Os datos de contaxios e hospitalizacións por Covid seguen a mellorar en Galicia ás portas do relaxamento das restricións

CC-BY-SA Praza Pública

Este venres entrará en vigor o novo sistema de restricións ante o coronavirus en Galicia no que se permitirá a actividade da hostalaría e os encontros entre persoas non convivintes, con diferentes limitacións en función da situación epidemiolóxica que presente cada concello. Galicia chega a este relaxamento das medidas de prevención cun datos de contaxios, de circulación da enfermidade e de ocupación hospitalaria moito mellores que os de hai un mes, nos últimos días de outubro e comezos de novembro, cando a segunda onda da pandemia acadou o seu pico.

Dende entón o número de novos positivos e a incidencia acumulada en Galicia descendeu de forma constante. Este mércores diagnosticáronse 350 novos casos de Covid-19 detectados a través dunha proba PCR. A media diaria de novos positivos sitúase por debaixo dos 330 casos, lonxe dos 662 que chegou a acadar o 1 de novembro. De igual xeito, a incidencia acumulada, medida no número de casos diagnosticados nos últimos 14 días por cada 100.000 habitantes, situouse nos 226 casos, fronte aos 332 que chegou a acadar a comezos do mes pasado.

Mellora tamén a ocupación hospitalaria e, de feito, o número de camas ocupadas por pacientes de Covid-19 pasou de 593 o 5 de novembro a 414 na actualidade, un descenso do 30%. Son datos positivos, pero haberá que comprobar dentro dun par de semanas o efecto que neles provoca o relaxamento nas restricións, especiamente a reapertura da hostalería en moitos concellos e o regreso das reunións de persoas non convivintes.

Cómpre ter en conta, ademais, que a mellora está lonxe dos datos que se chegaran a acadar o pasado mes de xuño, xusto antes do verán, no que a desescalada e o relaxamento das restricións acabou provocando un novo incremento do número de contaxios. Tampouco se conseguiu o "reseteo" dos hospitais galegos, perseguido pola Xunta, pois o número de camas ocupadas segue a ser moi elevado e sitúase nun nivel semellante ao existente o 22 de outubro.

Vigo e Pontevedra son as áreas sanitarias cunha incidencia maior e a área pontevedresa é a que máis lentamente está a mellorar os seus datos

A evolución da incidencia acumulada é positiva en todas as áreas sanitarias, aínda que nas últimas semanas o descenso foi especialmente claro en Ourense, que nestes momento presenta a mellor situación epidemiolóxica de Galicia, cuns datos próximos a 120 casos por cada 100.000 habitantes. Santiago e A Coruña tamén se sitúan por debaixo da media galega, á que están próximas Ferrol e Lugo. 

Vigo e Pontevedra son as áreas sanitarias cunha incidencia maior e a área pontevedresa é a que máis lentamente está a mellorar os seus datos. A súa incidencia actual sitúase lixeiramente por debaixo dos 300 casos.

Seguen a incrementarse, en todo caso, as mortes de persoas que se contaxiaron de Covid-19. Sete novos falecementos elevan a 1.228 a cifra total dende o inicio da pandemia, en marzo. O número de defuncións na segunda onda da enfermidade (609) está xa moi próximo ao que se rexistrara na primeira onda, ata o mes de xullo (619). Ourense é a área sanitaria que acumula un maior número de falecementos.

A taxa de positividade (porcentaxe de probas PCR que teñen un resultado positivo) mantén tamén unha tendencia á baixa, aínda que nos últimos dous días este indicador permanece estable, cunha media semanal do 5,39%, lonxe iso si do 8% que superaba hai unhas semanas. Pontevedra, por riba do 7%, é a área sanitaria cunha taxa de positividade máis elevada, mentres que Ourense e Santiago, por debaixo da media galega, son as zonas cunha mellor situación.

Segue a realizarse unha media de máis de seis mil probas PCR cada día. Na última xornada foron 6.245, o que deixa en 6294 a media da última semana. É unha cifra moi inferior ás máis de 8.500 probas PCR que se realizaban a comezos de novembro. Porén, trátase dunha evolución normal tendo en conta a mellora da situación.

O número de camas ocupadas situouse este mércores nas 65 en UCI e 349 no resto de unidades de hospitalización. A cifra está moi por debaixo da que se daba hai sete días (92 e 421)

Nos hospitais, o número de camas ocupadas situouse este mércores nas 65 en UCI e 349 no resto de unidades de hospitalización. A cifra está moi por debaixo da que se daba hai sete días (92 e 421). Destaca a mellora nas áreas sanitarias da Coruña e Vigo e tamén nas UCI de Lugo e Ferrol. Os hospitais da área sanitaria de Pontevedra son os únicos nos que aumentou o número de camas ocupadas nas unidades de críticos. 

Nas residencias segue a haber 582 casos activos de Covid-19. A Residencia Asilo de Vilalba e a Residencia Vila do Conde (Gondomar) son os dous centros cun maior número de infeccións, por riba das cen en cada lugar.

Entre os concellos de máis de 10.000 habitantes, Vilalba, As Pontes e Gondomar teñen as incidencias máis elevadas

En canto á incidencia acumulada por concellos, tamén se percibe a mellora xeral, con descensos na maior parte das localidades. Segue a haber excepcións, con seis localidades que manteñen datos por riba dos 1000 casos por cada 100.000 habitantes nos últimos 14 días e outros 15 que se sitúan entre 500 e 1000 casos. Entre os concellos de máis de 10.000 habitantes, Vilalba, As Pontes e Gondomar teñen as incidencias máis elevadas.

No que atinxe ás sete cidades, Pontevedra (285) e Vigo (231) teñen os peores datos, seguidas de Lugo (229) e Ferrol (194). Pola contra, Compostela baixa dos 100 casos e Ourense sitúase nos 120. A Coruña ten unha incidencia de 151 casos por cada 100.000 habitantes.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.