Galicia rexistra a menor cifra de positivos da COVID en mes e medio mentres cruza o limiar das 1.200 mortes

Toma dunha mostra para un test de anticorpos da COVID na Universidade de Vigo © UVigo

O ritmo de expansión do coronavirus en Galicia afonda, agora si, na senda descendente que xa experimentara nas primeiras dúas semanas de novembro. O Servizo Galego de Saúde suma este luns 251 novos positivos, 238 deles diagnósticos mediante PCR. Este cómputo, correspondente ás vinte e catro horas transcorridas entres as seis da tarde do sábado e a mesma hora do luns, é a cifra máis baixa nunha xornada dende o 15 de outubro, ata agora o último día con menos de 300 novos casos.

Cun 6% menos de PCR, os positivos das últimas dúas xornadas son un 25% menos aos da fin de semana previa e os 251 notificados este luns son a menor cifra dende o 15 de outubro

En comparación co mesmo período de hai unha semana, a mellora global tamén é clara. Cun 6% menos de probas PCR entre as seis da tarde do venres e a mesma hora do domingo (13.274 fronte a 12.383), o descenso de positivos detectados na fin de semana é dun 25%, pasando de 792 a 594. Estas cifras contribúen a que a media diaria de diagnósticos por PCR a sete días siga á baixa e rolde os 379 casos, o nivel máis baixo nun mes.

Á espera de que sexan computados os datos dende as seis da tarde do domingo e ata a media noite, a pasada semana finalizou con algo máis de 2.500 novos positivos, un 30% menos que a anterior e que a previa, e con máis de 41.000 probas PCR, un 11% menos que os sete días anteriores [consulta aquí a serie histórica completa]. O total de test PCR cruza así o limiar das 900.000 dende o inicio da pandemia en Galicia, segundo datos do Sergas.

Outras doce mortes, tres da última xornada

Esta mellora dos datos globais percíbese con maior lentitude nas cifras de falecementos. Sanidade agrega este luns ata doce mortes de persoas que foran diagnosticadas da COVID-19, tres delas correspondentes ás últimas vinte e catro horas e as nove restantes, a días anteriores. A media diaria de falecementos a sete días aínda rolda os sete e a xornada con máis mortes da segunda vaga segue sendo o 11 de novembro, con 16. Deste xeito, a pasada fin de semana Galicia cruzou o limiar das 1.200 mortes ligadas á pandemia e o total chega ás 1.205, polo que a mortalidade da segunda vaga xa moi próxima á da primeira (619).

A media diaria de falecementos rolda na última semana agora as 7 mortes por xornada de persoas infectadas pola COVID

Tres dos falecementos confirmados son de persoas que vivían en residencias de maiores. Unha delas unha muller de 91 anos hospitalizada no hospital Lucus Augusti de Lugo, viuse afectada por un dos últimos brotes máis numerosos ligados a estes centros, o da residenciA Asilo de Vilalba. Ademais, o Sergas confirmou o pasamento dunha residente da residencia Nosa Señoras das Virtudes de Pontedeume, hospitalizada en Ferrol, e dun home de 89 anos que faleceu no hospital en Pontevedra, procedente da residencia de Vilaboa.

Á marxe das residencias, Sanidade computou a morte dun home de 77 anos coa COVID-19 hospitalizado en Ourense e dunha muller e un home de 92 e 70 anos hospitalizados na Coruña. Tamén sumou o falecemento dunha muller de 92 anos hospitalizada en Ferrol, un home de 94 anos no CHOP pontevedrés e mais tres homes (77, 80 e 82 anos) e unha muller (93 anos) ingresados no CHUVI.

Incidencia acumulada á baixa, máis elevada na metade occidental

Cos devanditos datos de casos novos, a incidencia acumulada a 14 días (casos novos por cada cen mil habitantes) retomou con claridade a súa senda descendente en Galicia e xa baixa dos 250 casos, aínda lonxe dos pouco máis de 100 de comezos de outubro pero tamén cada vez máis lonxe dos 340 que chegou a superar nos primeiros días de novembro. Non obstante, como amosa o gráfico baixo estas liñas, este indicador é xeograficamente dispar entre áreas sanitarias, concellos e comarcas. En xeral, a metade oriental do país atópase en mellor situación que a occidental, con amplas zonas de Ourense, da Montaña de Lugo e da Mariña con incidencias moi baixas ou mesmo sen casos novos nas últimas dúas semanas.

Contornas como a da Costa da Morte, Vigo, O Salnés e mesmo a comarca da Barbanza, así como zonas do Eume e das Mariñas ou concellos afectados por brotes en residencias de maiores nas últimas semanas (caso de Vilalba ou Guntín) continúan con incidencias moito máis elevadas que o dato global de Galicia nun contexto no que a positividade media das probas PCR tamén segue a moderarse. Este indicador sitúase agora para o total galego no 5,81% e segue baixando cara ao limiar do 5%, sinalado pola Organización Mundial da Saúde como referencia para dar a pandemia por controlada nun territorio. Por baixo dese limiar xa están con claridade as áreas sanitarias de Santiago (4,47%) e Ourense (3,17%).

Mellora máis lenta nos hospitais

Como adoito, a mellora na situación global da pandemia chega con máis vagar ao último elo da cadea, os hospitais. O dato deste luns, correspondente á situación do domingo, trae consigo un incremento no total de persoas hospitalizadas por mor dunha suba no número de pacientes en unidades ordinarias (de 388 a 406), xa que nas unidades de coidados intensivos, a, presión descende un chisco (de 81, a 78).

O incremento de hospitalizacións notificado este luns é menor ás subas do mesmo día en semanas previas e o total queda en 484 pacientes, 78 deles na UCI

Son, en total, 484 pacientes con test positivo da COVID-19 nos hospitais galegos, 15 máis que un día antes nuns datos, os que se difunden cada luns, que adoitan traer consigo incrementos nas cifras de hospitalización. Non obstante, este incremento (+15) é inferior ao dunha semana antes (+20 e supón menos da metade dos de hai dúas semanas (+32) e tres semanas (+33), polo que o ritmo neste indicador tamén tende á moderación. Así e todo, como amosa o gráfico sobre estas liñas, a hospitalización está aínda en niveis relativamente altos, moi por riba das cifras de setembro e lonxe do "reseteo" que a Xunta dixo desexar antes da "campaña de Nadal".

Por áreas sanitarias, aínda que á baixa, o maior número de persoas hospitalizadas con test positivo do coronavirus segue na da Coruña-Cee (138, 28 na UCI) e mais na de Vigo, con 90 pacientes. Mentres, a área de Santiago-Barbanza alivia a súa situación e é agora a que presenta un menor número de pacientes hospitalizados directamente ligados á pandemia (37) seguida da de Lugo (44). Cómpre ter en conta, en todo caso, que a carga hospitalaria relacionada coa COVID adoita ser maior que a reflectida nestas cifras, xa que os pacientes que pasan a dar negativo pero precisan seguir hospitalizados por mor do seu estado xeral de saúde, desaparecen da estatística.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.