A pasada semana o Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde, no que participa o Ministerio de Sanidade e os responsables sanitarios de cada Comunidade Autónoma, aprobou nun documento o establecemento de catro niveis de alerta en función dunha serie de indicadores epidemiolóxicos e hospitalarios, e unha relación de medidas de actuación recomendadas para cada nivel de risco.
Na medida en que cada territorio acade uns determinados valores en cada indicador establécese un determinado nivel de alerta, de 1 a 4
Estes criterios comúns refírense á incidencia acumulada do coronavirus nos últimos 7 e 14 días, á incidencia específica entre a poboación maior de 65 anos, á taxa de positividade da última semana, á capacidade para trazar a orixe dos contaxios e tamén á situación de saturación dos hospitais. Na medida en que cada territorio acade uns determinados valores en cada indicador establécese un determinado nivel de alerta, un total de catro, dende o risco baixo ao extremo, pasando polo risco medio e alto. Por debaixo deles estaría o nivel 0, de 'nova normalidade'.
Por exemplo, para chegar ao nivel de alerta 4, unha comunidade autónoma debe ter no nivel máis elevado cando menos dous indicadores del bloque I (relativos á incidencia, positividade e trazabilidade) e un do bloque II (relativos á porcentaxe de camas hospitalarias ocupadas con pacientes de Covid-19). Así, un territorio podería ter uns indicadores moi negativos do bloque I, pero manter unha situación hospitalaria aceptable, e isto evitaría que se declarase o máximo nivel de alerta.
O noso país ten dende hai algúns días varios indicadores epidemiolóxicos no nivel máximo, de risco extremo. Son os relativos á Incidencia Acumulada da enfermidade
Ese é, de momento, o caso de Galicia. O noso país ten dende hai algúns días varios indicadores epidemiolóxicos no nivel máximo, de risco extremo. Así, a Incidencia Acumulada en 14 días supera xa os 250 casos por cada 100.000 habitantes (280,53 este venres) e a IA en 7 días hai tempo que está por riba dos 125 casos por cada 100.000 habitantes (165,51 este venres). De igual xeito, nos informes diarios do Ministerio de Sanidade obsérvase que a incidencia acumulada en 14 días entre a poboación de máis de 65 anos está xa por riba dos 150 casos. A provincia de Ourense supera os 300 casos, Pontevedra e A Coruña roldan os 200 e Lugo sitúase nos 100 casos.
Outro indicador atópase no segundo nivel máis elevado (risco alto). Trátase da trazabilidade, é dicir, a porcentaxe de casos positivos cuxa orixe foi trazada, o único indicador no que Galicia presenta unhas cifras moito peores que o resto do Estado. Nos últimos datos publicadas polo Instituto de Saúde Carlos III (ISCIII) Galicia só é capaz de seguir a orixe do 35% dos contaxios, fronte a unha media do 61% no conxunto de España. Finalmente, a taxa de positividade está no terceiro nivel (risco medio), cun 8,14%, unha das porcentaxes máis reducidas de todo o Estado.
A ocupación de camas hospitalarias, de momento baixa, fai que Galicia se manteña no nivel 2 de alerta
No segundo bloque, relativo aos datos hospitalarios, a situación de Galicia é, de momento, máis favorable. En ambos os dous indicadores, relativos á porcentaxe total de camas hospitalarias ocupadas por pacientes Covid-19, o noso país atópase a cabalo entre o segundo nivel, de risco baixo, e o terceiro nivel, de risco medio. A porcentaxe de camas ocupadas era este venres do 6,75%, lonxe aínda do 10% que marca o inicio do nivel de risco alto. De igual xeito, a porcentaxe de camas UCI ocupadas é do 9,78%, a piques de superar o 10% que significa a consideración de rismo medio pero tamén lonxe do 15% que marca o paso ao nivel de risco alto. A tendencia, en todo caso, é de ascenso, polo que Galicia podería estar no nivel de risco alto dentro de poucos días de superar esa barreira calquera dous dous indicadores.
