O mapa do coronavirus mellora en boa parte de Galicia mentres varias comarcas manteñen un alto número de contaxios

A incidencia acumulada da COVID segue a ser dispar entre comarcas e concellos malia á melloría global CC-BY-NC-SA Praza Pública

O pasado sábado 21 de novembro a Consellaría de Sanidade comezou a publicar diariamente o número de diagnósticos de coronavirus que se levaran a cabo en cada concello nos 14 días anteriores, unha valiosa información para coñecer o estado da pandemia en toda Galicia e a súa evolución. Dende entón, nos últimos nove días, a situación epidemiolóxica no noso país foi mellorando gradualmente, unha mellora que nalgunhas zonas foi máis rápida e noutras vai máis de vagar. Mesmo hai varios concellos e algunhas comarcas nas que nestes 9 días o número de infeccións se mantivo estable ou ascendeu.

Este luns había seis concellos con incidencias acumuladas nos últimos 14 días superiores a 1000 casos e outras 21 localidades con incidencias entre 500 e 1000 casos

A situación da pandemia é aínda preocupante en varios lugares. En total, este luns había seis concellos con incidencias acumuladas nos últimos 14 días (número de diagnósticos de coronavirus por cada 100.000 habtiantes) superiores a 1000 casos e outras 21 localidades con incidencias entre 500 e 1000 casos. Con todo, cómpre ter en conta que o pasado mércores eran nove os concellos con máis de 1000 casos, observándose dende entón unha situación de mellora.

Este luns era Beariz (3.501 casos por cada 100.000 habitantes) a localidade cunha incidencia maior, seguida de Irixoa (2.399) e Baltar (1.599). Con todo, cómpre ter en conta que nas localidades con pouca poboación este indicador é moi cambiante, pois a aparición dun gromo ou dun pequeno grupo de casos illados pode disparar a incidencia. E, de igual xeito, a incidencia acumulada pode reducirse moi rapidamente se ese brote é controlado.

Por ese motivo, no cadro anterior amósase a evolución durante os últimos nove días da incidencia acumulada unicamente nos concellos de máis de 10.000 habitantes. Entre eles segue a ser Vilalba o concello con peores datos, ao presentar unha incidencia superior aos mil casos, derivados en parte da aparición dun gromo de gran tamaño nunha residencia de maiores da localidade. O mesmo sucedera en Mos, que tamén presentaba ata hai uns días unhas cifras de incidencia superiores aos 1000 casos, un indicador que descendeu notablemente dende o sábado.

Entre os concellos de máis de mil habitantes, Vilalba é o que presenta peores datos. Así mesmo, tanto Gondomar como As Pontes levan toda a semana empeorando a súa situación epidemiolóxica

En cambio, tanto Gondomar como As Pontes de García Rodríguez levan toda a semana empeorando a súa situación epidemiolóxica. Outras vilas, como Sanxenxo, Carballo, Moaña, Cambados, O Grove, Tui, Redondela, Narón, Ponteareas, A Laracha ou O Porriño tamén presentan cifras de incidencia moi elevadas, con tendencias á baixa en Carballo, Redondela, Ponteareas, A Laracha ou O Porriño e á alza en Tui ou Moaña. 

Fene, Tomiño, Ribeira, Vilanova de Arousa, Ordes, Nigrán, Lalín, Sarria, Cambre, A Estrada, Bueu, Barbadás, Teo, O Barco, Oleiros, Ames, Verín ou Monforte de Lemos están tamén entre as localidades nas que máis descendeu a incidencia nos últimos días. As poucas excepcións nas que se produciu un empeoramento foron Baiona, Rianxo, Noia, Cangas, Vilagarcía ou Betanzos.

Pontevedra é a única cidade cunha incidencia acumulada por riba de 300 casos. As sete urbes galegas presentan unha evolución favorable

Nas sete cidades galegas a evolución é favorable. Entre elas é Pontevedra a que presenta peores datos, ao ser a única urbe cunha incidencia superior a 300 casos por cada 100.000 habitantes. O resto están a descender moi rapidamente, destacando a situación da Coruña, Ourense e Santiago de Compostela, claramente por debaixo dos 200 casos. 

Con todo, as sete cidades presentan unha evolución favorable, especialmente clara dende o pasado xoves. Mesmo Vigo e Lugo, que durante moito tempo se moveron por riba dos 300 casos, hoxe se sitúan ao redor dos 250 casos por cada 100.000 habitantes.

 Bergantiños, Costa da Morte, Salnés, A Limia, Eume ou O Baixo Miño son as comarcas con máis incidencia

A boa evolución que presentan moitos territorios en Galicia pode pesar moito na decisión que adopte a Xunta sobre a continuidade ou o relaxamento das restricións en vigor en moitos concellos, especialmente da Galicia urbana. Con todo, cómpre lembrar que o dato da incidencia acumulada non é o único que se ten en conta á hora de tomar estas decisións. As autoridades sanitarias valoran un gran número de parámetros (ata 11 no caso de Galicia, segundo comunicou o conselleiro de Sanidade), entre os que teñen tamén un gran peso a situación hospitalaria, a mobilidade existente nun determinado lugar ou as características da súa poboación.

Hai algunhas comarcas que manteñen un maior número de infeccións. No mapa obsérvanse claramente as cores violetas de moitos concellos en Bergantiños, Costa da Morte, Salnés, A Limia, Eume ou O Baixo Miño. E, igualmente, algúns núcleos localizados, como os concellos de Valga, Vilaboa, A Lama-Beariz, Guntín-Monterroso-Antas de Ulla ou A Rúa, con incidencias moi elevadas, nalgúns casos aínda en ascenso.

En 67 concellos non houbo ningún caso de coronavirus nos últimos 14 días

Pola contra, atopamos un gran número de concellos nos que nas últimas dúas semanas practicamente non houbo ningún caso de coronavirus, especialmente nalgunhas comarcas ourensás, na zona oriental da provincia de Lugo ou no sueste da provincia da Coruña.

En total, este luns eran 67 os concellos nos que nos 14 días anteriores non se diagnosticara ningún caso de coronavirus, moi por riba dos 54 nos que isto sucedía o pasado sábado 21 de novembro. Unha mostra da mellora xeral que está a experimentar a pandemia en Galicia.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.