Este sábado, máis de oito meses despois do inicio da pandemia de coronavirus, a Xunta de Galicia publicou os datos do número de positivos detectados en cada concello nos últimos días. Trátase dunha información limitada (só ofrece o número total de casos diagnosticados nos últimos 14 días), nin sequera achega o dato da incidencia acumulada e, ademais, para medio cento de localidade non proporciona a cifra exacta de casos (limítase a comunicar que houbo "entre 1 e 9"). Con todo, supón un enorme salto adiante na transparencia sobre a situación epidemiolóxica de cada concello, despois de negarse a ofrecer esta información durante os últimos meses, a diferenza da maioría das restantes comunidades autónomas.
O Goberno galego rectificou a súa política e publicou este sábado o número de casos de coronavirus rexistrados nos últimos 14 días na maior parte dos concellos galegos
A publicación destes datos individualizados por concello responde a unha demanda expresada nos últimos meses polos propios gobernos municipais e por entidades coma o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia. Porén, ata agora o máis que fixera o Goberno galego fora comezar a publicar o mes pasado uns cuestionados mapas de cores que a xeito de 'semáforo' achegaban unha referencia sobre a incidencia existente en cada localidade. Porén, os criterios escollidos para a elaboración destes mapas levaban a ofrecer unha información distorsionada da situación de moitos concellos.
A Xunta defendera a súa negativa a ofrecer publicamente a información específica de cada concello por un suposto obxectivo de asegurar o "segredo profesional" ou de non "estigmatizar" ás localidades con máis casos. Sexa como for, o Goberno galego rectificou finalmente esta política e publicou este sábado o número de casos de coronavirus rexistrados nos últimos 14 días na maior parte dos concellos galegos, unha información que permite obter o dato da incidencia acumulada en cada localidade.
En paralelo, desaparece o polémico sistema do 'semáforo de alertas', que estaba a provocar un certo desconcerto ao ser confundidos este niveis cos propios niveis de restricións aplicados pola Xunta (cos que nada tiñan que ver) e cos niveis de risco establecidos polo Consello Interterritorial de Saúde, que empregan unha terminoloxía moi semellante (nivel 1, nivel 2, nivel 3...).
Esta primeira entrega de datos ofrécenos un mapa de Galicia tinxido de cores escuras, correspondentes aos maiores niveis de incidencia, especialmente na súa zona occidental, a máis urbana e poboada, pero con concellos que acadan os niveis máis elevados tamén noutras zonas. Destaca a mala situación que presentan a comarca de Bergantiños (na que se aplicaron maiores restricións nos últimos días) e tamén a área metropolitana de Vigo (especialmente Mos) e a comarca do Baixo Miño.
Hai tamén varios concellos con cifras de contaxios elevados no Salnés (Ribadumia, Meis, Sanxenxo...) e na provincia de Lugo, especialmente Vilalba (na que dende esta semana pasaron a aplicarse as medidas de restrición máis fortes), pero tamén Chantada ou Guntín. En Ourense, Xinzo presenta tamén unha incidencia elevada.
Mos (1.360 casos por cada 100.000 habitantes nos últimos 14 días) e Vilalba (1.322) son as únicas localidades de máis de 10.000 habitantes con incidencias tan elevadas
Os concellos que presentan unha maior incidencia nos últimos 14 días son Beariz, Cabana de Bergantiños, Mos, Vilalba, Coristanco e Malpica de Bergantiños, todos por riba dos 1.000 casos por cada 100.000 habitantes, cifra á que se achega A Lama. Mos (1.360) e Vilalba (1.322) son as únicas localidades de máis de 10.000 habitantes con incidencias tan elevadas.
Con todo, hai que ter en conta que nas localidades con pouca poboación este indicador é moi cambiante, pois a aparición dun gromo ou dun pequeno grupo de casos illados pode disparar a incidencia. E, de igual xeito, a incidencia acumulada pode reducirse moi rapidamente se ese brote é controlado. Cómpre lembrar, igualmente, que as decisións que se adoptan sobre a imposición de máis restricións ou o relaxamento das existentes teñen en conta un gran número de indicadores e que a incidencia acumulada ou os casos detectados son só dous deles.
Vigo (365 casos por cada 100.000 habitantes) é a urbe cunha maior incidencia
En canto ás cidades, Vigo (365 casos por cada 100.000 habitantes) é a urbe cunha maior incidencia, seguida de Lugo (337) e Pontevedra (332). Ferrol ten unha IA a 14 días de 266 casos e A Coruña sitúase nos 210. En cambio, Ourense e Santiago presentan datos por debaixo dos 200 casos por cada 100.000 habitantes.
54 concellos non tiveron ningún novo caso de coronavirus nos últimos 14 días
No que atinxe ás grandes vilas, ademais de Mos e Vilalba, Carballo é a que presenta unha situación máis preocupante, cunha incidencia acumulada de 571 casos por cada 100.000 habitantes. Sanxenxo sitúase nos 415, Cambados nos 407 e O Grove nos 404. Narón, Redondela, Ribeira, A Estrada, Ponteareas, Lalín, O Porriño, Moaña superan os 300. Pola contra, no outro extremo, un total de 54 concellos non tiveron ningún novo caso de coronavirus nos últimos 14 días.