A mellora da pandemia de coronavirus estáncase en Galicia, que detecta o mesmo número de casos que hai unha semana

CC-BY-SA Foto: Sergas | Montaxe: Praza Pública

O número de positivos de coronavirus diagnosticados dos últimos sete días (3.701) en Galicia foi superior ao rexistrado nos sete días anteriores (3.543)

Dende hai unha semana o número de novos positivos detectados cada día en Galicia permanece ancorado nunha media de 500. Chegouse a ese nivel a finais da pasada semana e dende entón a cifra oscila ao redor desa cantidade, pero sen baixar máis. O número de novos casos notificados este domingo (457) é mesmo superior ao comunicado o mesmo día da pasada semana (400), o que eleva a media semanal de 507 a 515 novos casos diarios. De feito, o número de positivos de coronavirus diagnosticados dos últimos sete días (3.701) en Galicia foi superior ao rexistrado nos sete días anteriores (3.543).

A tendencia á baixa iniciada o pasado 5 de novembro, coincidindo co inicio das medidas de restrición decididas pola Xunta, semella terse detido, aínda que haberá que agardar aos vindeiros días para comprobar se se trata dunha situación temporal (e a curva volve iniciar un descenso) ou non. 

A incidencia acumulada nos últimos 7 días (que amosa máis fielmente a situación da última semana) leva estancada dende o sábado 14

A incidencia acumulada nos últimos 14 días segue baixando, aínda que máis lentamente, debido a que aínda abrangue os datos de hai dúas semanas, que mantiñan a tendencia de descenso. Porén, o indicador da incidencia acumulada nos últimos sete días está hoxe no mesmo nivel que a pasada fin de semana: 135,1 casos por cada 100.000 habitantes, fronte aos 131,16 casos do pasado domingo.

A incidencia acumulada en sete días reflite máis rapidamente os cambios de tendencia, como xa sucedeu cando a finais de outubro o número diario de positivos deixou de medrar en Galicia, para iniciar o seu descenso. A IA en sete días chegou ao seu máximo o 31 de outubro, mentres que a IA en catorce días tivo o seu pico o 5 de novembro.

Continúa a suma de falecementos, con 5 novas mortes notificadas este domingo, que elevan a 1.137 a cifra total de dende marzo

O resto dos indicadores manteñen unhas tendencias semellantes aos dos últimos días. O lixeiro incremento da taxa de positividade (a porcentaxe de probas PCR que teñen un resultado positivo) podería estar indicando un empeoramento da situación epidemiolóxica. De igual xeito, continúa a suma de falecementos, con 5 novas mortes notificadas este domingo, que elevan a 1.137 a cifra total de dende marzo. Porén, cómpre ter en conta que moitos dos falecementos que teñen lugar o venres e sábado non aparecen nas estatísticas ata os primeiros días da semana seguinte. Iso si, a media semanal de falecementos semella ter chegado a un pico hai uns días e dende entón iniciou un pequeno descenso.

Os datos de hospitalizacións, pola súa banda, manteñen tamén unha situación de estabilidade, despois de ter descendido un chisco nos últimos días. O descenso na incidencia que se produciu nas primeiras semanas de novembro semella estar chegando ás cifras de ingresos hospitalarios, pero haberá que agardar a ver o efecto que ten o cambio de tendencia que se está rexistrando nos últimos días.

As cifras de hospitalizacións comezaron a descender nos últimos días e, de momento, manteñen unha tendencia á baixa, o mesmo que o número diario de mortes

A taxa de positividade e a incidencia acumulada nos últimos sete días son, de momento, os únicos indicadores que na última semana amosan unha tendencia de ascenso. No seguinte gráfico amósanse as tendencias de seis indicadores (IA en 7 e 14 días, número de camas de UCI ocupadas, número de camas ocupadas noutras unidades hospitalarias, número de mortes e taxa de positividade), coa súa variación porcentual con respecto ao mesmo día da semana anterior. A táboa, algo complexa, permite comparar conxuntamente as tendencias de varios indicadores.

