de 6.000
Aínda que o ritmo de realización de probas PCR decaeu nas últimas semanas, non é menos certo que nesta segunda vaga a que segue sendo probas de referencia para detectar o virus segue a realizarse de maneira moito máis intensa que na primeira vaga. A día 1 de decembro, a media diaria a sete días seguía superando as 6.000 probas PCR por xornada. No inicio do desconfinamento de maio, cando a tendencia tamén era descendente, esa media semanal de probas PCR xa estaba por baixo das 1.400 ao día.
Cómpre tamén ter en conta, non obstante, que a porcentaxe de probas PCR que dá positivo é agora maior que daquela. A 11 de maio, a positividade media a sete días en Galicia apenas superaba o 1% dos test PCR que se realizaban e agora aínda supera un chisco o 5%, limiar fixado pola Organización Mundial da Saúde para dar por controlada a pandemia nun territorio.