Cando os indicadores de ocupación de camas hospitalarias cheguen ao nivel de risco alto, Galicia pasará tamén a estar situada no nivel alto de alerta (nivel 3)
Segundo os indicadores do primeiro bloque, Galicia podería estar situada no nivel máximo de alerta (nivel 4), debido á elevada incidencia que presenta a nivel xeral e entre as persoas de máis de 65 anos. Porén, dado que no documento aprobado no Consello Interterritorial se establece que para que un territorio estea nun determinado nivel de alerta debe cumprir con algún dos criterios do bloque hospitalario, de momento Galicia está situada no nivel medio (nivel 2), pois é neste nivel onde se atopan os seus indicadores de ocupación de camas. Cando estes cheguen ao nivel de risco alto, Galicia pasará tamén a estar situada no nivel alto de alerta (nivel 3)
Na actualidade nove comunidades autónomas sitúanse no nivel extremo de alerta (nivel 4): Andalucía, Aragón, Asturias, Castela-A Mancha, Castela e León, Cataluña, Madrid, Navarra e A Rioxa. Tan só Canarias, Cantabria e Galicia se atopan no nivel medio (nivel 2) e outras cinco están no nivel alto (nivel 3): Baleares, Comunidade Valenciana, Estremadura, Murcia e País Vasco.
Na actualidade 9 comunidades autónomas sitúanse no nivel extremo de alerta, 5 no nivel alto e 3 no nivel medio, entre elas Galicia
En todo caso, cómpre ter en conta que a decisión final de que nivel de alerta se asigna a un territorio non só se fundamenta no nivel de risco resultante dos indicadores, "senón que poderá modularse coa tendencia ascendente do indicador e a súa velocidade de cambio, así como cunha avaliación cualitativa que inclúa a capacidade de resposta, as características socioeconómicas, demográficas e de mobilidade do territorio avaliado". Ademais, para considerar a redución do nivel de alerta será necesario que os indicadores permanezan nun nivel de risco inferior durante un tempo mínimo de 14 días.
Que actuacións de resposta se recomendan en cada nivel de alerta?
As restricións para o nivel 2 de alerta, no que se atopa Galicia, son en esencia os que dende hai 10 días aplica a Xunta, que mesmo restrinxe as reunións sociais por riba do mínimo recomendado
O documento aprobado polo Ministerio de Sanidade e as Comunidades autónomas inclúe unha relación de medidas e restricións que se aplicarán en cada territorio cando este chegue a un determinado nivel de alerta. Así, no nivel 2 no que neste momento se sitúa Galicia (de "transmisión comunitaria sostida xeneralizada con presión crecente sobre o sistema sanitario) recoméndase limitar as reunións sociais a un máximo de 10 persoas, limitar ao 50% a capacidade dos espazos pechados, prohibir o consumo en barra nos locais de hostalaría, o peche dos locais de ocio nocturno ou a limitación ao 75% da capacidade de cines e teatros.
En esencia, son as actuacións que rexen para toda Galicia dende o pasado 20 de outubro (o nivel 2 de restricións, no criterio empregado dende hai semanas pola Xunta), aínda que no conxunto de Galicia a limitación das reunións sociais é máis estrita (máximo 5 persoas) e nalgúns concellos (os que están no nivel 3 e durante esta ponte as sete cidades) as medidas son máis duras.
No seguinte nivel de alerta, ao que Galicia podería chegar en breve, recoméndase limitar a un terzo a capacidade dos comercios e valorar o peche das zonas interiores de bares e restaurantes
No seguinte nivel de alerta (nivel 3, de "transmisión comunitaria non controlada e sostida que excede as capacidades de resposta do sistema sanitario"), ao que Galicia podería chegar nos vindeiros días, no caso de que a porcentaxe de ocupación de camas hospitalarias siga medrando, as medidas recomendadas son máis ou menos as mesmas, pero algo máis duras.
Establécese unha limitación a 6 persoas para as reunións sociais (en Galicia a restrición xa é máis estrita), recoméndase limitar ás 23 horas o horario de apertura ao público dos establecementos con servizo non esencial, e tamén unha capacidade máxima dun terzo nos establecementos comerciais, e dun 50% nos cines e teatros, valorándose o peche completo das zonas interiores dos bares e restaurantes, que só poderían manter a actividade en terrazas e nos servizos de recollida en local e envío a domicilio.