Dende finais de setembro, a área sanitaria de Ourense-Verín-O Barco, que abrangue toda a provincia ourensá, estivo no centro da preocupación en Galicia no que ao avance do coronavirus se refire. A incidencia da pandemia disparouse dende finais de setembro nesa contorna, cuxos principais centros de poboación foron os primeiros onde a Xunta aplicou as restricións máis severas para tentar conter os contaxios dende a fin do confinamento total. O avance do virus e a elevada idade media da poboación tornaban en especialmente perigosa a situación nunha provincia que agora, dous meses e moitas restricións despois, está a contribuír a que os datos xerais de Galicia retomen a senda descendente tras arredor dunha semana estancados.
O Sergas suma 441 novos casos, un descenso a respecto da xornada previa malia á realización de máis probas PCR, e computa 3 falecementos, dous deles do pasado martes
A Consellería de Sanidade suma este 26 de novembro un total de 441 novos casos ao seu cómputo oficial (415, diagnósticos mediante PCR), rexistrados entre as seis da tarde do martes e a mesma hora do mércores, día 25. Faino nunha xornada de pronunciado incremento no número de probas PCR procesadas (7.912 en vinte e catro horas) pero cun descenso da positividade media a sete días, agora na contorna do 7,4% para o conxunto de Galicia e coa área ourensá volvendo caer por baixo do 5%.
Ademais, o número de falecementos notificados é o máis baixo en máis dun mes. Son tres, dous deles datados no pasado luns e un terceiro, no martes. Trátase dunha muller de 76 anos hospitalizada na Coruña, un home de 94 hospitalizado en Ourense e unha paciente de 85 anos do hospital de Monforte que vivira na residencia Domusvi da propia localidade lucense.
Con estas cifras, a media diaria de diagnósticos por PCR a sete días dá baixado dos 500 casos por primeira vez nun mes e retoma, aínda que timidamente, esa senda descendente. Por áreas sanitarias, é a ourensá a que menos novos casos suma nas últimas vinte e catro horas, apenas 22. Na banda contraria sitúase a área de Vigo, con 109, e por tras dela a da Coruña, con 93. Tamén a área de Santiago-Barbanza está por riba do medio cento de casos novos (63) e o mesmo sucede na de Pontevedra-O Salnés (57). Lugo supera os cincuenta por apenas dous casos e Ferrol queda por baixo (45). [Mapa das restricións pola COVID-19 en Galicia, concello a concello].
Leve aumento da incidencia a 14 días
No que atinxe á incidencia do virus (casos novos por cada 100.000 habitantes) é tamén a área de Ourense a que presenta o menor valor no conxunto do país -duns 165 casos, segundo os datos do último día pechado, o martes 24-. Aínda que o valor para o conxunto de Galicia repunta moi levemente por mor dos empeoramentos en semanas previas, por áreas sanitarias a tónica xeral continúa sendo a de estancamento (caso de Lugo, Ferrol, A Coruña ou Santiago) ou certo empeoramento (caso de Vigo). Se o reinicio da senda descendente continúa nos vindeiros días, non obstante, esta chegará tamén ao indicador de incidencia.
A leve mellora aínda non se percibe con claridade nos datos xerais de incidencia a 14 días; por cidades, Pontevedra e Vigo seguen rexistrando as máis elevadas e Santiago e Ourense, as máis baixas
Como amosa o mapa sobre estas liñas, a incidencia é tamén dispar por concellos e comarcas. A provincia de Ourense destaca xa polo gran número de concellos sen caso ningún da COVID-19 rexistrado nas últimas dúas semanas, o mesmo que área da montaña de Lugo e da Mariña Occidental. Na banda contraria están os concellos con maior incidencia, nalgúns deles aínda con datos influídos por brotes en residencias de maiores en días ou semanas previas. É o que segue sucedendo en Guntín, Mos ou Vilalba. Tamén seguen destacando as altas incidencias a 14 días na contorna de Bergantiños, no Salnés, en Vigo e concellos do Morrazo.
Por cidades, Pontevedra segue sendo a que presenta unha incidencia acumulada máis elevada, aínda que en descenso, pasando de 349 a 340 casos novos por cada cen mil habitantes en catorce días. Tamén descenden aos poucos Vigo (de 338 a 326) e Lugo (de 329 a 324). Na banda máis baixa seguen Santiago (que pasa de 133 a 129 casos por cada cen mil habitantes) e Ourense (de 177 a 162).
Hospitalización á baixa, pero aínda por riba das 500
Sanidade indica un total de 18 persoas menos ingresadas con test positivo da COVID-19 tras sumar por erro 44 hospitalizacións adicionais nun centro sanitario privado da Coruña
Ao contrario que na primeira vaga, cando -tamén polo maior número de falecementos en pouco tempo- o descenso das cifras de hospitalización foi moito máis rápido, desta volta este indicador modérase moito máis devagariño. Na última xornada, as persoas ingresadas son 18 menos e quedan en 513, das cales 92 precisan atención na UCI. Este é o indicador que o Sergas sinala como definitivo para a xornada despois de indicar inicialmente un incremento pola atribución -por mor dun erro de transmisión de datos, indica Sanidade- de 44 ingresos ao hospital privado San Rafael da Coruña, onde na xornada previa non había ningunha ingresada con test positivo da COVID-19, situación que -mantén o Sergas- continúa sen cambios.
Aínda que cun lixeiro descenso, é a área coruñesa a que segue con máis persoas hospitalizadas con infección activa da COVID-19 (155) seguida de Vigo (99). Na banda contraria están as áreas de Santiago (47) e Lugo (38). Cómpre ter en conta, non obstante, que a presión asistencial a causa do coronavirus adoita ser maior que a reflectida nestas cifras xa que, en virtude dos protocolos vixentes, as persoas infectadas pola COVID-19 deixan de figurar nestas estatísticas de hospitalización cando pasan a dar negativo, con independencia de que teñan que continuar no hospital por mor do seu estado xeral de saúde.