O pasado 9 de outubro a Xunta comezou a publicar na súa web de datos do coronavirus dous mapas que clasifican os concellos galegos en catro niveis de alerta en función do número de casos detectados nos 7 ou 14 días anteriores. Era a resposta do Goberno galego ás repetidas demandas de transparencia na información sobre a pandemia realizadas por concellos, investigadores, xornalistas e partidos políticos. Porén, aínda que nova web informativa si mellorou notablemente a anterior situación de total opacidade, o Goberno galego continuou a ser un dos únicos en todo o Estado que rexeita facer públicos os datos de incidencia de coronavirus en cada concello.
Tanto se Vilagarcía como A Rúa teñen 22 casos nunha semana, ambos ou dous concellos estarán en nivel 3. A pesar de que 22 casos en Vilagarcía supoñen unha incidencia de 55 por cada 100.000 habitantes en 7 días e eses mesmos 22 casos na Rúa implican unha incidencia de 500 casos
Este indicador, aínda que si ofrece unha referencia sobre a mellora ou o empeoramento da situación epidemiolóxica nunha determinada localidade, fai imposible saber a incidencia da enfermidade, sobre todo unha vez que se se acada no nivel máximo de alerta. Unha das grandes eivas do sistema empregado pola Xunta é o feito de aplicar a concellos de moi diferente poboación os mesmos criterios para situalos nun ou noutro nivel de alerta.
Así, por exemplo, calquera localidade de menos de 50.000 habitantes que supere os 21 casos novos nos sete días anteriores será situada no nivel máximo de alerta (nivel 3). Tanto ten que se trate de Vilagarcía, cos seus case 40.000 habitantes, ou de A Rúa, con pouco máis de 4.000. Tanto se Vilagarcía como A Rúa teñen 22 casos nunha semana, ambos ou dous concellos estarán en nivel 3. A pesar de que 22 casos en Vilagarcía supoñen unha incidencia de 55 por cada 100.000 habitantes en 7 días e eses mesmos 22 casos na Rúa implican unha incidencia de 500 casos por cada 100.000 habitantes. Hai concellos en nivel 3 de alerta que teñen incidencias do coronavirus por debaixo da que rexistran concellos en nivel de alerta 1 ou 2.
O sistema de niveis e cores está a provocar un certo desconcerto ao ser confundidos cos propios niveis de restricións aplicados pola Xunta
Ademais, o sistema de niveis e cores empregado pola Xunta (sen achegar moita máis información) está a provocar un certo desconcerto ao ser confundidos cos propios niveis de restricións aplicados pola Xunta e cos niveis de risco establecidos polo Consello Interterritorial de Saúde, que empregan unha terminoloxía moi semellante (nivel 1, nivel 2, nivel 3...). Porén, nada teñen que ver uns niveis con outros, e o empeoramento nos indicadores de incidencia empregados polo Sergas nos seus mapas non implica necesariamente o paso a un nivel de restricións diferente.
O indicador da Xunta serve unicamente como un indicador sobre o empeoramento ou a mellora relativa de cada localidade
Polo tanto, a fórmula escollida pola Xunta para informar sobre a situación epidemiolóxica en cada concello serve unicamente como un indicador sobre o empeoramento ou a mellora relativa de cada localidade. Así foi no último mes, dende a posta en funcionamento deste indicador, xa que a medida que o número de positivos de coronavirus medraba en Galicia, ambos os dous mapas ían pasando do verde ao amarelo, despois ao laranxa e finalmente ao vermello, especialmente a Galicia urbana.
Na actualidade hai 45 concellos en nivel vermello, 28 en nivel laranxa e 42 en nivel amarelo
Así, mentres que o primeiro día que se publicou o mapa había 9 concellos en nivel vermello, 8 concellos en nivel laranxa e 20 concellos en nivel amarelo (no indicador que toma como base o número de casos nos últimos 7 días), na actualidade as cifras son moito maiores: 45 concellos en nivel vermello, 28 en nivel laranxa e 42 en nivel amarelo. Cómpre salientar, iso si, que o pasado luns o número de localidades no nivel máximo de alerta era mesmo maior, cun total de 51 localidades nese nivel 3.
Chama a atención o rápido empeoramento nos últimos días de Cee, Cervo, Chantada, O Grove, Vilalba, Ponteceso, A Guarda, Cabana de Bergantiños ou Burela
Na táboa seguinte pódese facer un percorrido pola evolución seguida por todos os concellos galegos neste indicador. A maior parte dos concellos máis poboados foron empeorando a súa situación epidemiolóxica no último mes, chegando aos niveis 2 ou 3 de alerta. Neste senso, chama a atención o rápido empeoramento nos últimos días de concellos como Cee, Cervo, Chantada, O Grove, Vilalba, Ponteceso, Burela, A Guarda, Santa Comba, Cabana de Bergantiños ou Ribadumia.
Con todo, houbo xa algúns casos nos que unha localidade, despois de acadar o máximo nivel de alerta, foi quen de reducir o seu número de novos casos. Así sucedeu en Monforte, Ordes, Baiona, A Estrada, Cangas, Santiago ou Laracha, así coma en varios concellos da provincia de Ourense (O Carballiño, Barbadás, Verín ou O Barco).