As celebracións de Nadal constitúen dende hai tempo unha das maiores preocupacións da autoridades sanitarias de cara a evitar a expansión da Covid-19. Nesas datas increméntase notablemente a mobilidade, mesmo con moitas persoas que viaxan dunha a outra comunidade autónoma. Ademais, teñen lugar xuntanzas familiares e de amizades, normalmente en espazos pechados, circunstancias todas que poden favorecer os contaxios e levar a un novo incremento das infeccións, hospitalizacións e mortes no mes de xaneiro.
O Ministerio de Sanidade propuxo inicialmente limitar as reunións a 6 persoas e estender o inicio do toque de queda ata a unha da madrugada en Noiteboa e Noitevella
As medidas aplicadas en outubro e novembro buscaban reducir a incidencia e "resetear" a situación hospitalaria para chegar ao Nadal nun contexto algo máis favorable, permitindo relaxar un chisco as limitacións e restricións. Un obxectivo de "salvar o Nadal", sobre o cal as voces expertas advirten dos seus riscos.
Hai uns días o Goberno central deu a coñecer unha proposta inicial de alivio das actuacións restricións para as festas de Nadal. As reunións sociais estarían limitadas a un máximo de 6 persoas, mentres que o actual toque de queda nocturno (fixado de 22 a 6 horas na maior parte das comunidades autónomas) estendería o seu inicio á 1 da madrugada en Noiteboa e Noitevella. A proposta avoga tamén por evitar as Cabalgatas de Reis, por potenciar as actividade no exterior e maximizar a ventilación e por apostar polas compras no pequeno comercio.
Esta proposta inicial, que aínda debe ser debatida e aprobada por todas as comunidades autónomas no Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde, foi contestada nos días seguintes por unha sucesión de contrapropostas e réplicas por parte de moitos gobernos autonómicos, unha poxa á que este mércores e xoves se uniu tamén o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, que introduciu matices á proposta lanzada polo Ministerio de Sanidade.
Feijóo avogou por non contabilizar os e as menores de 10 anos e propuxo que as limitacións teñan en conta o número de fogares ou de unidades de conviventes que se xuntan e non o número de persoas que os integran
Así, Feijóo avogou en primeiro lugar por non contabilizar os e as menores de 10 anos no límite máximo de persoas que finalmente sexan autorizadas a reunirse, sinalando que os e as expertas veñen indicando que os nenos e nenas por debaixo desa idade teñen unha menor capacidade de transmisión dos virus. Ademais, este xoves propuxo que as limitacións teñan en conta o número de fogares ou de unidades de conviventes que se xuntan e non o número de persoas que os integran. O presidente da Xunta defende que "o risco entre doce personas de dúas unidades familiares é menor que o risco existente entre seis persoas que pertencen a tres familias".
A de Núñez Feijóo foi unha das moitas propostas lanzadas nos últimos días dende as comunidades autónomas, como por exemplo as expresadas por Madrid, que reclama que o límite máximo de 6 persoas aumente ata 10 persoas ou atrasar media hora o inicio do toque de queda. Unha demanda semellante á que realiza Navarra, que pide un máximo de dúas familias non conviventes e 10 persoas. Pola súa banda, Euskadi maniféstase de acordo co límite de 6 persoas, pero propón igualmente que non se teñan en conta aos nenos e nenas de menos de 10 anos. Tamén Cataluña quere flexibilizar as medidas.
O Conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, demandou este mércores "que haxa uns criterios reitores comúns"
A maioría dos territorios maniféstase conforme coas liñas xerais da proposta lanzada polo Ministerio de Sanidade e consideran axeitado que existan unha norman comúns, que despois poidan ser matizadas cunha certa flexibilidade por cada comunidade autónoma. Neste senso, o Conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, demandou este mércores "que haxa uns criterios reitores comúns" a través dun "documento marco e con flexibilidade".
O Centro Europeo de Control de Enfermidades advirte de que o alivio nas restricións levará a unha nova escalada no número de casos de covid-19, de ingresos hospitalarios e de mortes dende a primeira semana de xaneiro
Mentres dende os Gobernos debátese ata que punto se poden ou se deben flexibilizar as restricións durante os días de Nadal para permitir as reunións sociais, dende o ámbito sanitario pídese prudencia á hora de relaxar as actuais medidas de prevención, alertando sobre os riscos dese obxectivo de "salvar o Nadal". Neste senso, o Centro Europeo de Control de Enfermidades (ECDC) publicou esta semana un informe cunha proxección do que podería ocorrer se os países da UE antepoñen "salvar o Nadal" ao control epidemiolóxico da pandemia. O informe conclúe que o alivio nas restricións levará a unha nova escalada no número de casos de covid-19, de ingresos hospitalarios e de mortes dende a primeira semana de xaneiro.
De igual xeito, este mércores durante a rolda de prensa ofrecida pola Consellaría de Sanidade para dar conta da evolución da pandemia en Galicia, Pedro Rascado, xefe das UCI do CHUS, advertiu de que "saír das restricións non significa que o virus desaparecera, que non haxa unha norma que nos prohiba reunirnos con non conviventes ou limitar o número de persoas non significa que calquera tipo de reunión sexa segura ou que poidamos reunirnos con amigos sen máscara de protección".
"Creo que é o momento de protexer os vulnerables. Unha reunión familiar sen 'mascarilla' ten o risco de transmitir o virus", di Pedro Rascado, xefe das UCI do CHUS
De cara ás festas do Nadal, Rascado recomendou manter a actual prudencia e puxo como exemplo o que el mesmo pensa facer: "Eu sairei da casa en Nadal, irei de paseo coa miña parella, irei mercar, irei tomar un café ou a un restaurante sempre con mascarilla, reunireime cos meus familiares, preferentemente no exterior e sempre, sempre, con mascarilla. E as miñas celebracións familiares van ser exclusivamente cos meus conviventes: coa miña parella e fillos". "Creo que é o momento de protexer os vulnerables. Unha reunión familiar sen mascarilla ten o risco de transmitir o virus", concluíu.