A taxa de positividade, que este domingo está a medrar un 10% con respecto á semana anterior, variou a súa tendencia o pasado 16 de novembro. E a incidencia acumulada nos sete días anteriores pasou nos últimos dez días de baixar un 22% a medrar con respecto á semana anterior. A incidencia acumulada nos 14 días anteriores segue de momento en descenso (-7,5%). As cifras de hospitalizacións comezaron a descender nos últimos días e, de momento, manteñen unha tendencia á baixa. Tamén se mantén en descenso o número de mortes, en relación ao mesmo día da semana anterior.

A incidencia acumulada nos últimos 14 días (o número de casos rexistrados nas últimas dúas semanas por cada 100.000 habitantes) continúa en descenso en Galicia, pero esta redución é cada vez máis lenta. Este domingo o indicador sitúase en 266 casos por cada 100.000 habitantes, fronte aos 269 deste sábado. Ademais, o descenso prodúcese sobre todo porque aínda reflite a mellora na situación que se rexistrara a pasada semana.

Galicia é, en calquera caso, unhas das comunidades autónomas do Estado español cunha incidencia máis baixa, semellante á que presenta a Comunidade de Madrid ou a Comunidade Valenciana e unicamente por riba das de Baleares e Canarias. A incidencia media no conxunto de España (419,48) sitúase moi por riba da galega.

Vigo é a zona con máis casos de coronavirus por habitante, cunha IA de 349

Por áreas sanitarias, Vigo continúa a ser a zona con máis casos de coronavirus por habitante, cunha incidencia acumulada de 349. Pontevedra (305) e Lugo (293) tamén presentan datos por riba da media galega, mentres que Ourense e Santiago, cunha IA por debaixo dos 200 casos.

A taxa de positividade mantén un lento crecemento en Galicia. A media dos últimos sete días sitúanse no 7,83%, despois de baixar ata o 6,81% a comezos desta semana

A taxa de positividade leva días cun lento crecemento en Galicia. A media dos últimos sete días sitúanse no 7,83%, despois de baixar ata o 6,81% a comezos desta semana. Ferrol, Lugo, Pontevedra e Vigo son as áreas cunha maior porcentaxe de casos positivos, movéndose entre o 9% e o 10%. Ourense, por debaixo do 5%, é a área sanitaria con mellores datos e xunto con Santiago, é a única que se sitúa por debaixo da media galega.

Este sábado leváronse a cabo 7.131 probas PCR en Galicia, cunha media semanal de 7.144 probas diarias. A cifra, que segue sendo moi alta, está un chisco por debaixo do nivel acadado nas primeiras semanas de novembro, claramente por riba das 8.000 probas diarias.

DoralResidencias (Mos) sumou este domingo 44 positivos máis na residencia de maiores e outros 23 no seu centro de atención á discapacidade

Nas residencias o número de casos activos sitúase nos 799 (560 entre os e as usuarias e 239 no persoal), cun aumento de 28 dende as cifras notificadas o sábado polo Sergas (521 entre os e as residentes e 250 entre o persoal). En boa medida este ascenso débese aos incremento entre os usuarios e usuarias de DoralResidencias (Mos), cun 44 positivos máis na residencia de maiores e outros 10 no seu centro de atención á discapacidade (máis outros 13 entre o persoal desta última instalación).

DoralResidencias (Mos), con 166, é a instalación que acumula un maior número de casos activos nestes momentos, xunto coa residencia Asilo (Vilalba), que suma 126 positivos.

Na última semana a redución foi pequena as UCI (de 105 a 100 camas ocupadas), pero a diminución foi máis importante no resto de unidades (de 477 a 439)

A situación nos hospitais galegos é mellor que hai unha semana. Ao longo dos últimos días foi descendendo o número de pacientes ingresados con Covid-19. Comparando cos datos do pasado domingo, nas UCI a redución foi pequena (de 105 a 100 camas ocupadas), pero a diminución foi máis importante no resto de unidades (de 477 a 439).

As áreas sanitarias da Coruña (29) e Vigo (25) son as que presentan un maior número de camas ocupadas, con datos moi semellantes aos da pasada semana. En cambio, Ourense e Santiago si aliviaron un chisco a presión existente nas unidades de críticos.

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.